venres. 02.05.2025
El tiempo
09:56
18/01/13

Opcións

Un dos debates que me roldan a cabeza nas últimas datas pasa por algo que xurdíu nunha conversa recente, ó falar de por onde pasan as opcións económicas da Costa da Morte a medio e longo prazo.

Mentres eu mantiña que non termino de ver datos reais (económicos, basicamente) que me fagan decantarme polo turismo coma única opción viable o que me interpelaba dicíame que estaba entre equivocado e tolo (iso si, o dicía contando cos mesmos datos económicos ca min, é dicir, ningún). Sexa por esa conversa ou por outras, repasando estes días datos de peche anual e outras estatísticas doume por quere constatar unha tendencia. E o que vexo non me clarexa nada.

O sector servizos, ese que debería sustentar ese suposto boom económico xurdido ó candor, por exemplo, do Camiño de Santiago, perdeu 528 empregos nos últimos 3 anos e medio. A cifra non é trivial, porque significa as dúas terceiras partes dos empregos perdidos nese mesmo tempo na comarca en total.

Só Camariñas gaña emprego no sector servizos, en concreto 14. Mentres, concellos eminentemente turísticos ou con grande peso no seu sector servizos (para quen aínda non caese, hostalería incluída) perderon un numero tan importante de empregos coma Cee, onde o sector perdeu 110, ou Fisterra onde na vez de crearse emprego foron 71 os que perdeu o sector. E iso de 2009 (xuño) a hoxe e sen datos fiables nos que remontarse máis atrás.

Así que a miña pregunta é clara. Se, no marco dunha crise galopante de dimensións descoñecidas, a comarca non é quen, nin tan sequera, de manter os empregos que tiña ou de perder unha cantidade pequena deles, alguén quere pretender en serio que “O turismo” solvente o problema do paro a 10 ou 15 anos vista na bisbarra?. En serio?.

É paradigmático que Dumbría, que leva perdendo emprego en tódolos sectores os últimos 10 anos perda en tres e medio 134 no sector servizos, unha área na que só podía medrar a vista de que falamos dun concello eminentemente agrícola e gandeiro. Nin así.

Así as cousas, a día de hoxe as cifras son teimudas e solventes. Un e medio de cada dous desempregados en Cee perdeu o seu posto no sector servizos, pero é que en Fisterra o 58% dos empregos perdidos proviñan do mesmo sector (e en Fisterra non son tendas as que copan o sector. Máis ben bares, restaurantes, cafeterías, pubs e hoteis e hostais). Polo tanto, falar de que o Camiño ou o simple feito do turismo creou emprego en Fisterra é, a vista de todo isto, unha enorme falacia.

Ollo, tampouco o destruíu. Pero non foi quen de mantelo, o que a min particularmente me parece igual de malo. Un último apunte, en Muxía, a outra fin do camiño na bisbarra, de 460 parados máis nos últimos tres anos e medio, 213 proveñen dos servizos. Un último cravo.

Con todo isto non quero dicir que me decante por outras tendencias (industrial, sector primario, etc...) pero para min queda claro que o traballo realizado en materia de promoción turística carece de todo fundamento e non ofrece resultado algún, a lo menos na labor de crear emprego.

Que cada quen reparta culpas segundo proceda.

  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Verdades

As Verdades como puños de José Luís Louzán

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios