sábado. 03.05.2025
El tiempo
20:57
20/12/12

Debates Bizantinos

Debates Bizantinos

Din os cronistas que nos últimos días do Imperio Bizantino (antes coñecido coma romano de oriente), cara o 1453, cando o asedio das tropas do Imperio Otomano sobre Constantinopla era inminente, os políticos e intelectuais bizantinos seguían discutindo sobre cal era a substanciacion de cristo na terra ou si era adecuado usar símbolos na tradición cristiá (santos, imaxes, etc). Todo isto, entre acendidas discusións cheas de paixón e argumento na vez de centrarse no fundamental, a saber; os turcos chaman a porta e vannos dar “matarile” si continuamos sen preparar a defensa da cidade diante do previsible ataque inimigo.

A procedencia da frase “debate bizantino” remóntase ós tempos do Imperio Bizantino na Idade Media, cando este caía a pedazos.
Estas discusións xurdían entre os prelados e intelectuais do Imperio con capital en Constantinopla dende había séculos. A maioría destas discusións centrábanse en temas relixiosos moi afastados do día a día e que hoxe poderíamos considerar menores (ou non). Dende aquela, a cada debate mantido por puro deporte e sen reflicto real na vida ni nas cousas temos por costume denominalo “debate bizantino”.

Disto na Costa da Morte sabemos un puñado. Somos auténticos ases en debater sen medida nin control para non chegar a nada e sen que do debate xurda nada útil para a comunidade ou o futuro. Debatemos sobre todo e cando as cousas non permiten un debate (porque deberían ser unánimes) inventámolo. Aínda máis, debatemos sabendo que é inútil. É, penso eu, o maior estrago de esforzo humano da historia e no mundo. Dubido moito que haxa ninguén, ningún país nin ningunha comunidade na que se debata tanto e tan inutilmente como aquí.

Alguén dirá (con razón) que ás veces os debates son positivos. Confrontan posturas, proporcionan argumentos e obrigan a esforzarse a aqueles que queren poñer algo en marcha, ou tomar unha decisión que afecte o común, ou calquera outra cuestión de uso popular. Pero non todo ten un debate, e incluso dentro das cousas que teñen un debate moitas non o merecen, ben porque non vale a pena o debate, ben porque por moito que se opine, que se proteste, que se argumenten cousas mais ou menos certas ou acertadas, vai dar o mesmo a existencia dun debate. Hai cousas que son e punto. Por enriba de todo e de todos. Porque non dependen de nos, a maioría, ou porque dependendo de nos non soubemos manternos firmes cando había que facelo e agora outros son os que deciden por nos.

Como sempre, nos perde o debate. Preguntas sinxelas, respostas claras e curtas; Que queremos ser?, cantos o queremos?, podemos permitirnos ser así?. E no caso de respostar afirmativa e maioritariamente a isto, todo o mundo podería vivir decentemente e con seguridade dese xeito?. Simple. E co veredicto, imos a morrer. Sen fisuras.

Si, xa sei. Utopía. Eu carezo da preparación de moitos pero, como teño por costume, sei ler. E leo tanto cousas positivas como negativas sobre cada un dos “grandes temas” que centran o debate na costa da morte hoxe. Ecoloxía ou industrialización?, Emprego hoxe ou paciencia para un mañá supostamente mellor?, Turismo ou empresa?, Onde, como, para cando?. E o máis importante, todas estas decisións, dependen de nós? Estamos en disposición de decidir?

Preguntas sinxelas, respostas claras e curtas. Dubido que a maioría se decante por calquera delas. De tódolos xeitos, nunca o saberemos.

Preferimos seguir debatendo. Somos así.

  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Verdades

As Verdades como puños de José Luís Louzán

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).
+

Comentarios