Venres. 26.04.2024
El tiempo
10:47
14/09/11

O piano vertical Rönisch

O piano vertical Rönisch

Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, trataremos de amosar, parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despois da inauguración do Colexio- Instituto no 1886.
Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.

O piano vertical Rönisch

  • Inventor: Carl Rönisch (1814 - 1892)
  • Fabricante: Casa Rönisch (Dresde - Alemania)
  • Cronoloxía: 1893 - 1894
  • Clasificación: Obxectos educativos / Sección: Música

Descrición

Piano con estructura de conífera, con chapeado de acabado e pequenos macizos de carballo. O bastidor da estructura sonora é de ferro de fundición. As teclas son de marfil, aínda que a parte superior das mesmas é de material sintético de substitución. Presenta ademáis rodas xiratorias de ferro que facilitan o seu desprazamento, e apliques frontais para as candeas, posto que cando se merca este piano en Cee aínda non había fluído eléctrico, o que as facía imprescindibles, entre outras cousas, se se quería tocar o piano de noite.

Foi mercado ó longo do curso académico de 1893-1894 con destino ás clases de música do Instituto; clases de música que se remontan ó curso 1887-1888, e que foron o xerme da tradición musical da vila de Cee. A raíz desta clases de música da Fundación, creáronse nun primeiro momento un orfeón de 25 voces e unha rondalla, agrupacións que amanizaban actos e actividades do Cee de finais do XIX e principios do XX. Na década de 1920 crearíase a primeira banda de música da vila con alumnos e ex-alumnos do Colexio.

A Fundación conta con dous pianos máis na súa colección, ámbolos dous de cronoloxía un pouquiño máis recente: un piano da marca Pleyel, de finais do século XIX, e un piano Ortiz & Cussó dos primeiros anos do século XX.

O primeiro mestre de música da Fundación foi D. Jesús García Jiménez, pai de Dª. Ofelia e de D. Jesús (ambos mestres da Fundación), e que permanecen na memoria dos nosos maiores posto que era habitual que participasen nos enterros e funerais da contorna ata non hai moitos anos.

O autor

Carl Rönisch, que nacera en 1814, foi un dos pioneiros na construcción de pianos do seu tempo. A casa que él fundou en Dresde, no 1845, foi merecedora de varias medallas de ouro nas Exposicións Universais de Sidney, Amsterdam, Melbourne, Chicago e París. Busca a bela sonoridade, sostida por unha construcción estable e duradeira do piano.

No ano 1866 patentou o armazón de “clavijero” blindado, o cal consiste nun armazón de aceiro que cobre o “clavijero” completamente, e a través de buratos individuais proporciónalle á clavixa unha maior estabilidade, permitindo subir a frecuencia de afinación ó proveer de maior tensión ás cordas. Esto permite un volume de son moito maior ós pianos con cordas delgadas e sen armazón de metal dos comezos.

Aínda que pareza mentira, todas estas características estandarizáronse sobre a década dos anos 20 do século XX, sendo este tipo de bastidor empregado sistemáticamente hoxe en día nos pianos de cola e na maioría dos verticais.

Carl Rönisch foi nomeado Abastecedor Real ós Tribunais de Sajonia, España, Suecia-Noruega, Austria-Hungría e ó Zar de Rusia.

  • Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.

Máis información

Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.

Tesouros da Fundación

Outros artigos de Darío Areas

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios