Xoves. 25.04.2024
El tiempo
10:00
18/04/12

Marmita de Papin

Marmita de Papin

Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, trataremos de amosar, parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despois da inauguración do Colexio- Instituto no 1886.
Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.

Marmita de Papin

  • Inventor: Denis Papin (1647 - 1712)
  • Cronoloxía: 1890 - 1891
  • Clasificación: Obxectos educativos / Instrumentos científicos / Sección: Calor e Traballo

Descrición e funcionamento

Recipiente cilíndrico de bronce cunha tapadeira do mesmo metal que se adapta hermeticamente grazas a un parafuso de presión superior.
Sobre a tapadeira, e formando corpo con ela, disponse unha válvula de seguridade sobre a que presiona, en maior ou menor medida, unha panca lateral. Canto máis próximo do extremo libre da panca se atope un peso deslizante que pode desprazarse, maior será a presión sobre a válvula.
Para facilitar o peche hermético soían colocarse entre a tapa e o recipiente algunhas follas de chumbo.

Papin foi o primeiro físico que estudiou os efectos da produción de vapor en vasos pechados. A marmita que leva o seu nome utilízase para demostrar que aumentando a presión retárdase o punto de ebullición.

Se poñemos nun forno a marmita, chea de auga ata dúas terceiras partes e pechada, pode quentarse o líquido ata os 200º C ou máis sen que ferva, dependendo da carga que se lle dera á válvula de seguridade.

O inventor

Denis Papin naceu en Chitenay (Francia) no ano 1647. Cursou os estudos de ciencias físicas en Angers. No ano 1673 instálase na capital francesa, converténdose en discípulo de Chistiaan Huygens. Ambos estudiaron a posibilidade de aproveitar a enerxía producida polo vapor de auga a presión. En 1675 trasladouse a Londres, onde traballa con Robert Boyle.

No ano 1680 inventou a marmita, predecesora das actuais olas a presión, as cales permiten a cocción rápida dos alimentos a alta presión.
Esta ola, que non se comercializará ata o século XX, dispón dunha válvula de seguridade deseñada tamén por Papin. Segundo a lenda, Papin aplicou a marmita a cocer as verduras máis duras e tamén para reblandecer os osos e extraerlles a xelatina que conteñen no seu interior, coa finalidade de condimentar unha exquisita sopa que repartía entre os pobres.

No ano 1687, o príncipe elector de Hesse-Kassel, Carlos Augusto, ofreceulle a cátedra de matemáticas da Universidade de Marburg. Alí Papin reproduciu o experimento de Huygens, e contruiu un aparato perfeccionado que lle permitiu demostrar que a condensación do vapor produce efectos comparables ós da depresión dos gases.
Ademais inventou e perfeccionou unha máquina pneumática, un ventilador centrífugo para airear as minas, unha máquina de vapor provista de pistón alternativo e o primeiro barco de vapor.

Entre as súas obras destacan “Experiencias sobre el vacío, con la descripción de las máquinas que sirven para obtenerlos” (1675) e “Descripción y empleo de la nueva máquina para elevar agua” (1687).

  • Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.

Tesouros da Fundación

Novas relacionadas

Artigos sobre Fernando Blanco de Lema

Outros artigos de Darío Areas

Máis información

Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.

Fonte

Comentarios