Un árbitro á sombra dun rododendro
Ía o despacho cando o vin, soíño, coma sempre adoitaba chegar e partir dos campos de fútbol da Costa da Morte. Decateime del pois non é cotián atopar unha persoa maior no campus e menos entre a floresta. O sol caía á chumbo pero un vizoso plataneiro peneiraba os raios do mediodía. El permanecía ao seu abeiro, coa ollada perdida, sentado a rentes do chan coma un cativo enredando nas lembranzas. A mesma cara de mozo, de incrédulo asombro, de inocente home.
Había 38 anos que non o vía. Desde a miña adolescencia dun domingo calquera dos primeiros anos oitenta na Pedra Queimada. Era Horacio, Horacio Regueira. Colexiado da Liga da Costa desde 1963 a 1985.
Oiriades falar del, pois o seu xeito de correr fíxoo máis famoso que as súas decentes arbitraxes. De pouco máis de metro e medio de estatura, Horacio trenzaba inverosímiles perpendiculares ao xogo. Corría coma un mecano con moita corda; retrocedía a brincos para algarabía dos seareiros; amoestaba como se lle dese a comuñón ao infractor.
Sen xuíces de liña nin a parella da Garda civil nas bandas, xogábase o seu físico miúdo cada xornada. Algunha labazada, mesmo tunda, ten levado de mans de abusóns. Mofa nas bancadas, insultos de directivos, xestos porcos de xogadores, mais Horacio Regueira percorreu Camariñas, Muxía, Carnota, Fisterra, Baio, Ponteceso, Laxe ou Malpica durante dúas décadas para facer o que lle prestaba: arbitrar.
Íase no seu Simca 1200 tras o partido, con nordestazo ou anucindo, houbese liorta ou pasara desapercibido. Os luns volvía a enfundar o mono azul de traballo, asía o maletín e oficiaba de fontaneiro pola Coruña adiante ata a fin de semana seguinte. Achegueime paseniñamente a el para non importunar o seu pensar distraído. Deille os bos días, díxenlle que lle estaba agradecido pola valentía de impartir xustiza entre xente por domear e que me perdoase por rir eu tamén dun mozo coraxe. Olloume con estrañeza, como se o ido fose eu.
Supurou unhas bágoas e esbozou a acta do encontro: Grazas, home!
Funme cun pesar menos pero quedei coas gañas de contarlle que a SCD Malpica morre de inanición e a maleza non tardará en gabear por onde el e centos de homes investiron tempo, esforzo e aforros. Confesarlle que a desidia social, as políticas de club erráticas, o minifundio localista e o lecer de hoxendía abandoan pola escorrentía do esquecemento 43 anos de labor.
E non será o único caso de non contemplar cambios drásticos na organización da competición. Desde a Federación, desde a mentalidade de quen teiman por insistir nun modelo deportivo caduco, desde os governos municipais corresponsables. Non fun quen, pois non me crería. El, que apostou saúde propia nese terreo onde hoxe paira o silencio. Desde a fiestra universitaria vino enfiar o veciño rueiro do Mesoiro, onde agarda a data do partido definitivo da súa vida.
- Hector Pose ([email protected]).
Novas relacionadas
- “Entre todos creamos do Fútbol da Costa unha lenda. Que morran de envexa”.
- Unha viaxe polos 50 anos do Fútbol da Costa.
- O libro Mar de Paixón nace percorrendo ducias de anécdotas sobre a historia do Fútbol da Costa.
Artigos relacionados sobre a historia do Fútbol da Costa
- Lema Suárez: A curiosa prehistoria do fútbol da Costa daqueles anos vinte.
- Chema Rei: Aqueles anos no Balsiño.
- Xosé María Lema Suárez: O 12 de abril, a data exacta dos 50 anos da Liga da Costa.
- Xosé María Lema Suárez: O ascenso, a celebración ideal do cincuentenario do C.D. Baio.
- Xosé María Lema Suárez: A repercusión mediática do libro do Baio e Liga da Costa (II).
- Xosé María Lema Suárez: A repercusión mediática do libro do Baio e Liga da Costa.
Artigos de Héctor Pose do libro “Mar de Paixón”
- Os imprescindibles.
- Miculita-Sieso-Manín: tridente letal.
- O Míster.
- Manolo… Manolo Casal.
- Periscal e… gol!.
- Remexer nos papeis doutros.
- Tonié.
- Un gol en Santa Comba.
- Domingo de fútbol.
- Un Mar de Paixón: Un proxecto…, xa traxecto.
Outras novas
- Chema Rei e Xosé María Lema presentan o libro “50 anos da historia do fútbol da Costa”.
- O álbum de cromos do Sofán: “Raúl, fírmasme un autógrafo?”.
- Presentación do Álbum de cromos: A noite das estrellas do Fútbol da Costa.
- Manuel Varela: A Costa do Fútbol.
- Alberto Pose: Da ilusión que xeneran os cromos da Costa.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).