Ética para Carmela, Uxío e Martiño

“Branca, Uxío e Arturo, quedaredes no Futuro pra que siga o Pasado”
—Uxío Novoneyra

Carmela, Uxío e Martiño, habitaredes no Futuro pra que vos persiga o Pasado.

Meus fillos, para Uxío Novoneyra, a chamada ao pasado era utopía: a volta á tradición, á raíz, á terra viva da memoria. Para vós, Carmela, Martiño e Uxío, esa volta ao pasado comeza a ser distopía: un retorno á censura, ao feixismo, á coartación das liberdades que criamos gañadas.

Hoxe quero falarvos de algo importante que está a acontecer nos centros de ensino público onde estudades. Algo que, contra a esencia mesma do seu papel, xa non poderán facer: educar en liberdade.

A Consellería de Educación anunciou que, a partir do próximo curso, os centros deberán garantir a "neutralidade ideolóxica" en todas as súas actividades. Isto significa que calquera acción que poida ser interpretada como "ideolóxica" deberá ser comunicada e, posiblemente, censurada.

Pero, meus fillos, vouvos contar un segredo que moitos ignoran ou finxen ignorar: a neutralidade ideolóxica non existe. Quen afirma posicionarse na neutralidade está, en realidade, adoptando unha ideoloxía que nega a liberdade de expresión e o pensamento crítico. A escola pública leva intrinsecamente unha mirada crítica. Non naceu para repetir o mundo, senón para transformalo.

E se hoxe temos unha escola pública que se atreve a facer preguntas e a poñer en dúbida o establecido, é grazas a voces non neutrais. Porque o antónimo de neutral non é ideoloxizado, senón comprometido. Aí tedes os movementos de Renovación Pedagóxica, que na súa raíz levan valores libertarios, ben afastados de calquera “neutralidade” impostada.

Naquel pasado negro que ameaza volver, algúns mestres amencían nas cunetas. Castelao falou ben claro: “A derradeira lección do mestre” foi unha lección de sangue, memoria e dignidade. 

Di a Consellería que se han de defender os principios constitucionais. Veredes, o artigo 27 da Constitución Española establece que a educación terá por obxecto o pleno desenvolvemento da personalidade humana no respecto aos principios democráticos de convivencia e aos dereitos e liberdades fundamentais. Estes principios non son neutros; son valores que deben ser defendidos dun xeito activo e comprometido.

Podemos converxer na defensa dos principios constitucionais, mais dependendo do prisma ideolóxico, uns principios poden parecer máis prioritarios ca outros. Por exemplo, o dereito á vivenda ou á igualdade de xénero son principios constitucionais que, a miúdo, parecen preocupar menos ás autoridades que a cor das bandeiras que ondean nas fachadas.

A medida da Consellería pretende controlar as actividades dos centros educativos baixo a escusa de garantir a convivencia. Pero a convivencia non se logra silenciando voces, senón fomentando o diálogo e o respecto á diversidade de opinións.

Carmela, Uxío e Martiño: quedaredes no Futuro pra que siga o Pasado. Pero non permitades que ese pasado sexa o da censura e a imposición ideolóxica. Defendede sempre a liberdade, o pensamento crítico e a educación como ferramentas para construír unha sociedade máis xusta e democrática.

Con amor e esperanza,
A vosa nai.

 

Novas relacionadas

Outros artigos de Ester Vázquez Blanco