Venres. 29.03.2024
El tiempo
09:45
15/06/12

E agora que?

Cos nervos a flor de pel é complicado contar que pasa, aínda que sexa baixo o propio punto de vista. Falamos a diario de termos que ata os propios economistas descoñecen, nesa caste de ciencia que chaman economía e que ten demasiado de adivinatoria, víscera e manipulación e ben pouco de ciencia. Pero o estado actual das cousas que hoxe venres será, a fin do día, peor ou moito peor do que eu o pinto aquí (mellor non vai ser) podería ser esta.

Este domingo Grecia decide se suspendemos definitivamente a democracia en Europa ou non. Se o voto coloca de novo a fronte do goberno o PP grego (Nova Democracia lle chaman… uns cachondos), fin do asunto. Goberno da Alemaña, creación por decreto dos “Estados Unidos de Europa” e santaspacuas. Pola contra, se a fin a esquerda representada por Syriza gaña, a posibilidade de destapar a fin todo este escandaloso atraco consentido aumenta. Non é que considere moito mellor a un que ao outro, pero o discurso é ben diferente. Revisión do rescate, evaluación de cal é a debeda real dos gregos… e dende aí a cousa pode resultar ben interesante de seguir.

De igual xeito e como teño dito, as próximas eleccions en Galicia poden supoñer a Grecia española si, como moitos desexamos, o PP perde dun xeito abrumador e queda así amosado o malestar xeral pola actitude dos populares. Unha vitoria do PP en Galicia amosaría que somos bobos (algúns) e que merecemos que, ademáis de roubarnos como fan, nos dean unhas ostias. Veremos.

Pero antes teñen que pasar moitas cousas. Primeiro a dimisión de Rajoy, que busca como sexa unha solución que lle permita recibir cartos de Europa para sufragar a desfeita contable dos seus amigos na banca sen ter que facer o que Alemaña esixe, a saber; aumento da idade de xubilación ata os 69, recorte nas pensions aló menos do 10%, subida do IVE e despedimento dun número sensible de funcionarios. Como en Grecia cando foi rescatada.

Este paquete de decisións, Rajoy sábeo, representarían a dimisión de facto do actual goberno polas presións con graves disturbios incluidos nas rúas.

Neste mesmo intre, aínda que as teles, os periódicos do réxime (Razon, ABC, La Voz…) e as emisoras subvencionadas o esquezan, mineiros Asturianos e Leoneses seguen nunha guerra de guerriñas no norte de España loitando por non verse na rúa en cuestión de días. Hai lume, sangue e disturbios constantes, choques entre manifestantes e policía diarios e non ten visos de solución. Ademais, Mestres e Médicos continúan a súa particular loita polos servizos básicos (e iso antes de ter votade a rua a ningún deles) e os pensionistas comezan a facer preguntas incómodas do tipo "por qué di vostede que debo pagar polas medicinas?, pero non quedamos que era vostede do PP?"

Con este panorama o Presidente máis inútil da historia da democracia (de papel) española prefire esconderse (normal) e isto incide na súa durabilidade. Cre Rajoy e os seus asesores que enviar a De Guindos a galeras a falar cos xornalistas o exime a el de daño, sen darse conta de que, a día de hoxe, ningu´wn, nin sequera no mesmo PP, acredita nada nas figuras de Rajoy ou da Ministra do Movimiento (Sorayita).

Esperanza, mentres, agarda na cova a sacar o “Chulapomovil” e acudir rauda e populista a defender a España!! Populismo de baratillo, ao estilo dos nazis gregos. Para os asustadizos, advertir que veremos cousas desmesuradas. Os que hai que seguir é os cabales e sensatos. O 15M presentou una querela popular polo desfalco de Bankia nos xulgados…

Os líder da esquerda grega se pregunta porque España pode recibir 100.000 millóns de euros sen condicións mentres Grecia pasa penurias… Xa llo digo eu. Porque é mentira Alexos. As condicións serán as mesmas, pero aquí goberna un fato de mentireiros sen escrúpulos.

Boa sorte a todos. Fará moita falta.

  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Verdades

As Verdades como puños de José Luís Louzán

Comentarios