venres. 08.11.2024
El tiempo
Lorena Martínez
01:25
23/11/11

As cifras do Prestige

As cifras do Prestige

Acórdome perfectamente. Aínda non tiñamos Internet no móbil (nin Twitter nin nada de iso). Estabamos na facultade cando nun deses intercambios de clase un colega (de Muxía) me dixo:

  • "¿Oíches a noticia do barco?"

Ás 15.15 horas daquel 13 de novembro do 2002 un antigo petroleiro con bandeira das Bahamas lanzou unha sinal de socorro. Tiña unha vía de auga producida por un forte temporal. Estaba a 28 millas da costa. A uns 52 quilómetros de Fisterra. O buque transportaba 77.000 toneladas de fuel e dentro ían 27 tripulantes rusos. A primeira decisión foi rescatar a tripulación e logo mover o barco mar adentro. Primeiro cara o norte. Logo cara o sur. Pero as oito da mañá do 19 de novembro o buque partiu en dous mentres se intentaba distancialo da terra.

O fuel comezou a derramarse e aparecía na costa co movemento da marea, dando así lugar a aquelas temidas mareas negras. Camelle e a Ensenada do Trece foron os primeiros lugares nos que se detectaron as manchas de fuel, aínda que pronto se propagaron ao resto da costa galega. Resulta difícil calcular con precisión o número de afectados economicamente por esta catástrofe, pero o certo é que máis de 126.000 persoas do sector pesqueiro sufriron de forma directa as consecuencias deste accidente.

O desastre non só foi económico, se non que tamén tivo uns gravísimos efectos ambientais. Dezaseis hábitats naturais protexidos de Galicia sufriron os efectos do fuel. Entre novembro de 2002 e agosto de 2003 recolléronse 23.281 exemplares de aves de 90 familias diferentes; delas 6.120 estaban vivas e 17.061 mortas. O arao, a alca, o fraileciño, a gaivota e o corvo mariño foron as especies máis afectadas.

Ao mesmo tempo que os danos comezaban a ser incalculables unha gran cantidade de persoas de todo o mundo viñeron a axudar coas tarefas de limpeza. En total foron máis de 300.000 voluntarios que formaron unha grande “marea branca”.

O Prestige deixou outras cifras históricas, tales como as multitudinarias manifestacións convocadas polo movemento Nunca Máis, os millóns de euros do Plan Galicia destinados a reactivación económica dos lugares afectados, un macro xuízo con 190 tomos que recollen a investigación…

E ti, onde estabas aquel 13 de novembro de 2002?

Novas relacionadas

Artigos de Lorena Martínez Canosa: A Costa en Verde

Fonte

Comentarios