Manómetro de Bourdon
Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, trataremos de amosar, parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despois da inauguración do Colexio- Instituto no 1886.
Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.
Manómetro de Bourdon
- Inventor: Eugene Bourdon (1808 - 1884)
- Fabricante: E. Bourdon Bte. (Francia)
- Cronoloxía: 1890 - 1891
- Clasificación: Obxectos educativos / Instrumentos científicos / Sección: Penumática
Descrición e funcionamento
Componse dun tubo de latón, envolto en hélice, que forma unha circunferencia. As paredes do tubo son delgadas, flexibles e de sección elíptica.
O tubo envolto está disposto no interior dunha caixa metálica. Ten o seu extremo pechado en contacto cunha agulla que se despraza sobre unha escala externa, graduada entre 1 e 6 atmósferas, presentando divisións en cuartos de unidade. O extremo aberto vai
unido a un tubo con chave de paso que sirve para poñer en comunicación o manómetro co depósito de gas do que se pretenda medir a presión.
Cando a presión aumenta no interior do tubo, éste tende a aumentar de volume e a rectificarse, o que pon en movemento a agulla.
Os manómetros son instrumentos que se empregan para medir a presión dun gas pechado nun recipiente.
O manómetro de Bourdón baséase no principio de que calquera presión exercida no interior do tubo envolto tende a desenvolvelo, mentras que as presións exteriores tenden a envolvelo.
A vantaxe deste tipo de manómetro é o doado do seu transporte e a pouca fraxilidade. Pola contra tende a volverse progresivamente inexacto.
O inventor
Eugene Bourdon naceu en París en 1808. De profesión reloxeiro e enxeñeiro, ideou no 1849 o manómetro que leva o seu nome. Este manómetro foi o equipo máis utilizado para a medición da presión a escalas de laboratorio e industrial dende a súa introducción a mediados do século XIX, seguindo en uso na actualidade. A súa aparición no mercado europeo, e case inmediatamente despóis no americano, constituiu o punto de partida para o paulatino, pero firme, reemprazo do por entón moi común manómetro de mercurio. Grazas ao seu invento logrouse reducir o número de accidentes derivados dos motores de vapor e das súas caldeiras asociadas.
Eugene Bourdon tamén ideou moitos outros dispositivos como unha trompa de vacío, un reloxo pneumático e un taquímetro. Eugene Bourdon fundou a Bourdon Sedeme Company para distribuír o seu invento. Os dereitos para América foron mercados en 1852 por Edward Ashcroft, que fundou a Ashcroft Incorporated. Morreu en París en 1884.
- Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.
Tesouros da Fundación
Novas relacionadas
- Novedosas becas da Fundación e o IES Fernando Blanco.
- Máis escolares de Cee que coñecen o seu pasado.
- Un museo para 125 anos máis.
Artigos sobre Fernando Blanco de Lema
- Fernando Blanco de Lema, por Darío Areas (I).
- Fernando Blanco de Lema, por Darío Areas (II) – O testamento.
- Fernando Blanco de Lema, por Darío Areas (III) – O traslado dos restos mortais a Cee.
- Fernando Blanco de Lema, por Darío Areas (IV) – Problemas á hora de cumprir as últimas vontades do fundador.
- Fernando Blanco de Lema, por Darío Areas (V) – 125 anos de historia educativa no Instituto Fernando Blanco.
- A Guerra da Independencia na vida de Fernando Blanco de Lema.
Outros artigos de Darío Areas
Máis información
Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).