Sábado. 27.04.2024
El tiempo
Domingo Guerra
09:33
07/12/17

Economía municipal: O plan de disposición de fondos

Economía municipal: O plan de disposición de fondos

O Plan de disposición de fondos é, sen dúbida, un dos instrumentos fundamentais para xestionar con eficiencia a tesourería municipal. Pero moitos dos nosos concellos non o teñen aprobado.

Trátase dunha ferramenta que debe recoller –por imperativo legal– a prioridade de pago dos intereses e capital do endebedamento, os gastos de persoal e as obrigas pendentes de exercicios anteriores, fronte a calquera outro tipo de gasto.

O Plan funciona como mecanismo de coordinación entre o orzamento da entidade e a tesourería, actuando como elemento de regulación dos fluxos de entrada e saída de cartos e, polo tanto, erixíndose como un medio eficaz para regular a liquidez dos fondos públicos municipais.

En contra do que se podería pensar correspóndelle á alcaldía –non a tesourería– o seu establecemento, por ser o alcalde ou alcaldesa quen o debe aprobar e a quen lle corresponde adoptar as decisións sobre a súa configuración.

Unha característica que me gusta destacar é o seu carácter vinculante e flexible ao mesmo tempo. Vinculante, porque como toda norma, obriga; e flexible, porque aínda sendo ríxido para a súa propia aplicación –que non pode ser desviada nin alterada– permite a súa adaptación, xa que pode ser modificado polos mesmos canles da súa creación, en función das variables ás que está ou pode estar sometido.

Os que nos dedicamos ao estudio e análise da realidade municipal, sabemos da importancia deste medio para evitar arbitrariedade e favoritismo no pago. Situación que, lamentablemente, se constata con demasiada frecuencia en moitos concellos. Por iso, e xa que «a expedición das ordes de pago haberá de acomodarse ao plan de disposición de fondos», agora que se aproxima o Novo Ano, é bo momento para implantar, onde non exista, este valioso instrumento de planificación financeira municipal.

  • Domingo Guerra ([email protected]). Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.
 

Outros artigos sobre Economía Municipal de Domingo Guerra

Fonte

Comentarios