Sábado. 05.10.2024
El tiempo
11:47
04/02/13

O Carromeiro

Baliza en Carromeiro

Historicamente a ría de Corcubión tivo unha importancia vital para a navegación. Aquí fondeaban os barcos, e seguen fondeando aínda algúns, para abrigarse dos temporais antes de dobrar os cabos de Fisterra e Touriñán. Pero esta importancia aumentou considerablemente no século XIX co incremento da navegación oceánica e a vapor. Mais para que estes barcos entrasen na ría facían falta infraestruturas diversas, como unha boa sinalización para que salvasen os perigos que hai na mesma.

Unha persoa moi interesada en que os barcos fondeasen na ría era Plácido Castro Rivas, home de negocios e pai do intelectual galeguista Plácido Castro del Río. O primeiro, fisterrán de berce e corcubionés de adopción, viu o negocio no subministro de carbón aos barcos que navegaban a vapor e que pasaban fronte a nosa costa. A concesión outorgoulla o goberno, despois de moito pelexar, en 1893. Para isto instalou uns pontóns na ría nos que almacenaba o carbón para despois pasarllo aos barcos que o solicitaban para queimar nas súas caldeiras, facer funcionar os seus motores e seguir as súas rutas. O que montou Plácido Castro, digámolo coloquialmente, foi unha estación de servizo para barcos

Mais topou con moitos problemas e non só os naturais da ría. Os problemas tíñaos tamén co goberno que, entre outras trabas, non lle quería deixar vender carbón inglés, máis barato que o asturiano; o goberno tampouco tiñan moita présa por declarar ao porto de Corcubión de “Interese Xeral”, algo que se concede en 1902. Se os barcos non viñan non había negocio, tampouco traballo para a xente, duro traballo para cargar e descargar o carbón.

A figura de Plácido Castro, pai, está agardando por un estudo que dea a coñecer o seu labor empresarial e filantrópico, esnaquizados por completo tras a cruel guerra civil. Algo nos ten adiantado Baldomero Cores nunha serie de artigos publicados no Galicia Hoxe fai xa uns anos.

Hoxe só quero traer aquí unha imaxe dunha baliza de sinalización erguida no Carrumeiro Pequeno ou Novo, coñecido tamén como o “cemiterio dos gregos” polos varios barcos desta nacionalidade que foron bater alí, entre outros. Nesta imaxe vemos unha especie de trípode de ferro asentado sobre a rocha do Carromeiro e que leva un sinal na parte superior. Como na farola do Pindo, aquí o nome indicativo tamén está en inglés, acompañado agora polo da compañía de carbón que estaba instalada no fondo da ría de Corcubión. Isto facíao para dar unha imaxe de seguridade aos barcos que pasaban á altura do cabo Fisterra, especialmente os ingleses, dominadores dos mares.

Como a administración pública daba largas ao asunto da sinalización da ría, foi a iniciativa de Plácido Castro Rivas a que levou a cabo esta obra polo 1906. Mais os temporais deberon desbaratar pronto este sinal e os barcos volveron bater, outra vez, contra este baixo. Sería en 1917 cando, por fin, o Estado decide erguer a actual baliza. Antes, en 1861, instalárase unha campá para avisar do perigo. Pedro Ruidavets tamén fala, en 1867, desta boia de campá “fondeada en 4`5 brazas por su parte meridional”, “pero arrebatada por un temporal, no se ha repuesto todavía”. Fala tamén de outras dúas colocadas nos Meixidos, pero igualmente “ hace tiempo que fueron arrebatadas por el mar y no se han repuesto”. Ou sexa, que as boias pouco duraron, os barcos afundían e o Estado, como hoxe, ocupado en quefaceres que pouco nos interesan.

A tradición de colocar campás para sinalizar dos baixos perigosos parece que a instaurou un abade escocés, no século XIV, cando colocou unha nun perigoso baixo á entrada da ría de Edimburgo, chamado Inchcape. Desde entón o baixo sería coñecido como Bell Rock. Entre 1807 e 1810 Robert Stevenson, avó do escritor Robert Louis Stevenson, ergueu alí un faro. Neste caso a campá desapareceu, seica foron os piratas holandeses o que a levaron e non os temporais, que alí tamén pegan con forza.

Di o poeta Jorge Riechmann que se escribe para aprender a escribir, para aprender a vivir e para aprender a aprender. Pois ben, un tamén escribe para aprender. Así, a raíz da miña primeira entrega de As Aberturas o amigo Alejandro Lamas recordoume que o sinal cego do Pindo tamén fora feito grazas aos cartos de Plácido Castro Rivas.

Enténdese agora o interese deste home de negocios de dar unha imaxe fóra, especialmente en Inglaterra, de que a ría de Corcubión estaba ben sinalizada e que podían vir aquí os barcos a se aprovisionar de carbón, necesario para as súas caldeiras.


As Aberturas

Outros artigos de Manuel Vilar

Serie "De Carnota a Astoria: “Vin porque me trouxeron, non quería vir”", por Manuel Vilar

Fonte

  • Redacción e fotos de Manuel Vilar para QPC.

Comentarios