sábado. 10.05.2025
El tiempo
10:26
14/01/11

Despilfarro

Eu non sei nada de economía. Ou case nada. Sei o que leo, o que me ensina algún alma caritativa e o que aprendo nos meus estudios. Nada máis. Sei que, no concepto máis liberal da doutrina económica promulgada por Milton Friedman e a Escola de Chicago, ser así, liberal, en economía, non admite nin axudas nin subvencións. Tódalas intervencións da administración ou do “estado” tenden a desestabilizar o sistema e, polo tanto, son negativas. Quedan así excluidas as dádivas, prebendas, acubillos e ofertas de postos de traballo na mesma administración, dado que para o modelo económico liberal aquilo non obtido por medio do mercado so pode promover dificultades no propio mercado. Tamén sei que vivimos nunha economía capitalista. Adam Smith, entre outros, postulou este modo de vida económica, baseado na oferta e na demanda e nunha serie de mecanismo autoreguladores que, segundo os ideólogos do método, garanten o funcionamento e as oportunidades para todos dentro do sistema. Esta concepción non contempla, polo tanto, que, por exemplo, nun concello a propia institución municipal sexa o principal empregador. Supeditar as arcas publicas a creación de emprego é así visto como un propio anatema para os liberais “o goberno non crea postos de traballo. Son as empresas as que os crean. O único que debe facer o goberno e non estorbar”. M. Friedman dixit. Neste contexto, saber de economía sempre pode verse como algo relativo. ¿Sabía de economía Amancio Ortega?. Polo visto si, dado que dende unha simple tenda de roupa na Coruña culminou en trinta anos a consolidación dun imperio que factura máis que o PIB dalgún goberno. A súa fórmula de éxito parece sinxela e se basea no meollo principal do capitalismo puro. Oferta contra demanda. E se a oferta non chega, a creamos. Todo un entramado de moda a prezos de agasallo para motivar a unha demanda excesiva e desmesurada de roupa nun contexto social de sociedades de consumo. Simple a vez que complicadísimo. ¿Aceptou subvencións Ortega?. Non. Pero si promoveu como poucos o movemento cooperativista no téxtil (que despois esqueceu en prol de marchar coa produción a Marrocos). ¿Precisou axudas económicas directas?. Probablemente nin se molestou en pedilas, tal foi o seu éxito. Si, parece que sabia algo de economía. ¿Sabe de economía un alcalde calquera na Costa da Morte?. A vista do xeito entre vergoñento e dramático no que se moven os números dos concellos da bisbarra aparenta que non. Non depende tanto deles a nivel persoal, certo, pero queda claro que saben menos de economía que de comunicación social. Claro que nin unha cousa nin outra parece que lle faga demasiada falta. Diríxense a unha poboación anestesiada e basicamente orgullosa da súa ignorancia e, ademais, non vende a súa reelección en base a logros senón a promesas e favores. Algúns postulan xa, a falla de seis meses para os comicios municipais, cantos concelleiros gañara tal ou cual partido, en base os favores e promesas de traballos feitos a familias e persoas concretas. Ata ese punto chega a corrupción moral na que vive sumida a política mais cercana a nos. Así que si partimos da base de que son uns ignorantes en materia económica ¿con que sorte de dereito ninguén se pode considerar en condicións para criticar a calquera que si ten unha licenciatura relacionada coa política económica?. Ben, iso si o sei respostar. O dereito a cuestionar a sabedoría dos demais só o ofrece a ignorancia propia. Dicía John M. Keynes, outro dos país do sistema económico moderno que “Si eu che debo unha libra, teño un problema; pero si che debo un millón, o problema é teu”. ¿E si nos deben dous millóns de euros?. Si alguén nos debe dous millóns de euros de quen é o problema?, ¿dos que non saben de economía? Di o dicionario da Real academia da lingua que despilfarro é “o gasto excesivo e superfluo”. Non serei eu, ignorante da economía e dos seus rudimentos, quen considere que é ou non é despilfarro. So digo que, coma dicía Goethe “Ai de aquel que axita as entrañas dunha nación”… ou dun pobo, engado eu. ¿Quen sabía de economía?, ¿os que manexaron a vontade os fondos que chegaban a mancheas cando o “Prestige”?. Si, estamos empezando a ver canto sabían de economía. Unha visión un pouco “The Sopranos” da economía, pero economía a fin e o cabo. A da Costa da Morte. Pero, que saberei eu…
  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Máis información e contacto

Novas relacionadas

Verdades anteriores

Comentarios