Non me gusta a túa música
Levaba tempo querendo dicir isto, basicamente porque non me daba a paciencia, pero tamén porque considero que forma parte do noso carácter, e non me parece nin medio correcto nin asumible dentro dunha comunidade. A chegada do calor trae moitas cousas boas para moita xente, un espírito mais construtivo na comunidade, unha ledicia e unhas gañas de desfrutar de todo moito maiores e un sentimento de felicidade que fai que, co calor, nos poñamos roupas mais lixeiras, menos represivas, teñamos mais gañas de troula e sexamos, seguramente, mellores.
Pero a chegada do bo tempo trae tamén consigo un aspecto cada vez mais repetido na comarca... os coches coas ventaniñas baixadas e a musica a toda ostia, por exemplo, as fiestras abertas nas casas coa televisión ou cun radiocasete a tropecentos decibelios e con tons de voz altofalantes que permiten seguir a vida de propios e estraños a centos de metros de distancia. E ademais de resultar pouco cívico en xeral, e ilegal en particular (así se afirma, por exemplo, na ordenanza de ruídos de Cee que prohibe viaxar coas ventaniñas do coche baixadas se se pasan uns decibelios no autoradio) resulta sobre todo demostrativo do noso nulo sentido de comunidade, do noso total desprezo polos demais.
“Non me gusta a túa musica” sería, se me deixasen, unha das frases que mais repetiría a mozos e non tan mozos cando o pasar a cámara lenta por diante de todos teño que solazarme con gustos variopintos en materia musical. Non me gusta o Reagueton, nin a Bachata, a cumbia, o bacalao, a salsa ou calesquera outras formas de musica que con maior ou menor tino se “pincha” nos vehículos da vecindade. E non me ten porque gustar. As rúas non son nin auditorios, nin discotecas nin Pubs e co ruído ambiental de obras, motores e persoas, penso que se cobre mais que suficientemente a cota soportable.
Tampouco me gusta coñecer da vida dos demais nin na metade da rúa nin en instalacións publicas, piscinas, salas de espera de centros médicos e hospitais ou no mercado municipal. Non digo que todo o mundo calen coma petos, para nada, aborrezo tamén o silencio perpetuo, pero a moderación soe ser sempre un bo terreo para estar.
Por ultimo, e sabendo todo isto, entendo que o que a min non me gusta non ten porque non gustarlle os demais. Agora ben, o igual que se prohibe fumar en determinados espazos publico os que non tes mais remedio que acudir, como por exemplo Correos ou a consulta do medico, non parece de recibo que un deba saber, a metros de distancia, nunha piscina por exemplo, cal foi o “parte de baixas” na aldea dunha veciña no ultimo mes, ou si fulanito ou menganito lle son infieis a súa parella, e non saben como explicalo. Todo extraído de conversas simples mantidas por terceiros en lugares públicos, non precisamente “en petit comité”.
Sexamos comunidade e falemos baixiño. Ou simplemente, subamos as ventaniñas, aínda que faga calor, se o que queremos e escoitar o ultimo de Dj “comosechame”.
- José Luis Louzán.