Luns. 09.09.2024
El tiempo
10:05
02/04/13

O dramaturgo Roberto Vidal Bolaño e a súa infancia en Baio

O dramaturgo Roberto Vidal Bolaño e a súa infancia en Baio

Subscribo esta crónica (Os mellores actores de Galicia son da Costa) do web amigo QPC, na que se salienta con verdadeira fachenda que nos Premios de Teatro "María Casares" outorgados onte día 26 de marzo, o esteirán Xosé Manuel Olveira “Pico” levou o premio ó Mellor Actor pola súa participación en Kafka e a boneca viaxeira, de Eme2, e o cormelán Víctor Mosqueira, levou o de Mellor Actor Secundario por Galicia Canibal, de Filmanova Invest. Mesmo o actual presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Toño Casais, é de Cee.

No bo anaco que estiven vendo a gala pola TVG non se enfocou para nada a ningún representante da Consellería de Educación e Cultura; quedaría mal enfocar as súas caras de circunstancias. Convén lembrar que tamén estiveron nominados, polo que eu lembro, Ana Santos (de Mazaricos) e Artur Trillo (de Buxantes-Dumbría). Ítem máis, o ano pasado o vimiancés Vicente de Souza tamén fora galardoado, e Trillo en anos anteriores.

Parabéns a todos. E unha vez máis temos que parafrasear aquilo do Cantar do Mío Cid ("que bos vasalos -os actores e actrices- se houbese bos señores -os que nos gobernan desde a Xunta-), pois é de vergonza que no ano en que se lle vai render homenaxe no Día das Letras Galegas 2013 ó dramaturgo Roberto Vidal Bolaño sexa cando se está desmantelando o vizoso teatro galego. (Por certo, que Vidal Bolaño, maila ser natural de Compostela, ten unha parte baiesa: a do seu tío Ovidio Vidal Ríos, médico militar -xeneral-; polo que me dixeron Roberto seica pasara veráns da súa infancia na casa baiesa do Chamberín do seu tío).

E como ultimamente ando remexendo nas hemerotecas por mor doutro traballo que teño a a medias con Chema Rei Lema, atopei este recorte dunha entrevista que C.A.M. lle fixo a Roberto en Carballo (La Voz de Galicia, edición de Bergantiños-Soneira e Fisterra, 31-12-1998) con gallo da presentación no cine Rega da súa obra Anxeliños. El mesmo fala desta relación con Baio na súa infancia:

Pincha na imaxe para ampliar o recorte da Voz sobre Vidal Bolaño en 1998

Pódese dicir que Cee, Baio e Carballo son os principais centros de teatro da Costa da Morte. O grupo afeccionado de Baio, Badius, fundado en 1984, ten moito mérito, pois lévase mantendo todos estes anos con moito éxito; as súas estreas na vila baiesa son multitudinarias. Ademais, no IES Maximino Romero Lema de Baio, o profesor Ricardo Vigueret e outros colaboradores conformaron una produtiva asociación teatral xuvenil que serve de canteira para Badius.

Así mesmo, temos que saudar que nestes momentos, co empeño do grupo municipal de goberno de potenciar a cultura, a Casa da Cultura da vila de Vimianzo estea acollendo tamén importantes funcións teatrais que enchen por completo as 300 butacas coas que conta o recinto. O Concello de Vimianzo demostra que pode haber cultura, pode haber bo teatro, malia os recortes. ¡Vaia milagre: neste concello a cultura non queda fóra de xogo coma na Xunta de Galicia, e resulta que mesmo dá cartos, pois ben que o notan os bares e restaurantes vimianceses cando hai algunha función ou actuación, pola afluencia de xente de toda a comarca!

Por certo: agora que o propio presidente da Xunta, Sr, Feijoo, recoñece que coa paralización das obras da Cidade da Cultura de Santiago o seu goberno vai aforrar moitos cartos, ¿notarase isto para retomar as axudas ó noso teatro, ó mundo do libro e a todas as demais actividades culturais condenadas á súa desaparición? ¿Notarao positivamente a nosa lingua?

Novas relacionadas

Artigos de Lema Suárez en QPC

Fonte

Comentarios