Domingo. 28.04.2024
El tiempo
Javi Turnes
10:43
11/01/10

Crise, representación e espectáculo (I)

Crise, representación e espectáculo (I)

“A nosa época, sen dúbida algunha,
prefire a imaxen á cousa, a copia ó orixinal, a representación á realidade,
a apariencia ó ser…
Para ela, o único sagrado é a ilusión, mentres que o profano é a verdade.

  • Feuerbach (Prólogo á segunda edición de La esencia del cristianismo)

A mellor proba de que o social, o mundo circundante no que nos atopamos, é algo miserable consiste na constatación empírica de que aquí xa ninguén daría a vida por nada. Na certeza de que xa é imposible librar do medo ó ser humano. Un medo asquerosamente racional por todo o que supoña poñer[se] en xogo, aínda que só sexa por un intre, frente a aquilo que cifre a potencia de afectarnos e nos faga temblar, ante todo aquilo que non poida ser deglutido, interiorizado, asimilado polo vocabulario que xa dende nenos mamamos dos adultos. Dos que teñen experiencia. Daqueles para os que a maxia non existe. E que teñen, sen sabelo, o poder do vocabulario da representación.

Representar significa substituir o real, o aquí agora, é dicir, o singular, por un universal. Vexamos: a palabra árbore nomea de feito a tódolos árbores, indiferentemente, en canto que supón o propio significado universal en lugar das árbores singulares inefables, por tanto, a palabra, o concepto, transforma a singularidade en membro dunha clase cuxo sentido define a propiedade común, a condición de pertenencia. Hai, por tanto, unha ganancia e unha pérdida na linguaxe. Na linguaxe estamos igual que unha mosca nunha botella. Estamos dentro. Os límites da nosa linguaxe son os do noso mundo. E a nosa linguaxe é unha linguaxe baseada na re-presentación, do real, en conceptos universais.

O capitalismo preséntasenos como unha inmensa acumulación de espectáculos no que todo o que podía ser directamente vivido se alonxa nunha re-presentación. O capital-parlamentarismo, a nosa actual democracia [¿] consiste na supeditación da política real, do común, do pensamento dos singulares, a unha representación falaz: á subordinación da política exclusivamente ó lugar estatal –isto é o estado de dereito-. Os políticos-xestionarios, relativistas porque non aspiran xa a verdade algunha, re-preséntannos, é dicir, fan o lugar da nosa presencia, toman o noso dereito –o que eu, ti e ela podemos- para combinar a eficacia económica co consenso popular.

Este presente de crise –cando non estivemos en crise?, é máis, é posible non estar en crise?-, dicía que neste presente de crise espectacular, no que a enteira vida social é unha fantasmagoría, permítesenos lembrar o lúcido diagnóstico de Guy Debord no ano 1967 acerca do capitalismo no seu libro: La sociedad del espectáculo.

O espectáculo, non obstante, non é somentes a esfera das imaxes que nos chegan a través diso que chamamos mass-media, o espectáculo, según Debord, é unha “relación social entre personas mediada por imaxes” ou, noutros termos, a alienación da mesma sociabilidade humana. En palabras de Debord: “o espectáculo é o capital en tal grado de acumulación que se convirte en imaxe”. Por isto mesmo, o espectáculo non é máis que unha formulación da separación, onde o mundo real se transformou nunha imaxe e as imaxes convertíronse en reais.
O resultado é que a potencia práctica do home, é dicir, o seu poder no mundo, o poder –dereito- que cada home calquera ten no mundo, aparece separada dese home calquera que non somos senón nós mesmos en cada caso. Ocorre entón, que é xusto nese mundo separado e organizado a través dos mass-media no que o Estado e a economía se compenetran, e a economía mercantil faise soberana e irresponsable sobre toda a vida social. Tras ter falseado o conxunto da producción, o capital-parlamentarismo pode agora manipular a percepción colectiva e apoderarse tanto da memoria como da comunicación social, para transformalas nunha única mercadoría espectacular.

O acceso directo, inmediato, real dos seres singulares ó común fica irremediablemente mediado, co espectáculo en medio, espectáculo no que eses que nos re-presentan, actúan sen que a vida lles vaia niso: porque aquí xa ninguén é capaz de dar a vida por nada.

  • Javier Turnes:

Profesor[?] de Filosofía, Músico[?] Escritor[?] … acaso unha constante deriva a través do ocurrir. Devindo, buscando o feliz fracaso do encontro cunha identidade calsea. Un transitar entre a exterioridade dos acontecementos e a interioridade do destino. Un movemento que parece aludir á conquista heroica da potencia dos afectos e a esa experiencia perdida que escoita a tranquila presencia das cousas. A Costa da Morte é agora o territorio desa exposición ó querer vivir, así como o da búsqueda dunha comunidade que falta.

Fonte

Comentarios