Martes. 12.11.2019
El tiempo
09:37
05/07/12

Grandes Penalidades

Grandes Penalidades

Nadamos en hipocresía. É un tsunami de comportamentos sociais perversos, onde novos e vellos actúan falseando os seus auténticos sentimentos. Non podemos ver diante ó veciño pero, en vez de dicirllo e facernos a un lado, o que facemos é mentir. Mentir abertamente a este e a outros veciños para esconder o noso real sentimento. Por que? As razóns poden ser moitas pero, na maioría dos casos, a interese, económica ou social, move un comportamento mesquiño, pobre e baleiro de responsabilidade.

Da hipocresía na Costa da Morte fixemos arte. Mentimos e ocultamos o que realmente pensamos dos demais para esconder as nosas cartas, nunha sorte de póquer masivo de sentimentos encontrados onde o que vale é o que parece e non o que é.

Premiamos este comportamento, coma outros igual de reprobables dos que xa teño falado e ademais, atención, castigamos ao contrario. É dicir, condenamos abertamente, sen cortarnos un pelo, a aquel que, sen aditivos nin medias tintas, fala con franqueza do que cre e do que pensa, aínda que se equivoque ou fira ao seu interlocutor. Prezamos máis faltar toda unha vida a verdade do que se sinte por alguén, poñendo en risco moitas cousas, antes que aceptar que, ás veces, vale a pena ser sincero. “Oe, non me caes ben. Si che falo algo é so para manter as apariencias, por si me fas falla no futuro para algo”. Así de simple.

Esta actitude, propia da Costa coma poucas, nos aboca ao desastre. En base a este xeito de ser forzamos as persoas e ser coma non son. Forzamos alianzas insostibles, comportamentos políticos viciados, impropios dun lugar maduro. E de paso destruimos a aqueles que, coa mellor das vontades, expoñen a súa conciencia aos demais para que, aló menos, haia alguén que non se dedique a enganar os demais sobre o que sinte e o que cre. Ou en quen cre e confía.

Esta mensaxe de hoxe parte do sentimento puro de verse rodeado. Rodeado de hipocresía, só e esquecido en xeral por aqueles aos que, remotamente, se pode ter considerado como amigos, no entendido de que en moitas ocasións as persoas son difíciles e escuras. Lobos solitarios. Pero non por iso deben ser castigadas ao esquecemento e o escarnio. Só porque nos situen diante da pura e dramática realidade non merecen o abandono. Para nada.

A lealdade non existe. Só falsas apariencias e manipulación. Un camiño de rosas. Dicía Fernando Pessoa, falando do Portugal do cambio de século, que o camiño elexido pola nación só auguraba “Grandes Penalidades”. Eu vou máis aló. O camiño elixido por nós, homes e mulleres libres, abocados a mentir por definición para non sufrir a morte social é un puro suicidio moral. E merecemos canto nos suceda nese aspecto. O temos gañado a pulso.

  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Verdades

As Verdades como puños de José Luís Louzán

comentarios