Centrífuga con accesorios
Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, trataremos de amosar, parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despois da inauguración do Colexio- Instituto no 1886.
Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.
Centrífuga con accesorios

- Fabricante: G. Fontaine (París).
- Cronoloxía: 1890 - 1891.
- Clasificación: Obxectos educativos / Instrumentos científicos / Sección: Mecánica de sólidos.
Descrición e funcionamento
A máquina centrífuga consta dun eixo vertical ó que se lle pode imprimir un rápido movemento de rotación por medio dunha roda á que vai unido por unha corda de coiro. Sobre o seu eixo poden fixarse, mediante un parafuso transversal, os seguintes accesorios:

- Aparello de láminas formando unha esfera. Conxunto de láminas de aceiro moi delgadas dispostas en forma de arcos, cuios extremos inferiores están fixos a un eixe que se coloca na máquina centrífuga, e os extremos superiores únense a un anel que pode correr ó longo dese mesmo eixe. Si se lle imprime un movemento de rotación, óllase que o anel empeza a deslizarse hacia abaixo polo eixe, provocando que a forma delimitada polas láminas pase de esférica a elipsoidal.
Este accesorio permite comprobar o achatamento da terra e dos astros en xeral, baixo a influencia do seu movemento de rotación.

- Regulador de Watt. Este mesmo dispositivo é o que regula a entrada de vapor no cilindro das máquinas de vapor. Este regulador diminúe ou aumenta a forza motriz, retardando ou acelerando o movemento para que sexa constante.
A máquina centrífuga e os seus accesorios empréganse para a demostración dos efectos da forza centrífuga, que se manifesta en dirección normal á curva descrita polo móbil.
- Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.
Tesouros da Fundación
Artigos sobre Fernando Blanco de Lema
- Fernando Blanco de Lema, por Darío Areas (I).
- Fernando Blanco de Lema, por Darío Areas (II) – O testamento.
- Fernando Blanco de Lema, por Darío Areas (III) – O traslado dos restos mortais a Cee.
- Fernando Blanco de Lema, por Darío Areas (IV) – Problemas á hora de cumprir as últimas vontades do fundador.
- Fernando Blanco de Lema, por Darío Areas (V) – 125 anos de historia educativa no Instituto Fernando Blanco.
- A Guerra da Independencia na vida de Fernando Blanco de Lema.
Outros artigos de Darío Areas
Máis información
Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).