Xoves. 28.03.2024
El tiempo
José Luis Louzán
11:28
16/10/19

De que estamos falando... Cando dicimos Costa da Morte

Captura do Google Maps da area Costa da Morte
Captura do Google Maps da area Costa da Morte
De que estamos falando... Cando dicimos Costa da Morte

Costa da Morte é unha rexión costeira do noroeste da península ibérica, situada na provincia de A Coruña que abarca desde cabo Roncudo ata o cabo Finisterre.

Así define a Wikipedia o territorio o que dende hai moito tempo, non sabemos canto, se define coma Costa da Morte (Costa de la Muerte en castelán) onde, por azares da vida e do destino vivimos a maioría. Pero sen dúbida, para a maioría, esta definición carece de contido ou incluso non coincide realmente co que pensan moitos de vostedes que é realmente a Costa da Morte.
E o máis grave é que todos e todas teñen razón. Se algunha cuestión esperta discusión nos pasillos do poder a hora de decidir que é ou que non é un determinado lugar esta é a Costa da Morte. Porque mover a linde un pouco arriba ou un pouco abaixo pode implicar ruina ou riqueza, aprecio ou desleixo, esquecemento ou publicidade. Falemos claro para comezar a saber que é ou quen non é a Costa da Morte:

Ninguén ten nin puñetera idea.

Un territorio concreto, por definición, debe ter uns limites claramente definidos. O Concello de Vimianzo comeza a remata nun lugar concreto na súa superficie literal e tanto é isto así que o Río Grande define gran parte da sua fronteira norte, facendo que, de repente, un estea en Baio de Zas e o paso dunha ponte estea en Baio de Vimianzo. En cuestión de metros un pasa de ser problema do BNG para ser cousa do PSOE. E a feira e o feirón tiveron lugar en municipios diferentes durante anos. Así de importante é todo isto.

Esas liñas, eses limites administrativos, están determinados pola lei, concretamente a Lei 5/1997, de 22 de xullo, de Administración Local de Galicia. Nesta lei se define, entre outras cousas, que unidade é a mínima en canto a delimitación dun territorio, e dicir, o concello. Por enriba dos concellos a dita lei estima mais divisións; mancomunidades de municipios e provincias, pero, curiosamente, non comarcas. As comarcas estan definidas por outra lei distinta (alguén explicará isto algún día, seguro) a Lei 7/1996, de 10 de xullo, de Desenvolvemento Comarcal. Nela se definen os límites e configuración comarcal de Galicia e, como é ben sabido, a Costa da Morte non é unha delas.

Porque, en realidade, a Costa da Morte non é nada. A Costa da Morte é Narnia, é a Terra Media e tamén Asgard, é Camelot e El Dorado. A Costa da Morte é o produto da imaxinación duns homes que tiñan que definir os lugares coa imaxinación e en ausencia de medios legais e administrativos precisos para facelo dun xeito serio e dedicado.

A Costa da Morte carece de ningún valor legal coma término para definir nada. E, sin embargo, define moito... en miles de euros.

O Plan de zona rural da Costa da Morte e Rías Baixas do norte é un plan de inversións e actuacións definido polo Agader (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural). Nel, e en base a esta terminoloxía sen definición legal, se formulaba a inversión de case 9 millóns de euros en múltiples actuacións a demanda de concellos e doutras entidades en varios concellos, incluidos varios da zona sur da provincia que nada teñen que ver coa Costa da Morte, tal e como a entenderon os que a definiron primeiro hai mais dun século.

O Plan Revive Costa da Morte foi un plan do IGAPE (Instituto Galego da Pequena Empresa) que pretendía a “dinamización industrial da Costa da Morte/Bergantiños” e afirmaba que o seu obxectivo principal era “o de convertir a zona nun territorio atractivo para novas inversións destinadas a crear riqueza e xenerar emprego na comarca”... Obviamente fracasou. Pero é que, ademais, esta liña de axudas incluía Carballo, A Laracha ou Cerceda, tres concellos que nada teñen que ver co resto da bisbarra nin en entidade nin en dispersión poboacional, nin en PIB nin en nada. Así que, quee criterio se segue para dicir que é ou quen non é Costa da Morte?... pois, depende.

O xeodestino Costa da Morte abarca os concellos de Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Coristanco, Corcubión, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas. Trátase, coma en todas, dunha delimitación arbitraria, xurdida da necesidade de delimitar unicamente con fines turísticos e de publicidade, un territorio ao que promocionar en feiras e diante dos turoperadores. Non se ten en conta nin a relación socio-económica do territorio nin os indicadores económicos ou territoriais. Unicamente se trata de agrupar e vender. Unha boa excusa, pero inxusta e pouco meditada, fóra de criterios puramente turísticos.

O asunto parece sinxelo si facemos as preguntas correctas: Que é “Costa da Morte”?, un territorio. Que superficie comprende? .... (aquí iría un son de grilos soando de fondo) Cales son os seus límites?... (máis grilos...)

Di a Wikipedia que “Eugenio Carré Aldao, ao redor de 1920, foi un dos primeiros en facer alusión ao nome de «Costa da Morte», que, segundo se afirmaría, procede dunha antigua lenda documentada a mediados do século XVI, dramatizando todo o comprendido xeográficamente a dereita de Fisterra, pola súa falta de constancia de navegabilidade”.

Deixando a un lado que o dí en castelan o feito é que o San Bieito dos naufraxios e o suposto orixe nesta costa agreste e na súa suposta fatalidade do nome do territorio conleva un erro de partida difícil de evitar. Porque si facemos caso a outros investigadores o nome podería vir de máis atrás, da época romana e da circunstancia, nada baladí, de que o sol “morra” en Fisterra. Para uns individuos, os antigos romanos, que nunca tal viran nas súas andainas é lóxico pensar que a impresión de ver o fin do día co sol sumerxíndose no atlántico non debe ser fácil de dixerir. Engadamos as habituais crenzas e lendas que acompañan as lexións nas súas conquistas e xa temos o nome posto. A Costa da Morte do Sol...

Así que, recapitulando, o nome non ten nada de oficial, anda que sirva para decidir onde se reparten cartos e beneficios fiscais. O nome carece de ningún tipo de contexto nin orixe singular e se basea nunha serie de disques e supostos máis ben difíciles de xustificar documentalmente. O nome só trae disgustos, salvo si un é Arteixo ou Carballo e pode “subirse” ao carro da Costa da Morte cando flúen as axudas (como cando foi do Prestige a Costa da Morte ia dende Arteixo ata Vilagarcia, sen despeinarse...)
En resumo, hai xeito de ordear esto de maneira que se poda chegar a algún tipo de consenso baseado en datos documentables?. Si, pero non vai gustar.

Si temos que partir dalgún punto, sería bo facelo dende a definición máis “oficial” posible. É de supoñer que un organismo público debería basear a sua definición nalgún tipo de circunstancia. E así é como o fai Meteogalicia que establece que a Costa da Morte vai das Sisargas (Malpica) a Fisterra e comprende os concellos que este territorio inclúe.

Indo máis aló, servidor cre que unha definición baseada en tres eixos (xeografía, economía e sociedade) podería axustarse máis a un territorio onde entrasen as comarcas oficiais de Terra de Soneira e Fisterra e a maiores os concellos de Laxe, Mazaricos e Carnota. E punto.
Tratase de 10 concellos cunha clara confluencia de intereses veciñais, económicos e sociais e cunha relación intermunicipal clara en materias coma comunicacións, educación, historia ou economía. Carballo non ten relación con Zas, con Cee ou con Fisterra e iso é publico e notorio.

Pero todo isto non son máis que castelos no aire. A realidade, a día de hoxe, é que a Costa da Morte non existe máis aló da mente calenturienta de algúns autores e dos despachos interesados dalguns departamentos da Xunta onde este territorio aumenta e mingua a vontade do técnico ou político de turno.

E si queren outra cousa, non teñen máis que facelo oficial e poñelo por escrito no DOGA. O demais, perdoando, son mandangas.

  • José Luís Louzán.

OUTROS ARTIGOS DE JOSÉ LUÍS LOUZÁN

INFORMES SOCIOECONÓMICOS DE JOSÉ LUÍS LOUZÁN

Comentarios