Desmiuzando o ‘National Health System’

O sistema sanitario británico difire substancialmente do español. Esta diferencia é aínda maior se comparamos o funcionamento dun e doutro nunha macrocidade como Londres e nunha pequena vila como pode ser calquera da Costa da Morte.
O primeiro que debemos facer para rexistrarnos no National Health System (NHS) e dispoñer de médico de cabeceira (GP) é introducir nalgún buscador web (Google, por exemplo) o noso código postal –este consta de 6 ou 7 díxitos e varía practicamente en cada rúa, pois funciona como unha sorte de xeolocalizador- e averiguar qué centros de saúde se atopan na nosa área.
Unha vez feito isto, podemos escoller libremente calquera deles, sempre que teñan a listaxe de inscrición aberta, e acudir alí para rexistrarnos. Como todo nesta cidade, e, por extensión, neste país, deberemos cubrir un amplo formulario. Polo xeral, deberemos presentar tamén un xustificante de residencia.
Cumprido o trámite administrativo, e para que o rexistro sexa efectivo, cómpre tamén acudir ao servizo de enfermería para a apertura do historial clínico e para superar unha serie de tests (analítica, control da tensión, etc.).
Cada vez que mudemos de domicilio é preciso repetir todo este proceso, e ese é un dos principais puntos débiles do sistema: non existe un rexistro dixitalizado que permita compartir información entre os distintos centros que conforman o National Health System, tanto centros de saúde como hospitais. Outra das maiores eivas é a lentitude na xestión da atención primaria, especialmente nos centros con maior afluencia de pacientes. Por norma, son necesarias arredor de dúas semanas para conseguir cita co médico de cabeceira. Isto implica que, en caso de que o problema sexa de certa importancia, non queda máis opción que acudir ao servizo de urxencias ou ir directamente ao hospital. Neste caso atoparemos, nembargantes, abundantes facilidades, pois é posible ir a calquera hospital da zona, sen necesidade de estar adscrito a el.
Pola contra, o máis positivo radica na extremada amabilidade de todo o persoal sanitario e na súa vontade de axudar, así como na gran eficacia do persoal administrativo. No meu caso particular, ademais dalgunha visita rutinaria ao médico de cabeceira, estiven en tres ocasións nalgún dos hospitais da cidade (unha delas para realizar un escáner de xeonllo e, as dúas restantes, por mor dun pequeno percance no meu posto de traballo), e debo recoñecer (e agradecer) que o trato sempre foi exquisito. Isto non significa que non sexa así en España, pero os recortes en sanidade e maila “fuga de cerebros” están provocando unha notoria perda de calidade no sistema sanitario español. Así o proba o testemuño dos médicos e enfermeiros españois que traballan aquí: un dos mellores sistemas sanitarios do planeta estase desmantelando a causa dos tan famosos “recortes”.
- Paula García Costa, vimiancesa licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e co Máster en Formación do Profesorado pola Universidade da Coruña (UDC).
Artigos de Paula García Costa
- España vs. Inglaterra: Dous universos paralelos.
- The new ‘Spanish Army’.
- Cómo buscar traballo en Londres.
- O reto de atopar vivenda en Londres.
- Welcome to London.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).