Venres. 11.10.2024
El tiempo
10:04
15/02/13

RAF

O bo (e o malo) de gustarche a historia é que as veces, demasiadas, ves coma un espello que o tempo presente non é tal. Empecinados, os humanos somos os únicos seres capaces de repetir metódicamente os mesmos erros, por moi complexa que sexa a sucesión de acontecementos. Dá igual o tempo, as condicións, a época. Repetimos sistematicamente, obsesivamente, os mesmos erros e despois nos preguntamos, Por que?

O RAF, nas súas siglas en alemán, foi un grupo terrorista que nos anos 70 e incluso a comezos dos 80 tivo actividade na Alemaña previa a reunificación. Os antecedentes do grupo parten das protestas estudantís de finais dos sesenta e o “Maio Francés”, xa sabedes, as revoltas estudantís que dende unha óptica comunista buscaban o mesmiño que os que agora acampan en Sol na década do 2010, a saber; que algo cambie e que o capitalismo cese de matar xente.

Na Alemaña, as protestas convertíronse en disturbios (serios, deses nos que a policía tamén sae ferida grave), cando o 2 de xuño do 67 o Sha de Irán, Mohammad Reza Pahlevi, ese o que despois derrocaron os islamitas creando en Irán un réxime peor, se cabe, que o que había, visitou a parte occidental de Berlín (a boa, no argot occidentalizado da época).

Despois dun día de violentas protestas de exiliados iranianos, apoiados por estudantes alemáns, o Sha acudiu á Ópera de Berlín (era home de gustos caros, a verdade). O cristo formouse xusto despois da función e acabou moi mal, pesimamente. O estudante alemán Benno Ohnesorg que participaba por primeira vez nunha manifa, morría a causa dos disparos da policía.

A verdade é que, o igual que aquí hoxe en día, a policía Alemaña non andaba para coñas e tiraba con bala. Con bala de verdade, nada de pelotas de goma que coma moito che arrancan un ollo (sempre che queda o outro, tranqui), non. Alí a cousa era grave, cócteles Molotov, barras de ferro e tirarrollas de bolas de aceiro. Manifas do metal, para entendernos.

O dato é que este feito, este acto de violencia gratuita serviu para convencer a catro tipos, Thorwald Proll, Horst Söhnlein, Gudrun Ensslin e Andreas Baader, de que formar un grupo terrorista que vingase a vítimas coma esta. Nada mais. Só isto serviu para que catro persoas formadas, nada marxinais, comúns e correntes, decidisen que a única forma de defenderse do estado era a violencia. A mesma violencia que lle custara a vida a un pobre rapaz da súa quinta que nin sequera era habitual nas manifestacións nin na actividade política. Un calquera.

A partir de aquí, sangue e lume. Comezaron a modo, queimando tendas e cousas así ata que os pillaron (non eran moi espelidos). Foron arrestados o 2 de abril do 68, e mentres durou o seu xuízo, a xornalista Ulrike Meinhof publicou varios artigos no seu favor nunha revista política da época.

Para colmo, a prensa da dereita (si, a da dereita, sempre a da dereita) seguía titulando en plan facha e, naqueles dias, pedindo a cabeza dun activista chamado Rudi Dutschke e alcumado “Rudi o roxo”. O 11 de abril a este tamén lle embarcaban un balazo na cabeza que aínda que non o matou si o deixou eivado durante décadas. O atacante, para colmo, foi un obreiro de ideas anticomunistas (que si, que sempre hai destes, que lle queres).

Os estudantes consideraron que o principal culpable era a prensa sensacionalista conservadora e decidiron que era boa idea facerllo pagar. Meinhof, a xornalista da que falaba antes, comentou: "Si un queima un coche, é unha ofensa criminal. Si un queima cen, é unha acción política."

E dende aquí, o caos. Secuestro de banqueiros e politicos, asasinato de banqueiros, de empresarios, asaltos, secuestros de avións, bombas, etc, etc...

Terrorismo. O terreo baldío que aí o outro lado da liña que separa a cordura política da sinrazon violenta. Unha liña fina, finísima, que as veces se traspasa incluso sen darse conta.

Estou seguro de que nin Ulrike Meinhof nin Andreas Baader (agora caeron moitos, este grupo tamén foi coñecido como a Baader-Meinhof) pensaron nunca que dedicarían a sua vida dende a clandestinidade a loitar contra un goberno que consideraban corrompido, violento e afastado da sociedade a que supostamente representaba. Estou seguro de que no seu animo nunca estivo matar, nunca foron máis violentos que ninguén do seu entorno e tampouco se trataba de persoas mentalmente enfermas, no sentido estritamente medico do termo.

Nunca, seguro, nunca pretenderon ter que ser lembrados coma asasinos sanguinarios. Pero o foron. E non considero que fose unicamente pola súa culpa. Nas súas decisions pesa, e moito, o feito de ver e sentir nas súas carnes o frustrante de que un goberno adopte un camiño diametralmente contrario a aquel que ditan o sentido común e a maioría social.

Ver morrer a xente que decide quitarse a vida abafados polo sistema, polos bancos ou por facenda mentres grandes fortunas feitas en base ao compadreo, defraudando a facenda ou atracando a caixa do publico seguen gozando dunha vida de luxo e ouropel pode ocasionar que moitos pensen que, se isto vai ser así, ó mellor vale a pena morrer matando. Así de simple.

Eu non o creo. Penso que sempre hai máis, si, así son eu. Non me rindo (aínda que non é por gañas, palabra). Eu non creo que cruzar a liña, esa fina liña, sexa algo nin sequera a ter en conta. Pero o numero de veces que un pobo pode ser aldraxado, insultado, atracado... o numero de veces en que se pode faltar a todo o lóxico para ocultar as accións pura e duramente ilegais de personaxes corruptos e lamentables é limitado.

E alguén, unha Ulrike, un Andreas, cuxo maior acto de violencia ata o de agora foi insultar a Barcenas a saída do xulgado, ou tirar ovos contra o cristal dalgunha sucursal bancaria, pode considerar moralmente lícito secuestrar, matar ou queimar a alguén a vista de que ninguén parece querer enarborar a lanza da dignidade e dimitir. Por exemplo.

Ogallá que siga imperando a cordura. Ogallá ninguén cruce a liña. Nos xogamos moito en que Ana Mato, Rajoy, Bárcenas e toda a pesca fagan o que deben (e senón que o faga un xuíz) e dimitan, renuncien, abandonen ou a lo menos deixen de mangonear antes de que Andreas e Ulrike se convertan en Francisco e Marta. Ou Xaime e Silvia. Ou Manolo e Paula.

Crucémolos dedos. Por agora, é o que hai.

  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Verdades

As Verdades como puños de José Luís Louzán

Fonte

Comentarios