Hoxe: A semana (Zas, 1947)
11:02 09/12/10
Martes
Moncho espertou en metade da noite. Reparou en que tiña unha man durmida e levantouse da cama para comezar a movela e fregala coa outra man. Nunca lle pasara no medio do sono, pero volveuse a durmir sen darlle a menor importancia.Mércores
As tres da madrugada. Moncho espertou sobresaltado. Algo ía mal. Notou que a súa man e brazo dereitos estaban insensibles e dun salto púxose en pé para reactivar a circulación sanguínea. Logrouno pasados uns minutos, que a Moncho se lle fixeron eternos. Volveu deitarse, pero xa lle foi imposible conciliar o sono. Durante a mañá realizou as súas tarefas habituais no campo e antes de comer foi á taberna a beber un ribeiro, momento que aproveitou para comentar o sucedido con Damián. - Iso vaiche a ser o corazón- contestoulle Damián- que vai lento de máis polas noites, Monchiño. Eu de ti tomaba un café logo da cea para espabilalo. Pero tranquilo que á miña muller tamén lle ten pasado o da man durmida e diso non morre ninguén.Xoves
O café mantívoo esperto ata moi avanzada a noite. Interrompeu o seu sono o galo cando xa amencía e percibiu asustado que todo o lado dereito do seu corpo estaba paralizado. Valéndose da súa perna e brazo esquerdos incorporouse traballosamente, sentándose na cama e intentando reanimar presuroso as zonas mortas. Primeiro o brazo, que fregou vigorosamente ata comezar a sentilo. Logo o resto foi volvendo á normalidade tras múltiples exercicios e masaxes. Moncho foise directo ao médico da vila, don Víctor, que logo de examinalo intentou tranquilizalo dicíndolle que se trataba de "parestesia", un adormecemento provocado por oprimir as extremidades debido a malas posturas. Recetoulle, de tódolos xeitos, unhas pastillas para a circulación sanguínea que Moncho comezou a tomar esa mesma tarde.Venres
A noite transcorreu lentamente, pois Moncho espertaba con frecuencia para pasar revista ao estado natural do seu corpo. Tivo delirantes pesadelos nas que se vía en cadeira de rodas e ata nunha amencía convertido nun ser de cemento. Con todo, o canto do galo puxo banda sonora ao alivio mañaneiro de Moncho: as pastillas, aparentemente, deran resultado e non existía asomo de zonas durmidas.Sábado
Unha nova pastilla, unha nova noite. Silencio. Quietude. Unha inexplicable sensación de alarma sacou do seu sono a Moncho e fíxolle abrir os ollos, que se alagaron da escuridade que aínda reinaba no dormitorio. Pero foi o único que obedeceu ao seu cerebro, pois o resto do corpo desertara do seu control. Non foi capaz de mover nin cabeza nin pernas nin mans, ... nada. Pestanexou repetidas veces, desexoso de que iso significase o comezo na recuperación da sensibilidade; pero pasaba o tempo e a situación non variaba o máis mínimo. "Un soño", díxose, "está claro que isto é un soño; acouga, Moncho, que todo estará en orde pola mañá". Comezou a respirar con ansiedade, pestanexando cada vez máis rápido e máis forte, como querendo espantar as sombras e reclamar o día. O seu nerviosismo ía en aumento; decatouse que non estaba soñando por unha pinga de suor que humedeceu un dos seus ollos. "¡Non, non, non, non, por favor! ¡Por favor, Deus, que non me quede así! Teño que estar esperto, si, e cando chegue o día o meu corpo empezarase a desentumecer. Si, sempre o fixo de día. Aínda que era porque o reanimaba coa miña man boa, e agora, se non o podo estimular con nada... Pero é imposible que o meu corpo quede durmido, é imposible. A respiración ....vai cada vez máis rápida. ¿Estarán durmíndose os pulmóns? Tampouco os sinto. ¡Non sinto nada! E o corazón...¿Pódese durmir o corazón? Non, é imposible. Non te volvas tolo, Moncho. Téñome que relaxar; acabará chegando alguén e verá o movemento dos meus ollos. Hoxe é sábado e quizá veña a miña tía Balbina a saudarme e a deixarme froita da súa horta. Si, tranquilizareime e aguantarei esperto ata que chegue ela. Ou Damián, se non me ve na taberna en todo o día quizá se achegue a ver se me pasa algo. Fixen ben o outro día en contarlle o que me ocorreu, estará alerta." Amenceu, e Moncho puido comezar a recoñecer a súa propia habitación grazas á luz que traspasaba a fiestra. "Xa falta pouco, teño que permanecer esperto", díxose. Moncho mantívose en vela bastante tempo, pero o sono acumulado de toda a semana venceu a súa resistencia e acabou durmíndose, completamente esgotado.Luns
Moitas horas despois abriu os ollos repentinamente e aterrorizouno a escuridade que de novo o envolvía. "¡Deus, durminme! E fíxose de noite outra vez. ¿Pero non viría ninguén? Non importa, cando amaneza será domingo e a tía Balbina virá seguro a visitarme. Que chegue o día pronto, por favor. Meu Deus, bótame unha man, por favor pídocho. Todo sairá ben, é imposible que non veña ninguén, todo vai saír ben,..." Cando o primeiro verme cruzou por riba dun dos seus ollos, Moncho soubo que estaba enterrado nun cadaleito.- Ángel M. Moar (ammmoar[arroba]quepasanacosta.gal)
Relatos anteriores
- Hoxe: Os formidables de Nantón (Cabana, 1954).
- Hoxe: Comida (Arou, 1946).
- Hoxe: A porta (Camariñas, 1.944).
- Hoxe: A pequena (Frixe, 1.908):
- Hoxe: No fondo (Suarriba, 1.955).
- Hoxe: Un neno carbón (Corcubión, 1.926).
- Hoxe: Dúas irmás (Malpica, 1.951).
- Hoxe: A caixa (Berdoias, 1.957).
- Hoxe: A radio (Corcubión, 1.953).
- Hoxe: Sambaxada (Cee, 1.976).
- Hoxe: Tres días (Muxía, 1.949).
- Hoxe: O baile dos vampiros (Corcubión, 1.992) .
- Hoxe: Touliña (Camelle, 1.948).
- Hoxe: Un diaño por Fisterra (Fisterra, 1.913).
- Hoxe: O Regalo: (Corme, 1.9/opinion//hoxe-tres-dias-muxia-1-949/20100929171621098995.html) .
- Hoxe: Ego te absolvo (Carballo, 1.975) .
- Hoxe: Tuno de Oficio (Santiago de Compostela, 1.982).
- Hoxe: Regateo (Moraime, 1.950).
- Hoxe: O Macao (Baio, 1.988).
- Hoxe: Na Escola (Cabana, 1.971) .
- Hoxe: O último desfile de San Cristóbal: (Corcubión, 1.989).
- Hoxe: O álbum (Fisterra, 1.932).
- Hoxe: Xenerosidade e entrega (A Coruña, 1.994).
- Hoxe: O mozo de onte (Cee, 1.936).
- Hoxe: coMISIÓN SUICIDA (Corcubión, 1.972).
- Hoxe: A espera (Agualada, 1.981).
- Hoxe: Vertixinoso (Carballo, 1.974).
- Hoxe: Afogo (Laxe, 1.967) .
- Hoxe: A frecha (Corcubión, 1.969).
- Hoxe: Gloria (Ponteceso, 1.937).
- Hoxe: Un día de furia (Cee, 1.990).
- Hoxe: O Sabio (Lira, 1.978).
- Hoxe: Propulsión (Cee, 1.998).
- Hoxe: A decisión (A Coruña, 1.901).
- Hoxe: Desencontros na primeira fase (Muxía-Fisterra, 1.973) .
- Hoxe: O poeta II (Redonda, 1.980).
- Hoxe: A voz (Carballo, 1.995).
- Hoxe: O poeta I (Redonda, 1.941).
- Hoxe: Encaixe (Camariñas, 1.999).
- Hoxe: Sen perdón (Baio, 1.996).
- Hoxe: Unha foto (Ponte de Porto, 1.934).
- Hoxe: Sindo o bebedor (Cee, 1.983) .
- Hoxe: O monstro de Quilmas (Quilmas, 1.930).
- Hoxe: A burla (Laxe, 1.960).
- Hoxe: A illa do tesouro (Ézaro, 1.958).
- Hoxe: Carioca (Corcubión, 1.993).
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).