sábado. 10.05.2025
El tiempo
08:01
25/11/10

Hoxe: Comida (Arou, 1946)

Hoxe: Comida (Arou, 1946)
Dúas apracibles velliñas xogando ó parchís. - ¡Catro! Un, dous, tres, catro... ficha comida e para casa! - Pero que fas, se estabas nesta casilla. - Diso nada, estaba na anterior. - ¡Isabel, que estou segura! - Tamén estou eu. ¡Mira que tes mal perder, Mari Carmen! - Mal perder ti, Isabeliña, que fas máis trampas que O Pataqueiro. - Oes ti, coidado co que dis, que eu non fixen trampas na vida. Eres ti a que por levar o céntimo... - O céntimo o podes meter sabes onde... - María Isabel, non me fales así que eu non che faltei. - ¿E non me acabas de chamar tramposa? - Porque sempre queres gañar como sexa. - Non, non...Eu xogo con Elvira e non teño problemas, xogo con Cristina e non teño problemas, xogo con Maruxa... - Non tes problemas porque a xente tenche medo , pero eu canseime xa de consentir os teus caprichos. - ¡Os caprichos, di a señorita! Pero se eres ti a máis caprichosa do mundo, que ben saben todos en Arou que tivéronche que facer tres veces a lápida do teu Enrique porque non che valía a letra. - ¡Non foi pola letra! Nunha, trabucáronse no ano de nacemento, e noutra... - E que máis terá o ano de nacemento. - Terache a ti o mesmo, como ninguén sabe que anos tes... - Setenta e sete, e ben levados por se che amola. - Se a te-la cara como unha pasa e a cabeza como unha chota chámaslle ben levados... - ¡Falou a raiña da beleza! Que se teu pai non tivese as leiras en Lazo quedabas para vestir santos. - Claro, eu non daba a probar a mercancía a tódolos homes, como outras. - ¡Serás castrona! Sempre me tiveches envexa; sabe Deus o que andarías a dicir de min por ahí. - ¿Eu? Dicíao todo o pobo, que nunca cho contei pero antes de que casaras co Tucho chamábante "A Leonora" porque, como a tenda de Leonora, sempre estabas aberta. - Pendón si que fuches ti, víbora, o que pasa e que ninguén che quería do monstro que eras. - ¡Ai señor, que vaime dar algo! Nunca pensei que foras tan mala, Isabel. - A que empezou fuches ti co das trampas, agora non veñas de santiña. - Pois xa que estamos, que saibas que a teu home o viron unha noite no monte con Eulalia do Trollo. - ¡Mala pécora! Que o teu estaba sempre tan borracho que con quen ía andar, se non se aguantaba de pe. - Non che consinto que fales así de Enrique, que en gloria esté. - Na gloria estará, muller, que fuxir da túa compaña xa é estar na gloria. - ¡Deus, que resentida! Non quero seguir falando. Vou para casa. - Pois veña. - ¡Ala! Para casa a ficha e sales ti gañando. - Entón agora conto vinte: unha, dúas, tres...
  • Ángel M. Moar (ammmoar[arroba]quepasanacosta.gal)

Relatos anteriores

Fonte

  • Redacción de QPC ( info@quepasanacosta.galEste enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver ).

Comentarios