Martes. 19.03.2024
El tiempo
Domingo Guerra
11:18
25/03/19

Escenario económico para o novo mandato

Escenario económico para o novo mandato

Antes de que comece a campaña electoral para elixir ás novas corporacións municipais, consideramos de interese publicar algúns datos sobre as finanzas dos nosos concellos. O problema é que non teremos información da execución orzamentaria actual ata finais de marzo, cando os alcaldes aproben a liquidación do presuposto de 2018.

Non obstante, podemos afirmar que a 31 de decembro do ano pasado, todos, absolutamente todos os nosos concellos cumpriron o obxectivo de estabilidade orzamentaria. E podemos estar satisfeitos, tamén, porque a transparencia política, inherente á rendición de contas, materializouse satisfactoriamente, aínda que Coristanco, Fisterra, Muros, Ponteceso e Santa Comba presentaran a documentación fóra de prazo (despois do 14 de outubro de 2018), como se pode observar no cadro.

Rendicion de Contas dos Concellos da Costa da Morte 2018-2019 copia

Outra boa noticia é que os futuros dirixentes locais atoparanse coas arcas saneadas, porque tanto o resultado orzamentario como o remanente de tesourería presentaron saldos positivos en 2017. Así, observamos como o resultado orzamentario, que se obtén como diferenza entre dereitos e obrigacións recoñecidas netas do exercicio, e o remanente de tesourería, que se calcula como suma de fondos líquidos máis dereitos pendentes de cobro, minorados polo conxunto de obrigacións pendentes de pago, foron aprobados con superávit. En consecuencia, as novas corporacións disporán de recursos suficientes para rematar o primeiro exercicio económico do novo mandato, ao estar garantida a solvencia financeira municipal a curto prazo.

En definitiva, os candidatos a presidir as novas corporacións municipais dispoñen de estabilidade orzamentaria, contas rendidas e robustez financeira a curto prazo. Premisas básicas para que poidan executar os seus programas electorais con garantías de solvencia e liquidez. Case nada!

 

OUTROS ARTIGOS SOBRE ECONOMÍA MUNICIPAL DE DOMINGO GUERRA

Comentarios