Xoves. 28.03.2024
El tiempo
José Luis Louzán
09:50
07/10/19

De que estamos falando... Mercado Dominical en Cee

Mercadillo-dominical-en-Cee-Foto-Juandelux
Mercadillo dominical en Cee-Foto-Juandelux
De que estamos falando... Mercado Dominical en Cee

A idea desta sección parte dun feito que é casi parte da nosa idiosincrasia coma comunidade na Costa da Morte: os “disques”.

Por razóns que nos son propias (illamento, despoboación, envellecemento dos residentes...) existen xeitos de facer e actuar que son, coma mínimo, discutibles. Nun tempo de “fake news” e manipulación informativa, nas nosas vilas e aldeas existe dende sempre un sistema propio de manipulación que se basea na desinformación e no “chisme” coma materia informativa con substancia propia. Non é algo único da bisbarra, pero penso que aquí alcanza a sua sublimación.

Damos mais crédito ao que se di nos bares que a realidade documental e estatística e, deixando a un lado que calquera dato merece un escrutinio exhaustivo, hai cousas que son, ainda que non nos gusten ou creamos que son imposibles. Así que aquí, cando sexa posible, tentarei aportar luz documental e probas a aquelas cousas que, pola razón que sexa, non sabemos coma asegurar ou de onde proveñen. E creo, porque entre outras cousas está recente un debate a este respecto, que a existencia e xustificación do Mercado Dominical en Cee é un bo xeito e comenzar a poñer negro sobre branco a realidade documental das cousas que damos por feitas pero non o son pode ser un bo comezo para este espazo. Así que, imos aló:

É sabido que Cee celebra cada domingo do ano unha feira ou mercado ao aire libre. Esto sucede dende hai ¿séculos? e ninguen, ou case ninguen, pon en dúbida que os negocios de Cee, todos e cada un, teñen unha sorte de dereito natural a abrir en domingo, mais aló do que a lei diga ou deixe de dicir.

A Ley 13/2006, de 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia (DOG de 28 de decembro), modificada pola Ley 1/2013, de 13 de febreiro (DOG de 14 de febreiro), determina no artigo 5 que “os domingos e días festivos nos que os establecmentos comerciais poderán permanecer abertos ao público serán, como máximo, dez ao ano”. Dez, nin mais nin menos. A Xunta decreta que dez domingos, cada ano, nunha orde especial do Consello da Xunta.

Así as cousas cabe preguntarse que lei é a que xustifica e garante que a apertura en domingo de todo o comercio legalmente establecido en Cee (pequeno comercio, grandes superficies e demais) non é unha vulneración flagrante desta lei. E a resposta pasa por un interesante documento sacado do mais profundo da lexislación histórica establecida.

Antes do BOE (Boletín oficial do estado) existía a Gaceta de Madrid. Este xornal dedicaba as suas páxinas a dar coñecemento da lei escrita e aprobada pola autoridade que, durante moito tempo (de feito, ata a guerra do 36) pasaba exclusivamente polo rei ou raiña de turno. Así que o goberno escribía e o rei aprobaba para despois publicar o texto da lei e os seus detalles neste xornal. A Gaceta de Madrid deixou de chamarse así no mesmo 1936. Pero antes, no seu número 39 do ano 1928 publicaba, na páxina 947, a única referencia legal a un mercado dominical e feiras en domingo autorizado en Cee. Porque, tamen naquela época, abrir en domingo estaba prohibido e era ilegal.

O texto parte da premisa de que o domingo hai que descansar. A inicios do século XX todo o mundo traballa a todas horas. E cando digo todo o mundo falo de todo o mundo, nenos e mulleres incluidos. A revolución industrial é un feito e esta chegando a España. A man de obra é unha necesidade imperiosa, pero as coberturas laborais brilan pola súa ausencia. Non existe a xornada de oito horas, nin a seguridade social, nin os sindicatos. pero si existen un forte movemento anarquista, violento e moi belixerante, que empurra ao goberno a elaborar unha lei e regulamento para o descanso dominical que se aproba e publica o 3 de Marzo de 1904. O problema inicial, sen embargo, pasa polo complexo de facela cumprir e polo difícil de controlar un país mal comunicado, que ainda carece de modernidades coma estradas e policia e que vive instalado nunha especie de era post-medieval na que ainda están sen redimir os foros feudais dalguns territorios (a Costa da Morte, sen ir mais lonxe)

Así as cousas, a lei, para mais inri, é un desastre. Coma norma se prohibe abrir a tódolos negocios. Obviamente, os bares e tabernas, as panaderias ou as boticas tamén, algo que crea enormes problemas sociais. Así que a lei dedica mais dunha década a solventar, regulamentariamente, todos estes matices e salvedades. Ata chegar aos mercados dominicais.

As feiras e mercados tradicionais seguiron celebrándose, obviamente, así que o que se fai é articular unha especie de “formulario” para que aqueles concellos que o desexen poidan regularizar os seus mercados evitando así que a autoridade poda pechalos ou poñerlles trabas. En base a iso Cee remite, en Xaneiro do 1928, a súa información para xustificar que o mercado de Cee é unha tradición e debe ser respetado. O qué pasa é que, diante da ausencia de documentación que respalde este valor histórico, se acude ao de sempre: “unha ves un home...”, e dicir, os disques.

No acordo número 252 da Gaceta de Madrid de aquel día se expón que o concello remitiu unha instancia a superioridade con acordo do pleno de Cee do 31 de Marzo de 1927 en súplica da autorización precisa para “que se continúen celebrando las ferias de los segundos y terceros domingos de cada mes en Cee y Bermún (Pereiriña) y el mercado dominical todos los domingos en Cee”.

Nun extenso expediente o concello aporta “datos” para xustificar a historicidade e singularidade do mercado, do tenor de “comparecencia de varios vecinos de esta villa de edad avanzada quienes afirman; 1o La existencia en Cee de una feria que se celebra los segundos domingos de cada mes, así como un mercado todos los domingos; y 2o Que les consta igualmente que en los terceros domingos mensuales también se viene efectuando en el lugar de Pereiriña del término de Cee otra feria mensual”. Tamén “confirman este extremo o Cura párroco, varios veciños de Fisterra “de edad avanzada” (fago un inciso. Si esto pasase hoxe eu, aos meus 45 anos, podería prestar testimonio das feiras e mercados de Cee pola miña “idade avanzada”), do alcalde e testemuñas de Muxía, do párroco e de varios veciños da mesma Pereiriña e dos alcaldes de Corcubión e Dumbría.

Todo esto vale para o mercado e as feiras pero, ¿qué xustifica que se abra de paso todo o comercio local?. O documento non esquece este extremo e recurre, agarradevos, aos propios comerciantes para xustificar que se debe abrir, baseando todo isto neste párrafo que quero transcribir tal cuál figura publicado na Gaceta de Madrid: “una declaración de los comerciantes de Cee en la que aseguran: 1o que no existen dependientes en la localidad 2o que las ferias y mercados a que se contrae el expediente son tradicionales 3o que tanto unas como otras son de tal importancia que de suprimirse darían lugar a una emigración colectiva”... toma del frasco, carrasco. Pouca broma coas feiras e mercados de Cee, ¿eh?

Estas e outras aportacións xutifican, a tenor do publicado, que o Consello de Traballo elevase informe favorable para que o Rei autorizase o mercado dominical e a apertura en domingo de todo o comercio local, perpetuando unha anomalía que, si algunha xustificación económica tivo, esta evaporouse para a maioría aló polos anos 80.

O pasado 9 de Agosto a recen nomeada (en Xuño pasado) alcaldesa de Cee daba a coñecer un bando onde informaba aos establecementos de mais de 300 metros cadrados e os “pertencentes a empresas ou grupos de distribución” que non poderían abrir o domingo 18 de Agosto pola suspensión do mercado dominical. O espazo que ocupa este estaba a súa vez ocupado polas barracas e atraccións de feira situadas no lugar polas festas da Xunqueira e non habendo espazo decidiase a suspensión. E, por primeira vez na historia, ao suspenderse o mercado tamén quedaba suspendida o “dereito historico” do comercio local en Cee para saltarse a lei e abrir a vontade en domingo, conculcando a lei de Comercio de Galicia. Os comercios de menos de 300 m2, rexentados por autónomos por certo, si podían abrir en base a unha excepción da lei propia dos anos das vacas gordas e aprobada naquela época.
Fixeron falta case 100 anos para que alguen actuase con sentido común... non foi sen tempo.

Loxicamente, caravanas de homes e mulleres sairon en “emigración colectiva”, cos seus bois e cabalos tirando das carretas en longa ringleira ao son dunha gaita e dunha zanfoña.... si, estou sendo irónico.
Cee pechou o 18 de Agosto colectivamente en domingo e aos únicos que lles pudo importar foi a familia Tojeiro, ao Sr. Froiz e a multinacional francesa Carrefour. Si importou e moito aos mais de 1800 traballadores censados en Cee coma empregados polo sector servizos. Traballaron a maioria, na hostalería e noutros servizos de ocio, pero un fato deles descubriron un dereito furtado aos traballadores do comercio en Cee dende hai mais dun século; o do descanso dominical.

Por certo, por si alguen ten alguha dúbida sobre a fraxilidade documental do mercado dominical en Cee que se pregunte porqué non se celebra o de Muxía (ao que ten dereito por orde do mesmo tipo e ano que o de Cee). É así de simple.

Agardo que a próxima vez que calquera desexe despotricar sobre o “dereito” historico de Cee para abrir cada domingo sen que nin a lei nin o dereito parezan facer mella nel pense primeiro en si realmente Cee segue contando coa base legal suficiente para que unha actividade concreta conculque a Lei de Horarios Comerciais, o Estatuto dos Traballadores e a Constitución Española dun plumazo sen que pareza que a ninguen lle importe demasiado.

  • José Luís Louzán.

Outros artigos de José Luís Louzán

Informes socioeconómicos de José Luís Louzán

Comentarios