Mércores. 22.05.2019
El tiempo
José Luis Louzán
14:24
22/04/19

Fomos ficando sós

Fomos ficando sós

Vivimos nun mundo difícil. Difícil e diverso.

Dentro dese mundo de diversidade existen comunidades, grupos, etnias, nacionalidades e identidades diferentes que se identifican cunha ou varias propostas de vida, de pensamento, de sentido espiritual e de relixión. A súa vez, nesas comunidades se amalgaman grupos mais pequenos, minúsculos pero a súa vez especiais e diferentes. Eu son membro dun deses mundos.

Unha vez dixen a alguén que a un lugar “non lle chaman Costa da Morte por calquera cousa”.

A Costa da Morte é, por definición, un dos paradigmas propios da cultura occidental baseada no capitalismo mal aplicado. Somos “españa Valeira” na terminoloxía máis actual. E a causa diso, ou sen ningunha relación, ou sabe Dios por que, a Costa da Morte é, a día de hoxe e sen remedio aparente, un cadáver fresco, real e palpable do fracaso absoluto do capitalismo e, a súa vez, da negación total do sistema en recoñecer os seus fracasos.

A Costa da Morte morreu e ninguén acudiu ao enterro. Os que souberon da morte antes de que se producira tampouco. Nin sequera os que tiñan os medios, as ferramentas para evitar a morte (xa non digo para curar ao enfermo) se molestaron en preguntar coma estaba; “Hey, que tal che vai?, ben?,...”... marcharon do lugar sen agardar a resposta.

Todas estas afirmacións que fago saen dun lugar irrefutable no que me acubillo dende hai tempo. Unha cousa é unha opición, a miña ou a de outro calquera. Outra cousa son as matemáticas. Mirade, as matemáticas teñen de particular que exisen a quen as pon en dúbida que demostre que o que din está equivocado. Non vale con berrar máis alto, non serve con ter máis “collóns” ou con mover a bandeira máis forte. As matemáticas exisen que demostres con máis números e datos, que aquelo que che indican é falso. Por iso os mellores manipuladores tiran de enquisas, porque costa traballo respostar de inmediato que o que din é falso. Hai que ler, hai que valorar e logo, despois dun tempo, podes respostarlle, por exemplo, a Pablo Casado que a súa opinión sobre o aborto non vale unha merda porque as enquisas din o contrario do que di el. Todo ao revés.

As enquisas e datos que fun publicando nos últimos meses están baseadas en varias fontes, todas oficiais. Son datos do INE, do IGE e de outras axencias independentes ou oficiais que se dedican a medir, a calcular, con matemáticas, cómo están as cousas e porque están así. A miña lectura é miña, obviamente, pero si alguén non está de acordo está obrigado a refutala con datos.

Así, cando dixen que Cee aporta emprego aos concellos limítrofes sen recibir a cambio unha compensación económica de eses concellos ninguén puido dicir que estaba equivocado. Son matemáticas. Cee dá traballo á mesma velocidade e en número similar aos ingresos que perde así que, ou ben Cee se engana a si mesmo (que tamén) ou ben Fisterra e Muxía (que medran economicamente) son uns aproveitados, estadisticamente falando. Isto podería dicir se eses lugares fosen persoas, pero, obviamente, non o son. Así que o que fago é usar un truco, a personalización, moi habitual na escritura de discursos políticos.

Dígovos que Galicia está enferma e podo defendelo. Segundo o informe das farmaceuticas “Statista”, que podedes consultar en es.statista.com, Galicia está a cabeza do país en consumo de tranquilizantes, relaxantes e pirulas para dormir. Un 14,85% da poboación os toma. Case 2 de cada 10 de nós precisa pirulas para a ansiedade e non durme coma debe ata o punto de que lle recenten pastillas para poder descansar. Pero a lo menos un de cada 10 tamén consume regularmente antidepresivos e estimulantes. Para que vos fagades a idea, a media española é a metade disto. Así que sí, é moi dificil, durísimo, vivir aquí.

Con este panorama a ninguén pode estrañarlle que Galicia perda poboación. A xente marcha, a economía é mala, o tempo é malo, as comunicacións, os medios para ter unha mínima calidade de vida (sanidade, educación...) ou son malos ou son mellores noutra parte e así... a decisión é sinxela: ningún de nós é unha árbore. Podemos movernos e iso facemos. Marchamos.

En 2019 non somos moito máis de 2.900.000 galegos pero, segundo a previsión, no mellor dos escenarios posibles, en 10 anos seremos 2.300.000 e en 20 só seremos 2 millóns...

A Costa da Morte perdeu a metade da sua poboación nos últimos 30 anos. A prevision di que na area da Costa da Morte (considerando nesta as comarcas de Bergantiños, Muros, Terra de Soneira, Fisterra e Xallas, que é moito considerar) en 10 anos non chegaremos aos 120.000 habitantes. Hoxe somos máis de 133.000. Outras 10.000 persoas menos, a poboación enteira de Cee e Dumbría hoxe, deixará de vivir aquí. Imaxinade eses dous lugares completamente valeiros... esa é a xente que marchará de aquí na próxima década.

Vouno a poñer máis claro. Na comarca de Fisterra, en 1986, vivían 27.496 persoas, censadas e residindo nalgún dos cinco concellos que a compoñen.
En 2018 eran 21.631... case 6.000 persoas menos. Na próxima década, segundo o IGE, serán 1.600 menos... en 2033 baixaremos de 20.000 habitantes.

Ninguen no seu sano xuizo pode quere vivir aquí. Cando o meu fillo cumpra 24 anos (en 2037) en Cee vivirán o redor de 150 persoas da súa idade.
Cando eu tiña esa idade en Cee había mais de 600 persoas “da miña quinta”.

A morte física da Costa da Morte non é igual que a do resto de mortes. A morte económica se declarou aló polo 2004 cando nunha comarca inzada de axudas polo Prestige a ocurrencia principal do persoal non foi a reinversión en industrias e negocios pensando en que pasaría cando deixase de correr o carto gratis, senón o puro edonismo mercantil en forma de cambio de mobiliario, coches caros ou viaxes a lugares descoñecidos tipo Cuba ou o sureste asiático. Moi poucos ou ninguén pensou que o mellor era boa idea gardar ou reinvertir, por exemplo, nunha fábrica.

Aznar. El tivo a primeira oportunidade de administrar ao moribundo medidas extremas para a reanimación.

O 5 de Febreiro de 2003, un mércores, en Madrid, as 11:30 da mañá, un grupo de 11 persoas tivo na súa man salvar ao morto... pero non o fixo.
Nunha sala da capital están reunidos 3 representantes da SEPI, 3 técnicos de varios ministerios, entre eles o de Industria, 2 técnicos da Xunta e outras 3 persoas as que non podo identificar por ser as fontes principais do que vou contar. Os tres son galegos e 2 deles da Costa da Morte.

Sobre a mesa hai un plan, elaborado polos técnicos do Ministerio para a inversión real na Costa da Morte de cerca de 600 millóns de euros en 10 anos. O plan é un apendice do famoso “Plan Galicia” e os fondos que inclúe non teñen que ver directamente con este.
Este plan, que non ten nin nome, inclúe unha conexión ferroviaria entre Dumbría e a Coruña, alternativa a autopista que anuncia o plan Galicia. Dita conexión ofrece dous ramais, un, a un centro industrial con base en Berdoias para o que están localizados máis de 3 millóns de metros cadrados e a inversión pre-consensuada con ata 5 empresas, dúas delas multinacionais ben coñecidas, para que instalen factorías nese complexo industrial. O outro ramal remata no porto de Cee que será ampliado e que pasará, ollo, a formar parte da rede de Portos industrias do estado, a altura do da Coruña. O plan tamén integra unha autopista que comunica Vimianzo con Santiago, vía Negreira, e cun ramal de alta velocidade entre a zona da Pereira e Santa Comba.

A idea non é só a de dar a zona un impulso definitivo que a coloque a altura do resto do litoral en canto a inversión e oportunidade de negocio, senón dar tamén elementos e medios técnicos ao lugar para poder afrontar catástrofes similares sen poñer en risco o resto do litoral.
O plan estima que se crearán ao redor de 2.300 empregos en 15 anos e que a zona non so deixará de perder poboación senón que nun prazo non superior as dúas décadas, pasará a ser o centro de impulso preciso para reducir o vano poboacional existente entre o Barbanza, Arousa e o norte da provincia da Coruña, dous pólos que pasarían a ter unha zona intermedia rica que complementaría o seu propio crecemento.

Na reunión hai dúas voces que consideran que o plan é unha quimera. Un, un politico galego aínda en activo, considera que non habería maneira de explicarlle a outras zonas de Galicia por que non se fai o mesmo con eles. A resposta lla dá un veciño da bisbarra que está na reunión en calidade de observador, e que é, hai que dicilo, o único que cre realmente neste plan e que o defende ata o final.

A pesares das dúbidas, da reunión se sae cunha idea clara de poñer en práctica, senón todo o plan, si grande parte del, comezando polo parque industrial e a conexión ferroviaria, ademais das víaas convencionais de alta capacidade. O resto queda no aire, pero a idea é que se podería implantar cun horizonte máis realista, a 25 anos.

O 26 de maio de 2003, o día seguinte das eleccións municipais que dan unha clara vitoria ao PP en toda a bisbarra, o veciño da Costa da Morte que estaba presente na reunión recibe unha chamada doutro galego, técnico en Madrid e que tamén estivo no encontro do pasado 5 de febreiro. Está transcripción da conversa foime trasladada polo receptor da chamada un día de xuño de 2003 e aproximadamente foi así:

Oe, “fulano”, son “mengano”.
- Home, moi boas, como andas?, que pasou?
- Mira unha cousa, acabo de saír dunha reunión e non che vai gustar o que che vou contar.
- E logo?, que foi?... é polo noso?
- Si, é polo plan.
- Cóntame.
- Pois mira, que resulta que chamou “zutano” e que á vista do visto onte non ve ”necesidade política” de poñer en marcha todo isto eh...
- Que me dis?
- O que oes, que dá a impresión de que o que se fixo foi dabondo e que, textualmente “tampouco hai por que volverse tolos con todo isto”. Que daba a crise por superada e listo.
- Joder... non creo o que me contas.
- Pois así foi a cousa amigo... eu quedei a cuadros. Mira a ver se podes facer algo ti desde aí, pero pinta moi mal, eh.
- Vale, vale, vou chamar alguén. Graciñas.
- Non as merece... síntoo.
- Xa, falamos.

Ofrezo unha transcripción fiel porque o tiña anotado. O plan sen nome morreu e é ata probable que non exista copia, arquivo ou detalle que o reflicta para evitar malentendidos. Pero que existiu tal cual o conto é un feito descrito por testemuñas presenciais, e se nunca falei dela foi porque dúas das tres persoas que mo contaron pedíronme que gardara o segredo, Dous deles xa non están entre nos e creo que estou liberado para poder dicir que un mércores de febreiro de 2003 a Costa da Morte tivo na súa man salvarse... e alguén non quixo salvala.

A realidade son os datos e os datos son ben realistas

Varios informes sitúan a Galicia como unha das comunidades nas que máis caeu o poder de compra (0,8% menos) en 2018. O estudo ADECCO sitúa a Galicia entre as comunidades que seguen “perdendo poder adquisitivo”. En 2018 en Galicia creáronse 32.300 postos de traballo, case a metade de cualificación baixa ou media, con ingresos medios inferiores a media estatal. Datos, non ocurrencias. gañamos menos, gastamos menos. Punto.

Outra. Na Costa da Morte, salvo en Cee, en tódolos concellos hai os mesmos ou máis xubilados que traballadores. Por poñer uns poucos exemplos; Fisterra, 1.14 afiliados a Seguridade Social por cada xubilado (casi “a pre”). En Dumbría peor, 0.87 por xubilado, en Muxía, 1.19, en Vimianzo 1.23 (na capital soneiran hai 1.461 xubilados de 7.500 habitantes), en Carnota 0.78, en Camariñas 1.25... só en Cee a cifra supera os dous afiliados por xubilado (2.11 para ser exactos e record de afiliados na bisbarra, con case 2.500). Se consideramos que, segundo as recomendacións do pacto de Toledo, son necesarios alo menos 2.1 traballadores para manter o sistema nacional de pensións, a cousa pinta mal, moi mal. Para chorar.

Sigo. Se asumimos que, de novo salvo en Cee, en tódolos concellos a gráfica de poboación caeu de modo estrepitoso nos últimos 20 anos (Camariñas perdeu 2.000 habitantes, Muxía case outro tanto, Dumbría perdeu un 40% da súa poboación no 1999, Vimianzo case 2000 habitantes...) o panorama pinta entre cómico e dramático.

Fálase de turismo, fálase de ecoloxía e gastamos en estampiñas cando non temos para comer. As comunicacións, no seu número e medios, continúan a un nivel propio de mediados do XIX e, mentres, seguimos discutindo sobre banda ancha. A única e principal conquista social en séculos (o Hospital, por se aínda non caérades) vai esmorecendo nun desmantelemento lento que leva a moitos a reeditar a perigosa exposición a autoestrada coma última solución e a facer centos de quilómetros semanais para atender a familiares e amigos no seu peregrinar (outra vez) na busca de solucións sanitarias no CHUAC... al menos agora non leva o nome dún fascista, aínda que iso non alivie que, de novo, a vida de calquera dependa de recibir atención sanitaria a unha distancia igual a mesma a que está a capital da provincia veciña (desde Cee, Pontevedra está ao mesmo tempo en coche que A Coruña. Comprobádeo).

Está e a realidade. Agora, un número indefinido de individuos pediranvos que tapedes o nariz, pechedes os ollos, e votedes por eles nas próximas municipais. Esta serie de homes e mulleres foron, na maioria dos casos, incapaces de dar a coñecer, cando non de poñer alivio, ou alo menos propoñer, solucións reais a calquera destes problemas. O goberno galego nunca proporcionou solución real, tasada economicamente, a ningunha destas demandas e para colmo o goberno nacional ignora absolutamente da nosa existencia.

No actual panorama a única cousa que a min se me ocorre é pedirvos que marchedes. Fuxide mentres poidades e antes de caer na espiral do furado negro que é vivir na Costa da Morte. Salvádevos mentres poidades.

Hai dúas cousas nas que penso moito dun tempo a esta parte. A primeira é no uso do nacionalismo coma ferramenta defensiva. Porque o nacionalismo (non o independentismo, que é outra cousa) é, dende o meu punto de vista, unha técnica de salvación. Un xeito de autodefensa. A segunda cousa é que non deixo de pensar naquela estrofa de Manuel Antonio:

“Fomos ficando sos
o Mar o barco e mais nós...”

O último, que apague a luz.
Eu dou por cumprido ou meu compromiso para coa Costa da Morte e os seus habitantes.

  • José Luís Louzán.

 

Informes socioeconómicos de José Luís Louzán

 

comentarios