Sábado. 04.05.2024
El tiempo
11:49
20/11/10

O naufraxio do Bonito

O naufraxio do Bonito
Continuamos coa proposta chea de salitre, con sabor a un mar de ausencias que nos ofrecen Xusto Fisterra e Manuel M. Caamaño dende as súas bitácoras. Unha sección cargada de sentimento, onde as historias dos naufraxios se contan en primeira persoa. Hoxe, dende Muros, Manuel M. Caamaño cóntanos unha a historia salgada dun naufraxio ben coñecido: O Bonito, que xa tivo as súas homenaxes como a do Proxecto Costa da Morte da man de Fran Herbello ou a que lle rendíu o concello fisterrán, que dicía aquelo de "O sal, o sangue de Fisterra".

O naufraxio do Bonito

En onde hai mar, hai mariñeiros. Onde hai mariñeiros hai barcos e onde hai barcos, a veces ocorren desgracias. Pero a pesar de que o mar adoita reclamar un imposto cada certo tempo; ningún pobo mariñeiro esquecerá nunca aos fillos que perderon as súas vidas nel. Demasiado dor, demasiadas viúvas e orfos. Cal é o porto da nosa costa que non posúe a súa particular traxedia?
O Ave do Mar en Moaña , O Cizurquil en Muros e en Fisterra o Bonito , son só algunhas das traxedias acaecidas e protagonizadas por mariñeiros nas nosas costas. Estas desgracias non adoitan estar reflectidas nos grandes libros sobre naufraxios. A morte dun mariñeiro non vende exemplares! Pero os orfos, as viúvas, as nais, destes homes de mar, están e estarán sempre aí, e nunca han esquecerse dos seus. Non deixemos que a lembranza fine con eles. Lembremos nós tamén. E así pervivirán no tempo e na memoria. 32 orfos deixaron os 11 tripulantes do palangreiro "Bonito" na vila de Fisterra o 18 de xaneiro de 1960. Aínda hoxe, case 50 anos despois da traxedia, descoñécense as causas da súa desaparición. O bonito era propiedade de Matías Canosa, e foi construído no ano 1945. Estaba inscrito no folio 1091 da terceira lista, desprazaba 8 toneladas e posuía un motor de 40 HP. Poucos meses antes da traxedia o palangreiro, reparara o seu motor e remoceara o seu casco. No seu rol 11 nomes doutros tantos homes que nunca regresaron a súas casas:
  • RAMÓN TRILLO LIZANCOS , patrón de pesca;
  • JUAN FERNANDEZ MARCOTE, motorista;
  • MANUEL RIVERA CALO
  • JUAN LAGO DOMÍNGUEZ
  • RAMÓN LAGO DOMINGUEZ
  • FRANCISCO SANTAMARÍA CANOSA
  • JUAN LOPEZ DOMÍNGUEZ
  • JUAN TRABA TRILLO
  • AGUSTIN RIVAS DOMINGUEZ e
  • MANUEL LOPEZ LOPEZ; (mariñeiros).
Todos eles naturais e veciños de Fisterra. O meu bo amigo, Ernesto Rivero Calo, Patrón de pesca, ademais de irmán e cuñado de dous dos tripulantes do Bonito, colabora cos seus recordos e coa súa experiencia na elaboración deste relato. Ese 18 de xaneiro saliu o Bonito para os seus caladoiros habituais situados ao Oeste do Cabo da Nave. O vento era frescachón do SW e a mar de fondo grosa do NW facía que na costa e nas pedras se amontoaran montañas de escuma entre encrespadas ondas. Algúns barcos ese día decidiron non saír á mar en vista das malas condicións meteorolóxicas. Ramón Trillo a pesar da súa mocidade (28 anos) era xa un afeito patrón de pesca e sabia ben que en días como ese a costa era o seu peor inimigo, por iso ao saír de porto o seu rumbo foi sempre afastado das rompentes. Dirixíanse probablemente a unha zona ao Oeste do Cabo da Nave chamada "Jurjullo". Alí o día anterior obtivera boas capturas e Ramón, case con seguridade, acudiu de novo á mesma zona. Non se sabe en que momento ocorreu a traxedia nin en que forma. Puido ser a causa do mal tempo reinante ou que fose abordado por un dos numerosos mercantes que transitaban naquela época por estas augas. En terra non se dou a alarma entre os familiares do Bonito ata ben entrada a noite. Pois o día anterior xa demorara o seu retorno a porto por mor de haber alixado unha grande cantidade de peixe. Rapidamente saíron de porto varios barcos para tratar de atopar aos desaparecidos. As motoras "Puentecesures", patroneada por Juan Crastreje Martínez; "Josefa", que patroneaba Modesto Insua Domínguez, e "Manuel"; que era mandada por José Fábregas Calo, foron algunhas das que participaron na busca. Ata as 4 da tarde do seguinte día continuaron os labores de rastrexo, pero non se achou rastro de ningún supervivente. Só restos de redes e de roupas foron avistados nunha zona moi ampla que abarcaba desde Vilán a Cabo Fisterra.
Mentres en terra co paso das horas o desanimo e o desacougo dos familiares ía en aumento. Cada nova hora que pasaba sen noticias dos náufragos, diminuía a posibilidade de rescatar a algún deles con vida.
Co regreso a porto das embarcacións que participaron no rastrexo confírmase a traxedia. As esposas convértense en viúvas e os fillos en orfos. E todo un pobo, xunto, chora pola perdida dos seus conveciños. O 26 de xaneiro oficiouse na igrexa parroquial de Fisterra, un funeral presidido polo Cardeal Arcebispo don Fernando Quiroga Palacios, ao que acudiron diversas autoridades entre as cales salientaban o Gobernador civil da provincia don Evaristo Martín Freire. En representación da Capitán Xeral da zona marítima do Cantábrico, estaba o Axudante de Marina de Corcubión, e o representante provincial de Instituto Social da Mariña. Moitos dos orfos dos náufragos do Bonito aínda viven en Fisterra e unha gran maioría deles adícanse o adicáronse no seu día tamén o mar. Porque non hai que esquecer nunca os ausentes, pero a vida debe continuar...

Máis información

A cara máis íntima do Naufraxio

Novas relacionadas

Máis artigos sobre Naufraxios

Homenaxes

Fonte

Comentarios