Custodia
Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, trataremos de amosar, parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despois da inauguración do Colexio- Instituto no 1886.
Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.
Custodia
- Autor: Pratería Meneses (Madrid)
- Cronoloxía: 1887
- Clasificación: Obxectos relixiosos / Sección: Ourivería.
Descrición
A custodia tamén recibe o nome de ostensorio (do latín ostentare, “amosar”).
Tratáse dun obxeto no que se expón o corpo de Cristo para a adoración dos fieis. Convén que sexa de materiais dignos, que
signifiquen a veneración e adoración que se merece pola comunidade.
As custodias ou ostensorios teñen a súa orixe na institución da festa chamada do Corpus a mediados do século XIII, pero o certo é que é moi raro atopalas antes do século XIV, e as súas formas non se fixaron ata ben entrado o século XV.
A tipoloxía en forma de sol radiante da custodia ten a súa orixe na segunda metade do século XVI, adquirindo progresiva importancia ao longo dos séculos XVII e XVIII, debido a que a súa traza e tamaño convírtena en máis funcional e menos custosa que as grandes custodias procesionais.
Estructuralmente a custodia da Fundación é unha peza que conta cunha base artística apoiada en 4 patas en forma de garra. Sobre esta base, un anxo fai de soporte dun viril, rodeado dun sol radiante, no interior do cal colócase visiblemente á Sagrada Forma. O viril aparece rodeado de cabezas de anxos e rematado nunha cruz.
Foi mercada no ano 1887 para a capela do Instituto da Fundación, capela na que repousan os restos de Fernando Blanco de Lema.
O autor
Pratería Meneses foi fundada por Leoncio Meneses Alonso (Villamuriel de Cerrato - Palencia, 1816 – Madrid, 1884).
Os seus primeiros contactos co mundo da ourivería proceden da súa estancia en Xibraltar, onde tivo que refuxiarse logo de acompañar o Xeneral Espartero ata o Puerto de Santa María (Cádiz), onde este último embarcou con destino ao seu exilio en Inglaterra, tralo fin da súa rexencia.
Logo do desterro volta a Madrid reclamado polo artífice italiano Marcos Lattis para dirixir o seu obradoiro. Cando morre Lattis, Meneses queda ao frente do seu taller, e abre unha serie de negocios de ourivería na capital.
Enviou aos seus fillos varóns a estudar á Escola de Artes e Oficios de París, e de regreso a Madrid continúan co negocio de seu pai, abrindo máis tendas e fábricas.
A fabricación durante todos estes anos exténdese á ourivería relixiosa e á pratería destinada a obxetos de mesa e elementos para hoteis. Distínguense dúas fases; unha inicial na que era tanto ou máis importante a fabricación de ourivería relixiosa, e unha segunda na que pasa a ser máis importante a pratería, gañando importancia os seus productos para mesa e decoración, chegando a ser nomeado proveedor, dourador e prateador da Casa Real no ano 1856.
Na actualidade, os descendentes do fundador de Pratería Meneses continúan coa tradición familiar que se iniciou na década de 1840.
- Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.
Tesouros da Fundación
Novas relacionadas
- Novedosas becas da Fundación e o IES Fernando Blanco.
- Máis escolares de Cee que coñecen o seu pasado.
- Un museo para 125 anos máis.
Artigos sobre Fernando Blanco de Lema
- Fernando Blanco de Lema, por Darío Areas (I).
- Fernando Blanco de Lema, por Darío Areas (II) – O testamento.
- Fernando Blanco de Lema, por Darío Areas (III) – O traslado dos restos mortais a Cee.
- Fernando Blanco de Lema, por Darío Areas (IV) – Problemas á hora de cumprir as últimas vontades do fundador.
- Fernando Blanco de Lema, por Darío Areas (V) – 125 anos de historia educativa no Instituto Fernando Blanco.
- A Guerra da Independencia na vida de Fernando Blanco de Lema.
Outros artigos de Darío Areas
Máis información
Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).