Martes. 19.03.2024
El tiempo
Domingo Guerra
08:43
18/12/18

Protección das básicas necesidades veciñais

Protección das básicas necesidades veciñais

Fai uns días que se conmemorou o corenta aniversario da Constitución de 1978 e o debate sobre a súa modificación foi intenso. Escoitamos a dirixentes políticos afirmar que existen «dificultades» para a súa reforma, esquecendo interesadamente que, en 2011, se modificou o artigo 135 para dotar de rango normativo supremo á prioridade de pago dos intereses e capital da débeda, con preferencia absoluta sobre calquera outro gasto, por diante incluso de prestacións fundamentais como educación ou sanidade.

E fíxose, ademais, pola vía rápida, en tan só un mes, cun acelerado debate parlamentario, sen pacto social e ao marxe dunha imprescindible consulta cidadá.

Cantas veces temos escoitado, tamén, aos dirixentes políticos e autoridades académicas defender, sen rubor, que existen «dificultades» para perfeccionar, para mellorar, o contido do artigo 142 do noso «Texto Fundamental». Ese precepto onde se determina que as Facendas Locais deberán dispoñer de medios suficientes para o desempeño das súas funcións.

Por iso, agora que remata 2018 e que entraremos en ano de eleccións municipais, quizais sexa bo momento para reflexionar sobre este serio problema estrutural que tanto nos afecta a todos. Porque así como o pago aos mercados financeiros é unha realidade constitucionalmente consagrada que xa se fai efectiva, non ten sentido que os nosos concellos sigan carecendo de recursos para dar cumprimento ás básicas necesidades veciñais.

 

Outros artigos sobre Economía Municipal de Domingo Guerra

Comentarios