Martes. 15.10.2024
El tiempo
00:39
13/02/13

Contramínate

Contramínate

Os pesadelos asoláganme inundando de tremores o oco desta árbore onde me escondo por temor a uns seres que non comprendo.

Cando o verán enche de xente esta carballeira onde eu vivo, desfruto da algarabía cos diferentes sons na felicidade do encontro, de fugaces e discontinuas unións que me rexuvenecen centos e centos de anos.

Sempre me gustou acercarme aos emigrantes que voltan de cando en cando, pois abren a súa alma e escoitase tan ben o seu crepitar que dan gañas de adormecerse sobre as follas coas melodías chegadas dende lonxe; escoitalas liberar o amor pola terra, esa conexión tan perdida e que parece ser devolta pola nostalxia. Sempre me estrañou isto, pois parece que valoran máis as cousas que perden que aquelo que teñen.

Venme agora ao recordo un bo home que coñecera, ao cal gustaba moito de visitar. Este quería moito a súa muller, tanto que case nunca se molestaban. Nunca os vin darse un bico nen un agarimo, mais sí mostras de enorme dulzura silenciosa e escondida … pero sempre xuntos, levando a vida como un só, sacando todos os avatares a diante … unha noite un torbellino de palabras de amor sairon dos beizos desencadeados da sua muller … diante a irreversible ausencia do seu home marcada por unha cruz de pedra … dende aquel día as caricias foron constantes, bicaronse sen vergoña a ser vistos … amáronse sen medo.

Amades a terra cando vos falta. Por isto decidín voltar a sair deste refuxio, deste recuncho escondido e acercarme a falar convosco, a deixarvos escoitar o meu silencio. A alertar a ese timorato amor pola terra, avisándolle de que a pode perder para sempre. Nesta carballeira onde me refuxio temos medo, pois moitos paxaros viñeron a falarnos dun terrible demo. Somos tan poucos os que quedamos que nada podemos facer loitando solos contra algo tan grande e monstruoso.

Non hai moito viñeran demos que cortaron centos de carballos e castiñeiros, asolaron a lingua que nos unía e trouxeron especies doutros lares para afogar o aire no que a nosa alma se erguía en toda a súa maxia e esplendor. Retábamos con gallardía a canto demo había. Coa lingua agochada en diferentes covas e escondidos entre toxos, rochas e penedos, mantivémolos a raia, non, non poideron matarnos, pero si ferirnos … e agora, agora … veñen a reventar rochas, penedos, toxos, árbores, ríos e regatos … veñen con explosivos e veneno demos doutras terras a matar a maxia da nosa ferida alma que moi lentamente se curaba … e por iso, estamos a sair das carballeiras, covas, ríos e montañas os poucos que ainda soñamos … temos medo de perecer coa tristura, pois ista foi a que de vós nos apartou, non pudo matarnos, quizais poida agora.

Revélate contra as minas a ceo aberto, non deixes que destrúan a nosa alma, contramínate. En diferentes vales e montañas se está a espallar o eco informativo sobre a verdadeira cara deste demo que se esconde entre a codicia dos máis ruins e a ignorancia dos máis débiles. Axudádenos … axudádevos.

  • Xabier García (xabiergl[arroba]quepasanacosta.gal).

Máis información

Outros artigos de Xabier García en Rollin polas dunas

Fonte

Comentarios