Venres. 19.04.2024
El tiempo
José Luis Louzán
09:09
18/04/17

Ausencia

Existen dous eixos fundamentais dentro da mística que rodea a Costa da Morte como territorio lendario e especial. O primeiro, que se trata dun lugar mais ou menos inhóspito, lonxano e difícil onde vivir constitúe un reto constante, ao limite das capacidades humanas. O segundo deses eixos transita entre o cotiá e o fabuloso; que os que aquí viven o fan por razóns que escapan a ningunha explicación e movidos por unha estraña forma especialmente virulenta de “morriña” galega. O enésimo insulto a intelixencia da Xunta de Galicia para coa Costa da Morte ven de ser ofrecido estas ultimas semanas dende a Consellería de Infraestruturas en forma de incumprimento (enésimo) da palabra dada en relación coa auto pista da Costa da Morte. A Conselleira Ethel Vázquez, nun exercicio de funambulismo que faría palidecer a aquel tipo que cruzou cun cable a distancia que separaba as desaparecidas Torres Xemelgas de Nova York, trataba sen éxito de explicar a que viña este cambio de criterio nunha Xunta que defendeu ata hai ben pouco a idoneidade de que esta vía fose de dous carrís en cada sentido (unha autoestrada) e non outra sorte de matadoiro (lease “corredor”) similar ao do Barbanza, onde quedaron ciscados centenares de mortos por accidente nos tristes anos da súa existencia. Amparábase nun suposto “criterio técnico” que pon na picota mais da metade dos trazados de alta capacidade construídos en Galicia. Se para xustificar unha autoestrada fan falla mais de 10.000 vehículos diarios de media, salvo a AP-9, deberiamos prescindir de todas as demais. Por poñer dous exemplos; a AG-57 que conecta a comarca do Val Miñor, en Pontevedra e nas inmediacións de Vigo, rolda os 7000 vehículos diarios mentres a Autoestrada do Deza non chega a esta cifra nin de lonxe. En ámbolos dous casos, falamos de vías con mais dunha década de existencia... no caso da da Costa da Morte a esta cifra nalgúns tramos chegouse meses despois da súa apertura. Pero é que, incluso asumindo que esta falsidade fora certa, a cuestión desta negativa nunca foi esta, ¿verdade que non Sra. Conselleira? Asistimos ao desafiuzamento práctico da Costa da Morte coma territorio. A idea, é así é como se aplica dende o goberno rexional, consiste en facer o mais inviable posible vivir ou investir aquí. Trátase de que o territorio quede ocupado, basicamente, por pensionistas, persoas mais ou menos liberadas das necesidades propias dun territorio a desenvolver e visitantes sen necesidades económicas especiais. Xente que se poda permitir, para entendernos, vivir nun lugar sen futuro e condenado a ser unha especie de reserva india cun difícil encaixe nun mundo globalizado e capitalista. E isto é así dende hai tempo. Corría o mes de Agosto de 2012 cando un servidor, neste mesmo lugar, escribía o seguinte ao respecto da enésima falta de respeto da Xunta coa Costa da Morte. Falaba daquela de algo do que hoxe temos falado por razóns ben parecidas: “Hai moito tempo, por non dicir sempre, que o territorio carece de líderes porque nin se respeta a ninguén nin a si mesmo. Moitos son os que teñen traballado en crear ese clima de perpetua disidencia, de total desafección de cara a quen amosa certo grao de implicación. Os públicos e privados “conseguidores”, os concelleiros “cambia chaquetas”, capaces de dicir hoxe “non, nunca pactarei” e o día seguinte firmar o pacto non axudaron en nada a consolidar un perfil de líder sólido, de amplos e claros valores no noso territorio. Se sumamos que as poucas organizacións con base no territorio levan dedicado máis a dilapidar capital público (financeiro e do outro) que a crear auténticas bases para o liderado temos o cadro completo e unha explicación sinxela a por que, por moito que o pensemos, non somos quen de atopar alguén solvente e sincero que nos manifeste a súa vontade clara de encabezar por e para todos unha demanda lexítima. Se algunha vez houbo líderes, eles mesmos acabaron soterrándose por propia vontade. Ou ben encollidos polo medo a perder o seu espazo ou ben condenados por un modo de actuar caciquil e cuasi-delictivo os que poderían liderar nin poden facelo nin serian tomados en serio. E os que si poderían temen aos primeiros, máis preocupados en destruír que en deixar medrar a aqueles de entre nós que nun momento dado poderían chegar a ser auténticos líderes, portavoces dunha auténtica maioría popular.
Unamos a isto décadas de tripartidismo fratricida no eido político e teremos o cóctel perfecto para o desastre. Estamos sós e así seguiremos. Non hai autoestrada e, esta mesma semana, a explicación do por que do enésimo incumprimento dunha promesa (“A autoestrada estará rematada antes da fin da actual lexislatura” Agustín Hernández, Conselleiro) por parte do partido no goberno foi que “houbo un adianto electoral. Pero en 2013 a autoestrada estará rematada”. Repito, escrito en Agosto do 2012. 5 anos despois somos menos habitantes, debemos mais cartos, e escollemos a os mesmos para gobernar na xunta e en cada concello da contorna, a pesares de saber sobradamente que nin son os mellores nin os mais adecuados para mandar en nada. Pero un lustro mais tarde seguimos nas mesmas. A Xunta nos maltrata porque en realidade nos gusta. Dicía Platón que “O prezo de desentenderse da política é o de ser gobernados polos peores homes”. A realidade vai mais aló. O prezo é non ter importancia. Os lideres, como figuras de absoluta confianza que son quen de aglutinar e representar a un colectivo son na Costa da Morte mais difíciles de atopar que un político honrado no PP. Na época de maior necesidade para o liderado na Costa da Morte nos temos... oportunistas. Oportunistas e contemporizadores. Nos constrúen un corredor porque a única persoa con vontade para pedir, pediu. E quen tiña que dar doulle o que pediu, que son migallas para un territorio condenado a quedar deserto. Pero oe, non pasa nada. O importante é que toquen París de Noia e a Panorama.
  • José Luis Louzán, de RDF Comunicación (louzan[arroba]quepasanacosta.com).
  is novas

Artigos de José Luís Louzán en QPC 2016

Verdades de José Luís Louzán en QPC

As Verdades como puños de José Luís Louzán

Fonte

Comentarios