Xoves. 18.04.2024
El tiempo
Javi Turnes
11:38
22/04/10

Derrota

  • Javier Turnes:

Profesor[?] de Filosofía, Músico[?] Escritor[?] … acaso unha constante deriva a través do ocurrir. Devindo, buscando o feliz fracaso do encontro cunha identidade calsea. Un transitar entre a exterioridade dos acontecementos e a interioridade do destino. Un movemento que parece aludir á conquista heroica da potencia dos afectos e a esa experiencia perdida que escoita a tranquila presencia das cousas. A Costa da Morte é agora o territorio desa exposición ó querer vivir, así como o da búsqueda dunha comunidade que falta.


Seguila derrota

A ‘derrota’ é ‘a navegación que debe facerse’, o rumbo no seu constante ser corrixido. A que, en efecto, debe facerse.

Arroxados, atrapados, abocados a unha pulsión inscrita en nós. Á procura dun obxecto inexistente apenas temos a consciencia da finitude no camiño da nosa existencia: iso que a dúbida indicara, alá, atrás nos tempos.

Dentro da duración advertimos un desfase entre o algo que insiste na complementariedade (no Un perdido, no destino esencial) por un lado; e o recoñecemento do lugar que o home ocupa a cada instante.

O deber ser non acada a sosterse en pe e tembla a cada vez que o animal humano lanza unha nova andadura na súa deriva, percibindo un límite ó que non logra tomar medida.

 

A cada virada do mundo (tamén do mundo en nós) unha novidade emerxe nesa tea infinita chamada decisión e a continxencia da viaxe susúrranos ó oído:

 
  • Agora escoitas. Agora escóitasme?. Sempre estiven aí, pequeno. Na medida na que non te pertences…

Tan só as certidumes mínimas son cartografiables e, entón, xorde o abismo da nova derrota.

Se cadra vai de advertir o desexo que devora toda apetencia. Sigamos, sigamos.
Temos o mapa e temos o vento o horizonte e tamén as estrelas.

 

Apenas respirar na noite para que o amencer se prometa cheo de sons.

  • Javier Turnes (javiturnes[arroba]quepasanacosta.com)

Comentarios