Tesouros da Fundación: O primeiro teléfono de Cee
Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, trataremos de amosar, parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despóis da inauguración do Colexio- Instituto no 1886.
Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.
Estación Telefónica - O Primeiro teléfono de Cee

- Fabricante: L. M. Ericsson & Cº (Estocolmo - Suecia)
- Cronoloxía: 1887.
- Clasificación: Obxectos industriais / Sección: Comunicacións.
Descrición
Aparello emisor/receptor construído en madeira e artísticamente traballado. Exteriormente obsérvase o auricular que colga sobre un gancho no lado esquerdo, unha pequena manivela cebadora no lado dereito, e un timbre eléctrico de dúas campás na parte superior.
Estación telefónica interurbana, a primeira de Cee, instalada no Colexio-Instituto da Fundación Fernando Blanco de Lema no ano 1887, previa autorización da Dirección Xeral de Correos e Telégrafos. A vila comunicábase así coa estación telegráfica de Corcubión e, a través désta, co resto do mundo.
O sostemento desta estación correu a cargo da Fundación e, agás as taxas cobradas por Facenda, o resto das recadacións investíronse en diversas obras públicas.
O propio Concello de Cee chegou a pedir ós veciños, mediante un bando público, que enviasen os seus despachos dende o Colexio, e non dende Corcubión, para aumentar no posible os ingresos telefónicos. A razón desta petición do Concello de Cee radicaba en que os responsables da entidade benéfica comprometéranse a que todo o diñeiro racaudado co teléfono se investiría en diversas obras da vila, e de feito, a primeira obra que se aborda coa recadación telefónica é o arranxo e mellora da rúa de acceso ó vello Instituto.
O fabricante

Lars Magnus Ericsson (1846 – 1926) naceu en Värmskog, provincia de Värmland (Suecia).
Na súa adolescencia adicouse a diversos oficios: aprendiz de ferreiro, ferreiro, mineiro e peón na construcción de ferrocarrís.
En 1867 a súa familia mudouse a Estocolmo, e alí atopou traballo na empresa dirixida por A. H. Oller, a cal adicábase a fabricar equipos de telegrafía para as Forzas Armadas.
Entre os anos de 1872 e 1875 recibiu unha bolsa estatal que lle permitiu completar a súa formación en Alemania, traballando para Siemens, e en Suiza, traballando para Hasler.
Ó seu regreso, no 1876, fundou a compañía L. M. Ericsson & Cº xunto con Carl Johan Andersson, empresa que comezou a súa andaina como taller de reparacións de equipos telegráficos.
Nese mesmo ano (1876) Bell patentou o teléfono en EEUU. Os equipos vendíanse por pares, pero a falta de infraestructuras e centrais de conmutación limitaban o seu uso a situacións domésticas, aínda que a súa utilidade era evidente. L. M. Ericsson entendeu inmediatamente as súas posibilidades e necesidades, dirixindo os seus esforzos á creación de dispositivos manexables, fiables e económicos.
En 1883 asociouse con Henrik Tore Cedergren, fundador dunha compañía telefónica, iniciándose o desenvolvemento da empresa coñecida hoxe como Telefonaktiebolaget L. M. Ericsson.
Despois dunha exitosa carreira, no 1900, retirouse da empresa, vendendo no 1905 tódalas súas accións da compañía. 1846 - 1926.
Hoxe en día Ericsson é unha compañía multinacional adicada a ofrecer equipos e solucións de telecomunicacións, principalmente nos campos da telefonía, telefonía móbil, comunicacións multimedia e internet.
-----------------------
O primeiro teléfono de Cee foi cedido e formou parte da exposición “A noite está varrida da terra”, organizada pola sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade do Consello da Cultura Galega, co patrocinio de Unión Fenosa e da Universidade de Santiago, celebrada no 2001 para conmemorar o 150 aniversario da utilización da luz eléctrica en Compostela.
- Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.
Tesouros da Fundación
Máis información
Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.

Outros artigos de Darío Areas
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).