Mércores. 15.05.2024
El tiempo
09:30
05/04/11

Notas sobre a poboación de Cee (ss. XVI-XX) – 7. Análise do Vecindario de 1587

Notas sobre a poboación de Cee (ss. XVI-XX) – 7. Análise do Vecindario de 1587

As parroquias do concello de Cee: notas sobre a a súa poboación (ss. XVI-XX)

7. Análise do Vecindario de 1587

A pequena análise que se pode facer a partir deste vecindario, do que falamos na entrega da semana pasada, apunta en primeiro lugar o claro desequilibrio que existe á hora de levar as rendas do fogar, xa que en 89 casos (83.1%), está dirixido por un home frente os 18 restantes nos que é unha muller o cabeza de casa. No caso das mulleres, a súa situación é moi precaria, xa que das 18 mulleres cabezas de casa, nada menos que 15 viven no límite da subsistencia, especialmente as viúvas pobres, en moitas ocasións con nenos pequenos que sacar adiante e con ingresos mínimos procedentes de labores no campo ou na elaboración de encaixes.

Polo que se refire ós homes, está claro que é a pesca a principal ocupación, un 45% dos mesmos adicanse a esta actividade (40 casos que representan unha porcentaxe do 37.3% no total de veciños). Dentro deste grupo, pódese diferenciar como preto dunha terceira parte deles teñen uns ingresos pequenos, por eso aparecen como pobres. Posiblemente se tratara de pescadores que non tiñan botes propios e que pescaban para a súa subsistencia e vender na vila o sobrante que lle poidera quedar. Frente a estos, os pescadores máis acomodados adicaríanse a comercialización da pescada, congrio e sardiña. Sabemos por un documento de principios do século XVII, que tratantes das Rías Baixas viñan ós nosos portos para comprar peixe, como por exemplo a encarga de cento ciencuenta quintais de muy buen congrio curado de la suerte y bondad que se suele llevar al señorío de Vizcaya, ou mil millares de sardiña arencada co mesmo destino e cincocentos de cabezuda e escochada para Portugal. A pescada fresca era salgada co fin de ser enviada a Sevilla e outros lugares.

A outra profesión de peso na vila de Cee é a de zapateiro (11 casos que supoñen un 10.2% do total de veciños). A súa importancia debe ter a súa razón de ser en que éstes non se limitarían tan só a facer e reparar calzado, senón que tamén traballarían o coiro e ó contar con material axeitado como as subelas e variados tipos de agullas, poderían reparar as redes dos pescadores e outros obxectos necesarios nas faenas do mar. Dentro do grupo dos zapateiros aparecen dous pobres, sendo un deles Domingo Freire, çapatero rremendon, é dicir, un zapateiro que se adica preferentemente a pequenos arreglos, ben por non ter material con que facer o calzado ou por non ter a destreza necesaria para elo, polo que os seus ingresos son sempre moito menores cá os dos seus compañeiros de profesión.

Polo que respecta as demáis profesións, só os sastres e os labradores (cinco casos cadanseu o que representa un 4.7% en cada grupo sobre o total de veciños) teñen certo protagonismo. Dende logo, o peso dos traballadores do campo é mínimo no caso da vila, frente a unhas parroquias rurais onde os labradores son a inmensa maioría, máxime tendo en conta que dos cinco veciños labradores, tres pertencen ó lugar do Son, nos arrabais da vila, segundo o informe do alcalde. A concentración de sastres é lóxica, tendo en conta que estamos a falar dun dos escasos centros urbanos da zona e polo tanto punto de referencia para os habitantes das parroquias dos arredores, formadas case que exclusivamente por labradores, como xa dixemos, e por algún texedor, zapateiro e tratante de gando. Polo tanto, terían que acudir á vila na hora de facerse roupa para algún momento importante das súas vidas, ben se tratara dunha boda ou dun enterro, sempro tendo en conta o momento histórico ó que nos estamos a referir, que non ten nada que ver co momento actual. Non pensemos, pois, en grandes festas nin en estrenos de roupa varias veces ó ano. Máis ben ó contrario, un traxe podía durarlle toda a vida ó labrador de calquera aldea, por eso os sastres teñen o seu ámbito de actuación nas vilas onde o movemento é maior e hai un certo dinamismo que lle abre certas expectativas de traballo.

As restantes profesións limítanse a casos aillados, así, Cee contaba con dous ferreiros, un panadeiro, un carpinteiro, un texedor pobre, un carceleiro tamén pobre e un escribán. Éste último, Francisco López Becerra, xunto co clero e os catro ou cinco casos de homes dos que só aparece o nome no vecindario, sen dar máis información, deben formar de seguro o grupo das clases acomodadas, que como se pode comprobar só englobaba a unha pequena parte do vecindario da vila.

  • Víctor Castiñeira. (vmcastineira[arroba]quepasanacosta.gal)

Que pasou na Costa na época moderna

Que pasou na Costa

Elección Histórica da Costa da Morte

Especial Bicentenario de Víctor Castiñeira en La Voz de Galicia

Fonte

Comentarios