Mércores. 09.10.2024
El tiempo

Non é violencia de xénero, o feminismo non me representa: Feminismo Liberal

Non é violencia de xénero, o feminismo non me representa: Feminismo Liberal

Este antroido estamos a admirar unha vez máis ao mesmo can con distintos disfraces. A mesma xente que conseguiu que haia mulleres negando o xénero da violencia tenta inventar agora un novo feminismo. Como se dunha nova corrente do movemento se tratase nos falan agora do feminismo liberal, un contrasentido como o chiste aquel de unir a intelixencia a algúns conceptos. 

A estratexia desta xente chegou a pasada semana en forma dun novo bus da vergonza na rúa. Pero a súa estratexia naceu tempo atrás con iso de que é malo falar de violencia de xénero queren que se fale simplemente de violencia, din que o problema é a sociedade violenta na que vivimos e que debe loitarse contra a violencia, simplemente, sen etiquetas.

Estupendo, magnífico, isto é o que xa fan as leis xerais, xa se combate a violencia en xeral, calquera sabe que matar está penado pola lei, calquera sabe que golpear a outra persoa está penado pola lei… Isto xa é así, por que se queixan as feministas logo?  

Pois o problema chega cando é unha muller a que é golpeada, asasinada, violada,… nestes casos, resulta que a sociedade, a xusticia, os medios de comunicación e calquera que pasaba por aló, apuntan que tal vez a muller fixera algo para merecer eses golpes, tal vez tivera a saia demasiado curta, bebeu máis do debido para ser muller, estaba na rúa cando era demasiado tarde para ir soa sendo muller, … mesmo cando facemos deporte á plena luz do día e volvemos a casa nunha caixa de pino, hai quen ten o atrevimento de dicir que tal vez algunha vez lle dimos nós sinais equivocadas ao noso asasino!!!!! 

Dá igual, calquera escusa semella ser boa para nos culpabilizar, permitindo que na sociedade asente unha perniciosa sensación de impunidade cando a violencia é exercida contra as mulleres (se son pobres e migrantes aínda con máis impunidade).

Cantos casos de homes asasinados sen máis motivo coñecedes? Cantas veces escoitastes dun home que saiu correr e foi asasinado? Cantos casos de rapaces que volvían á casa pola noite e non chegaron por non prestarse compracer o desexo sexual do asasino?

E cantos casos así coñecedes de mulleres? ESTÁN A MATARNOS POR SER MULLERES, POLO NOSO XÉNERO.

A maiores, na estratexia desta xente para negar a violencia de xénero hai (ao menos) tres perversións:  a primeira é limitar a violencia de xénero á violencia física; a segunda perversión é pensar nela solamente como a violencia no seo da parella e a terceira perversión é querer esconder (outra vez) a violencia exercida pola parella no ámbito privado, cousa que só te unha explicación: querer considerar (outra vez) ás mulleres como propiedades dos homes.

Por máis que esta estratexia supón un claro retroceso nos dereitos das mulleres, das súas liberdades e do avance da igualdade acadado despois de moitos anos de loita… o caso é que están a conseguir que moitas mulleres pensen que o feminismo non lles representa.

O feminismo é un movemento que loita por acadar a igualdade entre homes e mulleres, de todos os homes e de todas as mulleres, coas distintas necesidades das distintas culturas e situacións das mulleres en todo o planeta. O feminismo é polo tanto un movemento transversal, e como tal, está composto por diferentes correntes con distintas sensibilidades, enfoques e puntos de vista, e existe un debate aberto e vivo no seu seo. Pero o que nunca poderá ter cabida nel é o liberalismo e a súa forma de facer, mellor dito, a súa forma de encherse os bolsillos de cartos a costa de pisar os dereitos de calquera e en particular das mulleres.

É ao liberalismo a quen lle podemos agradecer os hábitos de consumo actuais, por exemplo, é grazas ao liberalismo que podemos mercar roupa moi barata, que non importa tirar e mercar outra nova cada pouco tempo, sen que nos doan os cartos gastados. E polo tanto é grazas ao liberalismo que existe mano de obra escrava (na súa maioría mulleres) en países en vías de desenvolvemento, é grazas ao liberalismo que a produción das factorías e dos talleres marchou da Galiza cara países máis baratos deixando a moitísimas galegas sen traballo, é grazas ao liberalismos que as mulleres que aínda traballan aquí neste sector ten as condicións laborais que ten. 

Non, o liberalismo non quere a igualdade, o liberalismo non quere recoñecer os dereitos de toda as mulleres, o maior dereito que semellan querer recoñecernos é o de parir, que ningunha perda o seu dereito a parir. Así o anunciou o noso Feijoó poucos días atrás, inmigrantes sí, pero mulleres e en idade fértil. E sobre todo, que ningunha muller de países en vías de desenvolvemento perda o dereito a parir as criaturas que o liberalismo queira mercar.

Por isto no feminismo non pode ter sitio unha corrente liberal. 

Por isto (e moito máis) o feminismo convoca para o 8 de marzo unha folga xeral das mulleres.

Folga das mulleres en 4 eidos: folga laboral, folga estudiantil, folga de coidados e tamén FOLGA DE CONSUMO.

Porque a cadea produtiva e os hábitos de consumo actuais baséanse na precarización, a desigualdade e a negación dos dereitos das mulleres, o 8 de marzo non mercaremos nada e tentaremos reducir os nosos gastos ao mínimo posíbel.

  • Fátima Rodríguez Gonzálvez. Murciana de nacemento e Enxeñeira Técnica de Obras Públicas de formación, convertiuse en pontecesá e empresaria das novas tecnoloxías por decisión propia.

Comentarios