Venres. 26.04.2024
El tiempo
12:14
18/06/11

Lembranzas do Casón

Lembranzas do Casón

Un dos episodios máis escuros acontecidos na nosa costa foi o do embarrancamento do buque de bandeira panameña Casón o día 5 de decembro do 1987 , no cabo da Nave logo de sufrir un incendio a bordo.

Concorren neste naufraxio una serie de circunstancias e de escenarios que como mínimo poderiamos definir como estraños. Gardaba nas súas adegas arredor de 3.000 bidóns de produtos que aínda hoxe non se sabe a ciencia certa se eran tóxicos ou prexudiciais de algunha maneira para a saúde, pois nunca se dixo cal era o seu verdadeiro contido.

O día 5 de decembro do ano 87 había na nosa costa un dos habituais vendavais do suroeste con ventos forza 8 a 9 (unha velocidade nos ventos de entre 70 e 90 kph.).

O Casón con 31 tripulantes a bordo navegaba a unhas 15 millas ao oeste de cabo Fisterra, cando se declarou un incendio no seu compartimento de maquinas; ao non ser quen os seus tripulantes de atallar as lapas, lanzaron un S.O.S. que recolleu a radio costeira de Fisterra e mais o centro de salvamento marítimo.

A partir de aquí todo foi moi confuso.

23 dos 31 tripulantes do buque panameño decidiron abandonar o buque, colocáronse os chalecos salvavidas e saltaron a auga, os 23 pereceron. E de salientar que na maioría deles a causa do falecemento foi por desnucamento , e o motivo foi que se chimparon a auga dende unha altura considerable sen ter ben amarrados os chalecos salvavidas; e o entrar en contacto coa auga a unha velocidade considerable o chaleco ao non estar ben suxeito ao corpo daba un forte golpe na cabeza dos pobres náufragos partíndolles o pescozo.

Unha das interrogantes de este naufraxio foi o porqué do abandono precipitado destes 23 tripulantes do barco. A que tiñan tanto pánico para saltar así? De feito os que quedaron abordo salváronse todos.

Outra circunstancia estraña foi a de por que non se puido dar remolque ao buque. Dous remolcadores de altura chegaron ao seu carón poucas horas despois de que o Casón pedise auxilio. Neses momentos o navío panameño aínda se encontraba a varias millas da costa, sen embargo foi levado polo vento e a corrente até embarrancar.

Despois de embarrancar e cando empezou a auga a anegar as adegas e entrar en contacto cos produtos que transportaba, producíronse unha serie de explosións. ¡Os bidóns saltaban literalmente sobre das ondas envoltos en chamas.!

A descoordinación das autoridades foi total e despois de varias horas de indecisións decidiuse a evacuación total das localidades costeiras próximas o embarrancamento.

Aínda hoxe en día non se sabe o que naquela ocasión aconteceu , nin o que transportaba o Casón , chegou a falarse de produtos radioactivos.

Logo, os restos que quedaron nas súas adegas foron extraídos e levados para a antiga factoría de Alumina Aluminio Preto de Burela…

E nunca máis se soubo.

……………………………………………………………………………

Eu naqueles días andaba embarcado de patrón nun arrastreiro muradán chamado “Sidri-Rober”; neses tempos faciamos parella co “Llave Del Cielo”, tamén arrastreiro con base en Santa Uxía. Ese día en concreto atopabámonos atracados no porto de Muxía no cal entraramos a media mañá fuxindo do temporal.

As primeiras noticias sobre do Casón obtívenas a través da radiotelefonía ao escoitar a petición de auxilio do buque. Un incidente mais nas nosas augas, pensei, e non lle din mais importancia.

Pero a cada hora que pasaba as novas eran máis preocupantes até que embarrancou. Despois, a confusión e o balbordo.

As noticias eran confusas, falaban de evacuación e Xan ,que era o meu compañeiro Ribeirán e mais eu decidimos sacar os barcos de porto e dirixirnos para Muros.

O tempo era duro do suroeste e a navegación non era doada. Ao pasar a altura do cabo da Nave a unas escasas tres millas de onde se atopaba embarrancado o Casón, puiden ollar claramente os resplandores das primeiras explosións da súa carga.

Arribamos a Muros arredor da unha da madrugada do día 6 e a vila estaba literalmente “tomada” polas xentes que tiveron que fuxir apresuradamente dos seus domicilios nas vilas evacuadas.

Púxenme a percorrer as calles de Muros naquela ventosa noite de inverno; o panorama era dramático, familias enteiras buscando cobixo debaixo dos soportais, xente maior que choraba porque tiñan incerteza sobre do que ía a pasar, a estrada ateigada de coches que non daban avanzado…

Se Dante Alighieri buscase imaxes para o seu inferno , alí aquel día atoparía algunhas.

Tamén aquela noite vin aos meus veciños, a miña xente, abrir as portas das súas casas para dar cobixo e alimento a todo o que o necesitase. Escenas que nunca se me han de esquecer e que me fan sentir mais orgullosos si cabe da miña vila e da súa xente.

Non fixo falta que ninguén dixese nada que ninguén pedisen nada, tan só foron abrindo as súas portas e sacando das rúas para dar consolo e abrigo aos que ese día eran necesitados.

Aquel día dinme conta do porqué, e do verdadeiro significado da lenda que reza no escudo de Muros

MOI NOBLE MOI LEAL E MOI HUMATARIA VILA DE MUROS.

A Cara máis íntima do naufraxio

Máis información

Novas relacionadas

Artigos relacionados

Comentarios