Cristo Crucificado (óleo)
Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, trataremos de amosar, parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despois da inauguración do Colexio- Instituto no 1886.
Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.
Cristo Crucificado (óleo)


- Autor: Francisco Díaz Carreño (1836 - 1903).
Reproducción do óleo do mesmo título realizado por Diego Velázquez sobre o 1639, e conservado no Museo do Prado. - Cronoloxía: 1889 - 1890
- Clasificación: Obxectos artísticos / Sección: Pintura.
Descrición
A Fundación conta con 6 óleos realizados por Francisco Díaz Carreño entre os anos de 1884 e 1888, os cales foron destinados a decorar as paredes da capela do Instituto. Trátanse, lóxicamente, de obras de temática relixiosa: “San Luís Gonzaga”, “A Virxe do Rosario co Neno”, “San Xosé co Neno”, “A aparición da Virxe de Lourdes”, “Inmaculada Concepción (copia da de Bartolomé Esteban Murillo), e a obra protagonista desta sección: “Cristo crucificado” (copia do de Diego Velázquez).
A obra que nos ocupa, mercada durante o curso de 1889-1890, é unha reproducción do máis que célebre óleo, do mesmo título, de Diego Velázquez, pintor barroco do século XVII, considerado un dos máximos expoñentes da pintura española e figura indiscutible da pintura universal.
Velázquez, e por extensión Díaz Carreño, pintan o Cristo segundo a iconografía aceptada no século XVII. Represéntase con 4 cravos e os pés xuntos apoiados nunha pequena ménsula de madeira, e cun contraposto clásico que deixa todo o peso nunha perna, mentras que a outra descansa. Pintan o pano de pureza (tamén chamado perizoma) bastante pequeño, sin excesos de voos como era costume no barroco, e dese xeito poder amosar o corpo nú ó máximo posible, e facer un estudo muscular da anatomía humana. A faciana está caida sobre o peito, deixando ver o suficiente dos seus rasgos e faccións nobles. Mas da metade da cara esta cuberta polo longo cabelo, que cae en vertical como anunciando a morte xa acaecida pola ferida que aparece no costado dereito.
Carece totalmente do dramatismo propio do estilo barroco. O sangue é mínimo, o que nos demostra a súa inspiración andaluza, moito menos dramática que os Cristos casteláns realizados por artistas da mesma época como Gregorio Fernández.
O cadro está asinado, na súa parte esquerda, coa seguinte sinatura: “Francisco Díaz Carreño. Madrid”.
O autor
Francisco Díaz Carreño naceu en Sevilla no 1836. Realizou a súa formación artística na Real Academia de Belas Artes de San Fernando de Madrid, converténdose en discípulo de Federico de Madrazo y Kuntz (pintor cunha gran vinculación á Fundación Fernando Blanco de Lema).
Pensionado en Roma no 1862 pola raíña Isabel II, obtivo ó seu regreso varias rescompensas nas Exposicións Nacionais de Belas Artes de 1864 e 1868, e sobre todo na de 1871, na que logrou a Cruz de María Victoria e un rotundo éxito.
Foi profesor auxiliar de debuxo no Conservatorio de Madrid. Como pintor é coñecido sobre todo polas súas obras históricas, as súas copias de cadros clásicos (como o que nos ocupa), e pola realización de retratos de integrantes das elites madrileñas.
- Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.
Tesouros da Fundación
Artigos sobre Fernando Blanco de Lema
- Fernando Blanco de Lema, por Darío Areas (I).
- Fernando Blanco de Lema, por Darío Areas (II) – O testamento.
- Fernando Blanco de Lema, por Darío Areas (III) – O traslado dos restos mortais a Cee.
- Fernando Blanco de Lema, por Darío Areas (IV) – Problemas á hora de cumprir as últimas vontades do fundador.
- Fernando Blanco de Lema, por Darío Areas (V) – 125 anos de historia educativa no Instituto Fernando Blanco.
- A Guerra da Independencia na vida de Fernando Blanco de Lema.
Outros artigos de Darío Areas
Máis información
Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).