Parece que sei de viños, e non teño nin idea
18:02 04/04/12

Primeiro de todo, abrir a botella
Un dos erros máis habituais ó abrir unha botella de viño é o de cortar a capsula por riba do reborde da boca da botella, e non por debaixo. Hai que pensar que agora estas cápsulas están feitas de estaño ou plástico, pero antiguamente eran de chumbo. Ese reborde é para que o viño non entre en contacto con esa capsula, e non só por hixiene, se non porque o chumbo en contacto co alcol se disolve, e o chumbo é tóxico. Non é por esaxerar, pero o chumbo no viño foi o que acabou co Imperio Román. As clases pudientes bebían o viño, algún del levado dende o que agora é a Ribeira Sacra ata Roma, e servido en xarras e copos feitos de chumbo. Os patricios, a clase dirixente da roma imperial, extinguiuse envelenada polo chumbo disolto no alcol do viño. Pero Roma quedou atrás, e diante nosa aínda temos unha botella de viño. Unha vez descapsulado (eu mesmo ás veces retiro toda a cápsula aínda que esteticamente non quede moi elegante) Hai varios tipos de rollas, as de corteza de sobreiro, que é a máis habitual, pero agora xa empezan a abundar viños que teñen o tapón feito de silicona. Este é moito menos glamuroso, pero ten moitas vantaxes sobre o tradicional: o primeiro, que un mal corcho estropea un viño; o segundo, porque unha rolla de mala calidade pode romper ao ser extraída; e terceiro, porque pode deixar restos, como agora veremos, no viño. Ademais, poden facerse de cores e pode resultar ata entretido para os nosos pequenos coleccionalos. Hai varios tipos de sacarollas. O máis recomendable, pero máis dificil de aprender a utilizar, é o de lengüetas, que non fura a rolla. Se non o temos ou non o sabemos utilizar, como me pasa a min, acudiremos a un sacarrollas dos de toda a vida, de orellas ou de palanca, e teremos cuidado de non furar coa espiral a rolla de todo por non soltar virutas que logo floten nas copas de viño. Mesmo é recomendable nese caso sacudir a botella para que salgan disparadas polo aire, aínda que se non vivimos sós, a parella ou demais parentela habitualmente non aprobará este xesto. Este xesto tamén é totalmente improcedente cando se fala de viño tinto, posto que móitos (xeralmente os mellores) non son filtrados e teñen pouso no fondo da botella, polo que deben ser tratadas as botellas con delicadeza para non verter tan incómodo aditamento nas copas. O viño debe de servirse na copa dende certa altura para que soe e rompa o caer, pero tampouco hai que escancialo. Débese de botar todo o viño excepto o último resto que, por se ten pouso, se depositará no hombreiro da botella e que delicadamente manipularemos para evitar que nada se cuele na nosa copa. Ai, a copa... e a temperatura de servicio irán na seguinte entrega. Resumindo, e para que pareza que sabes de viños aínda que non teñas nin idea:- Non cortes a capsula por riba do reborde; sempre por debaixo.
- Non axites a botella, e menos aínda se é de tinto.
- Trata de usar un sacarrollas que non fure a rolla, e se non, non a fures de todo.
- Deixa caer o viño e que rompa dentro da copa.
- Sirve o viño con coidado de que o pouso se quede na botella.
- Quique Portela (quiqueportela@quepasanacosta.gal).
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).