Xoves. 28.03.2024
El tiempo
Diego Dourado
15:08
14/02/17

Batalla contra as plusvalías municipais

Batalla contra as plusvalías municipais
  Nun momento onde o marco xudicial céntrase en cláusulas chan e gastos hipotecarios, gaña certo renome as non menos famosas plusvalías municipais, ou como denominan os puristas Imposto sobre o Incremento de Valor dos Terreos de Natureza Urbana. É tan longo o nome deste tributo que nel xa podemos observar tanto a súa definición como a problemática que trae consigo. Explicámonos, o IIVTNU grava o incremento de valor de todas as transmisións de inmobles urbanos aplicando ao valor do chan unha serie de coeficientes cuxo resultado será sempre positivo. SEMPRE, e ese é o cabalo de batalla; Que pasa si non existe un incremento de valor na transmisión?, é dicir, que sucede si vendemos un inmoble por un valor inferior ao que o compramos? Pois que a Administración Local o gravará igualmente. O imposto tamén esta presente nas Herdanzas e Donacións, posto que tamén nestas se produce un traspaso na propiedade, nas transmisións mortis causa adoita ser a principal carga tributaria debido á antigüidade dos bens do falecido que incrementa a contía da sucesión. Neste apartado, os obrigados ao pago serían os adquirintes dos bens. Este abuso é de tal calado que vulnera principios da propia Constitución como son o de capacidade económica e o de non confiscatoriedade, dado que en ningún momento no calculo do imposto hai posibilidade de aplicar o valor real de mercado e aproveitar a diferenza de valor entre a adquisición e posterior transmisión, debido a que se utilizará na maioría dos casos o valor catastral do chan. Xera ademais unha problemática con outros impostos como son o IRPF e o Imposto de Sociedades, en función do suxeito pasivo que realice a operación, porque si a nós unha transmisión inmobiliaria nos xerase un beneficio, debemos tributar na nosa renda como ganancia patrimonial e tamén o faremos polo mesmo feito na plusvalía municipal. Esta dobre imposición excede os límites da potestade tributaria, é máis, debería ser declarada inconstitucional. Xa que logo, existe moita base para a impugnación das Plusvalías Municipais, sendo recomendable facelo posteriormente ao pago destas, así evitamos posibles sancións, déixanos vía libre para reclamar a devolución de ingresos indebidos, tanto si na transmisión xerouse unha perdida, coma se a plusvalía non é proporcional ao valor do ben ou ao valor da súa transmisión. Debemos recordar que podemos impugnar aquelas dos últimos catro anos, pois non prescribiron, primeiro ante o propio Concello e o Tribunal Económico-Administrativo; no caso que non obtivésemos satisfacción por parte destes entes deberemos estudar cada caso en particular, valorando acudir aos tribunais baseándonos na cantidade a reclamar.
  • Diego Dourado, profesional do eido xurídico. Porteiro da UD Cerqueda ([email protected]).
 

Artigos de Diego Dourado

Fonte

Comentarios