Xoves. 28.03.2024
El tiempo

As cartas do avó Pascasio: As píldoras macristas son antidemocráticas

As cartas do avó Pascasio: As píldoras macristas son antidemocráticas
Moi querida neta Cristina: Cada vez que agarro ao lapis sáeme peor a letra. Non é pola idade xa que felizmente estou case tan forte como os vellos carballos da miña querida aldea fonsagradina de Mazaeda. É polo exceso de temperatura que me produce ver a destrución acelerada das bases morais que sostiñan á moi nobre República Arxentina. Acá arriba os avós emigrantes coincidimos na idea de que o macrismo non é un partido político. Quizais o máis correcto sexa falar dunha especie de prospecto que acompaña á dose diaria das píldoras elaboradas polo laboratorio clandestino "Globo Amarelo". Está probado que non curan nada pero son moi efectivas para manter alto o nivel en sangue de envexa, insustancialidade e resentimento. Somos vellos pero lembramos os prezos dos produtos que consumiamos fai 40 ou 50 anos. Algo falla cando tes que pagar 100 pesos por tres choclos frescos. Ao cidadán arxentino cústalle máis o humilde choclo que aos galegos o exquisito azafrán. Un paquete de azafrán "Carmencita" en hebras de 0,375 gr anda en dous euros. Pensarás que estou divagando ao meter a Macri co choclo e o azafrán. Estou reflexionando sobre o que desprezaba á negrada norteña ao velos cunha humita envolta en chala. Agora confórmanse con fideos secos. Unha plancha de ravioles anda entre os 66 e 78 pesos segundo sexa o reencho. A nós encántannos os de ricotta e noz dos paisanos Bermúdez-Lavandeira amasados con fariña de millo candeal. Dóenos na alma que os votantes macristas sigan apoiando a quen os afunde na miseria. É necesario sacar da escura cova da desigualdade ao equipo gobernamental de estafadores que se está enchendo de guita. Debemos de volver á senda do progreso pero para iso segundo Roberto Feletti "tórnase imprescindible o xurdimento dun novo paradigma de orientación humanista que revalorice o papel do estado como asignador de recursos e sexa capaz de reconstruír sociedades democráticas e integradas". É un réxime que non cre na democracia. Exprésao perfectamente María Pía López: "O macrismo non é democrático. É post democrático". Vén dicir que pode encarcelar sen lei, botar xuíces coa argucia de demorar un acto de asunción, omitir votos, suspender conteos e que nada importe. Na capital arxentina o macrismo é maioría. Quizais acerta María Laura Prelooker ao dicir que "o porteño elixe o racismo, a discriminación e impórtalle un pito que haxa inxustizas, miseria ou desaparecidos" aínda que aos avós cústanos moito considerar aos porteños como racistas. O gran Osvaldo Soriano preguntábase: "Que reclama un racista? Case nada: que exista outro máis débil que el". Se cadra é que viron en Macri ao salvador da clase media. Creo que por apoiar a un presidente contrabandista non debemos de concluír que desexen imitalo nas súas actividades ilícitas. Non me parece que o porteño macrista anhele unha cidade sen identidade. Algún haberá que renegue das raíces pero son minoría os que odian a don Ata ou a Mercés Sosa. Outro tema é que pasen fame e digan que están facendo dieta. Despídome. Teño un compromiso coa neta lalinense Graciela Pereira. Envíanos en excusiva o documental realizado por Xan Leira sobre o Librero Maior de Bos Aires, o compañeiro Paco Gil que naceu en San Amedio de Millarada (Forcarei). A querida Graciela adiántanos que participa na película interpretando o tango Manoblanca do gran Homero Manzi. Cóntame que na rúa Tabaré de Pompeya (o barrio de Manzi) está o museo Manoblanca que ten unha sala dedicada a Francisco Gil. Recibe o agarimo do avó que che anima a seguir loitando para que Arxentina volva á normalidade logo dunha interminable noite escura. - Pascasio Fernández Gómez  
  • Manuel Suárez Suárez.

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

Fonte

Comentarios