O galego sae caro
17:30 20/01/11
Seica falar en galego, euscaro e catalán no Senado sae caro. O sector rancio anda estes días aventando que efectivizar a co-oficialidade das linguas do Estado na Cámara Alta é moi costoso. Nestes tempos de crise, o argumento o aderezan cun pouco de demagoxia “que ía pensar un parado se sabe que se gastan trescentos mil euros nisto¡”. Tamén un pizca de simpleza “para qué andar nesas historias se total todos nos entendemos en español”.
Calquera movemento tendente a que as outras linguas do Estado (agás do castelán) tenten ter status oficial, de seguido queda baixo sospeita. O das linguas oficiais queda moi bonito nos papeis, pero se non se visualiza, non é máis ca un brindis ao sol. Dende hai tempo, os atauqes á lingua galega van revestidos dun disfraz pra despistar. Non se ataca frontalmente, simplesmente deixase morrer. Promóvese falar nunha lingua e as outras abandóanse á súa sorte. Non se fomenta o uso nas escolas, en actos oficiais, téntase pasar a un segundo plano.. e o tempo fará o resto, borrala da faz da terra.
O do argumento económico soa a chiste. Agora que estamos en plena obsesión aforrativa, só algunhas cousas se poñen en entredito polo seu custo. Posiblemente un parado bote as mans á cabeza se pensa no gasto en facer as linguas oficiais no Senado, certamente. Pero do mesmo xeito o fará se coñece cal é o orzamento militar do Estado, utilizado para sabediosqué, ou se se reflexiona sobre os gastos en viaxes oficiais, regalos a personalidades, actos de exaltación patrióticos, desfiles do día das Forzas Armadas, Pascuas militares e miles de pachangadas agochadas baixo sospeitosos epígrafes dos Orzamentos do Estado.
Que certos medios se ocupen de ensarillar todo e confundir non é novo. Agora resulta que os despilfarros do Estado son por culpa de oficializar linguas. Confundir. Co da crise houbo quen se adicou a atacar aos sindicatos coma se fosen causantes de todo. Non serei eu quen diga que funcionan á perfeción, pero mentres non se tome medidas con axencias de calificación, banca, e demáis chusma financieira, que non conten comigo pra criticar sindicatos. Bórrome nesa función de zapa pra esnaquizar algunha das trincheiras que poden quedar pra evitar que a marea liberal nos leve por diante.
Por certo, se en castelán nos entendemos todos no Senado, co inglés no parlamento europeo, poderiamos aforrar unha chea de cartos en Bruxelas. Pero claro, cando está polo medio a lingua de Cervantes, o conto xa cambia…
- Fran Hermida ([email protected]).
Máis información
- senxeito.eu, o blog de Fran Hermida.
Entrevista con Fran Hermida
- 10 preguntas con Fran Hermida, o camello do humor da Costa da Morte: 10 anos percorrendo o país arrincando gargalladas.
- "Eu son pelexón e rebelde e polo tanto toca reconstruirme".
- Da radio municipal de Corcubión á tele.