Sábado. 27.04.2024
El tiempo
Hector Pose
09:29
11/05/12

Un gol en Santa Comba

Un gol en Santa Comba

Mentres Luís mergulla nos arquivos federativos e mesmo os completa e mellora, desprázome ao municipio de Santa Comba. Alí agárdanme José María Suárez “Bicho” e José Manuel Vázquez “Huelvis”. Traballadores municipais, ex xogador do Xallas o primeiro e do Soneira FC, do propio Xallas FC como gardameta o segundo. Cítanme en día solto e dedícanme toda a súa mañá laboral mentras arrecian as chamadas aos móbiles. Ambos son os artífices da recuperación de parte da memoria local. E é que, despois de sete longos anos de obras, vén de abrir o Museo Terras de Xallas.

Tras a inicial conversa no Multiusos, percorro da súa man as dependencias por temáticas deste contedor público xalleirán. Ademais doutros referentes vitais, aquí durme todo o pasado balompédico da contorna. Nomes e homes, tamén as femias en calzón curto; equipos, seareiros e fundadores dos catro clubes locais: Xallas FC, Atlético Mineiro, Santa Comba e Castríz. Non está, por intrascendente, a aventura balompédica dun ano, o Terras de Xallas.

Fuxen os minutos e xorden as anécdotas, as ligazóns de fútbol e vida cotiá. Como a solidariedade de “Moro”, o futbolista bombeiro que nun partido de máxima rivalidade co Mazaricos a finais dos 90, non dubidou en acudir a apagar o lume incipiente que se ollaba avanzar desde o campo. Tras unha hora de arduo labor, regresou cincento ao terreno de xogo, sendo recibido cun estronduoso aplauso polos presentes. Fálanme estes responsables de tanto esforzo de esculca, recollida e documentación, de Paco Romar e “A Rubia”, transporte de peixe reconvertido en vehículo para os días de música de banda e fútbol. Cóntame “Bicho” do seu avó Raso, de Ipiña e Antonio Tomé, tríada de pioneiros directivos. Amósanme as camisetas que un heroe futbolístico local, Víctor Espasandín, cedeu ao museo para gloria dos conveciños.

Voltamos aos aposentos laborais destes bos coñecedores das entranas balompédicas de Xallas para concertar un encontro dialogado con dous referentes deste deporte na localidade: “Pintiño” e “O Rubio”. Ate o intre da cita, xanto enfrente entre obreiros e viaxantes de paso. Regreso ao coche para ordenar tanta información e vexo vir a Huelvis entre o chubasco. Leva saias e dengues tradicionais entre as mans, mans de gardamallas, de porteiro cun falar inzado de sentido común. Mozo que madurou nun campo de fútbol e que agora tenta profesionalmente promover a educación física nas novas xeracións a través do balompé. Agradecido e solidariamente comprensivo, adéntrome de novo no edificio municipal para atoparme cos meus dous convidados. Un coleaba nos 60 no campo do “Carreiro”. O outro repartía estopa e entrega desde a capitanía do Xallas décadas despois. Láianse ambos de moito que perdeu o fútbol modesto malia das melloras nas instalacións: “Falta identidade, quererlle ás cores, xogar polo feito de facer deporte e compartir, non por gañar unicamente cartos ou partidos”, recoñecen ao unísono.

Tras a despedida, os tres partimos por camiños distintos. O frío conxela en min as lembranzas de O Rubio para un adestrador que tivo: “Dálle saúdos a Moncho Varela!” e as vehementes palabras do xubilado Pintiño: “Agora non son socio porque non entendo o fútbol afeccionado sen o cultivo da canteira”. Polo retrovisor véxolle dar, coma o raparigo que acubilla, un punteirolo certeiro a unha pedra que colle efecto ata colarse entre dous coleiros abeirados á estrada. O seu último gol!

Artigos do Mar de Paixón

Novas relacionadas

Máis información

Fonte

Comentarios