Mércores. 24.04.2024
El tiempo
11:05
13/02/12

Ganímedes

Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, trataremos de amosar, parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despois da inauguración do Colexio- Instituto no 1886.
Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.

Ganímedes

  • Autor: Orixinal obra de José Álvarez Cubero (1768-1827)
  • Lugar de compra: Academia de Belas Artes de San Fernando (Madrid)
  • Cronoloxía: 1903
  • Clasificación: Obxectos artísticos / Sección: Xesos

A peza e o autor

No ano 1903 mercáronse dúas interesantes estatuas en xeso, de considerables proporcións, para embelecer a escaleira pricipal do Instituto, onde sigues estando hoxe en día. Unha era unha copia do “Sátiro en repouso” de Praxíteles, pero a outra, a que nos ocupa, era unha obra de maior calidade: unha reproducción do Ganímedes modelado en París por Álvarez Cubero. Este artista recibiu de Napoleón, no ano 1804, unha medalla de ouro polo orixinal no que está inspirado esta reproducción.

José Álvarez Cubero naceu en Priego de Córdoba, realizando os seus primeiros estudos en Córdoba, Granada e Madrid, onde foi admitido na Real Academia de Belas Artes de San Fernando. En 1799 ingresa na École de Beaux-Arts de París e, posteriormente, traballa no obradoiro do artista Jacques-Louis David. Álvarez Cubero integrouse na vida parisina e participou en diversos concursos, sendo merecedor, como anteriormente se comentou, dunha medalla de ouro pola súa representación do Ganímedes.

Dende 1805 instálase en Roma onde entabla amizade co escultor Antonio Canova, converténdose no seu discípulo. Tamén exerceu deescultor da corte no exilio do rei Carlos IV de España. En 1825 regresou a España, e nos seus dous últimos anos de vida, proseguiu coa súa arte, realizando diversas esculturas.

O mito de Ganímedes

Segundo a mitoloxía grega, Ganímedes era fillo do fundador de Troia, Tros. Era un mozo pastor que coidaba os rabaños de gando do seu pai nos montes.

Os deuses fixáronse nél porque era o mozo máis fermoso do mundo. Zeus, anticipándose ós demáis, serviuse dunha aguia para raptalo e levalo ó Olimpo (segundo outras versións, Zeus disfrazouse de aguia para lograr o seu obxectivo).

Xa no Olimpo, Ganímedes será o copeiro dos deuses e o encargado de escanciar o néctar na copa de Zeus, función que antes desempeñaba Hebe, a deusa da xuventude. O feito de convertilo en copeiro dos deuses (traballo de moitísimo prestixio) non foi máis que un pretexto para esconder os motivos do seu rapto, posto que Zeus namorárase dél.

A pesar do contido homosexual da historia, os comentaristas cristiáns convertiron o rapto de Ganímedes nunha alegoría do rapto da alma humana por parte de Deus e da súa ascensión o reino dos ceos.

  • Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.

Tesouros da Fundación

Novas relacionadas

Artigos sobre Fernando Blanco de Lema

Outros artigos de Darío Areas

Máis información

Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.

Fonte

Comentarios