Mércores. 11.12.2019
El tiempo
Hector Pose
06:29
23/05/12

Tonié

Transcurridas xa algunhas xornadas e outras tantas conversas nesta recollida nosa, moitos son os que nomean a mesma persoa cando se lles inquire sobre un xogador da Liga da Costa que lles quedara ancorado na memoria: Tonié. Unanimidade seareira para os que sobordan a cincuentena. O mellor, Tonié.
Porque coleaba, centraba, lanzaba medidos pases e marcaba goles que abraiaban a compañeiros, aos contrarios e aos que o seguían nos adestramentos e partidos. A ducias, por certo. Todos recoñecen nel o futbolista que, de non ser polas circunstancias que lle tocou vivir, tería acadado maiores glorias no fútbol.

Os da Xurela eran once irmáns. Vivían a carón da Area Maior en Malpica. Tonié medrou na area fronte as illas Sisargas. Na mesma praia onde unha mañá de vacacións estivais un coronel do exército o víu xogar desde a arrendada Casa de Anuncia. Baixou a pé do Atlántico e interesouse de contado por quen era aquel lanzal interior de finas maneiras. Queríao levar a probas polo Castilla, filial do Madrid dos Di Estéfano, Rial, Gento e Kopa. Cando llo dixeron a Tonié, lavando os pés nas pozas do Caldeirón, este respostou agochándose durante días.

De familia estremadamente humilde e adicada por enteiro ao oficio mariñeiro, seica tivo a severidade como métrica evolutiva. Hai testemuñas a propósito da súa adolescencia polos conveciños que relatan o porque dun carácter escorregizo que explican procederes no terrenos de xogo. “Se non lle devolvías o pase como el cho puxo ao pé, deixaba o partido!”, din, con admiración, os que pelotearon con el. “Era tal a súa calidade, que os demais non estabamos a súa altura, anoxábase e liscaba”.

Os labores no mar con longas xornadas a remo, talvez unha pedagoxía familiar reprobable e esa esixencia súa no xogo, restábanlle azos para acudir a xogar cando fichou ben novo polo Buño en Xaviña. Tal é así que un dos partidos de Copa contra o Cee, o presidente oleiro Rodríguez Fariña, prometíulle cen pesetas por gol. Marcou cinco, mais o dono da Telleira fíxolle a conta na man pagándolle só a metade. Tonié non volveu máis.

Ao pouco, fichou polo Ponteceso. Xogaban no costento “Campo do Fraile” no Couto, un terreno inzado de pedras. Malia tal inclemencia para o fútbol preciosista, Tonié recreaba xogadas imposibles. Seica había encontros que só unha boa papatoria previa o convencía para trasladarse á vila de Pondal. E nunha destas, Matopét, ex cancerbeiro do RCDeportivo da Coruña, logrou que accedera a facer unha proba polo club herculino. Aceptárono axiña, mais só había un requisito que tiña que cumprir e non fixera nos adestramentos da semana: xogar con calzón curto. Declinou fichar.

E así unha tras outra. Fazañas balompédicas, comentarios eloxiosos a un xeito de practicar o fútbol semellante ao estilo do Cruyff dos 70. El nega tales dicires aducindo que son lendas que o acordo xera: “e a maldade e envexa da xente tamén”. Amplificacións da memoria colectiva que case todo o tende a docificar? Posiblemente. O que escribe, lembra a canícula dun verán de cando neno, a mocidade local dispuntando un partido na Area Maior e un mozo de aspecto nórdico, de pantalón de tergal e camisa branca de liño, argallando xogadas para deleite de ducias de embelesados bañistas.

Hoxe, este que escribe, ve a un xubilado que conserva idéntica elegancia, un andar devagar e solitario polos vieiros da vida e dos días, cunha gorra do seu benquerido Real Madrid e a melena loira ao vento. E pregúntome que sería deste home noutro tempo se a vida…

Artigos do Mar de Paixón

Novas relacionadas

Máis información

Fonte

  • Redacción de Deportes de QPC ([email protected]).
comentarios