Luns. 21.10.2019
El tiempo
Manuel Suárez Suárez
08:38
25/04/17

As cartas do avó Pascasio: The Oxford Union

As cartas do avó Pascasio: The Oxford Union
Moi querida neta Cristina: Fágoche chegar o meu maior noraboa pola invitación que recibiches por parte do grupo de debate The Oxford Union que funciona dentro da prestixiosa universidade inglesa de Oxford. Queren que impartas unha charla-coloquio ou unha conferencia xa que "demostrou repetidamente que non ten medo en loitar polo que vostede cre ser o correcto, aínda que signifique poñerse en contra dos centros tradicionais de poder" e agregan que "sería toda unha honra recibir a unha funcionaria tan dedicada ao seu país". Como emigrante galego éncheme de orgullo que sexa a miña neta arxentina a primeira en participar nun dos espazos de debate máis famosos do mundo. Por alí pasaron, entre outros, Reagan, Nixon, Carter, Winston Churchill ou a Nai Teresa de Calcuta. Creo que o presidente Macri anda toleado. Mórrese de envexa. Comentan desde o seu círculo de chupamedias que non pode crer que che inviten a ti. Afirma que o correcto é que sexa o presidente en exercicio o que fale en Oxford polo seu meritorio labor na defensa dos intereses británicos nas illas Malvinas. Don Mauricio está quente. Sábese que chamou para queixarse ao londinense Joseph Lewis. Malia todos os ilegais beneficios e agasallos de terra pública que lle fixo no municipio patagónico do Bolsón parece evidente que o amigo Joe non se moveu para evitar que ti sexas a gran figura entrevistada pola BBC. O magnate Lewis aprovéitase de Macri pero menosprézao por ser un coimero barato que comercia con patrimonio que non é seu. Os membros da The Oxford Union están informados sobre a realidade arxentina. Se che invitaron é porque non se chupan o dedo. Recordan as cifras positivas do teu goberno que comparan coas do actual para concluír que fixeches unha "defensa incrible do interese nacional". É curioso que xente de alto nivel académico do exterior aplauda a túa xestión mentres acá segue habendo cidadáns que che culpan de todos os males. O gran Axel Kicillof exprésao con claridade: Estamos ante un goberno que sen a cobertura mediática non vale dúas mangos. A mentira alimenta a moitos que agora compran menos carne, leite e pan. Son os que foron ás urnas a depositar odios. En 1971 era Nacha Guevara a que os retrataba: Non basta con ser feliz. É necesario tamén que os demais sexan desgraciados. Aos avós emigrantes dóenos o corazón ao ver que as empresas nacionais están despedindo traballadores a ritmo acelerado. En “Alpargatas” ou “Fadea” ou “Sancor” botan traballadores. O problema é que non atoparán ocupación en ningún lado. O alegre macrismo aposta pola pechadura da industria nacional para favorecer as importacións. Haberá que facerlle caso a Ayelén Velázquez que recomenda facer un estudo socio-psicolóxico sobre a xente "que vive como a clase media e indígnase como rico; escribe como politólogo pero responde como apolítico; cobra como empregado pero discute como dono; postea como budista e contesta como Violencia Rivas". É interesante determinar que foi o que levou a parte da clase media a votar a un contrabandista que se dedica a incrementar a desigualdade entre os arxentinos. Despídome. Teño unha invitación do neto dramaturgo Henrique Permui para ver Otelo: A Tanguedia que se está representando no Teatro Solís de Montevideo. Espero emocionarme coa incorporación do tango á intemporal traxedia de Shakespeare que reflexiona sobre a ambición e os celos e o engano e a manipulación. Recibe o abrazo cariñoso do vello fonsagradino de Mazaeda que cada día é máis incha teu. - PASCASIO FERNÁNDEZ GÓMEZ  
  • Manuel Suárez Suárez. (mansuarez[arroba]quepasanacosta.com).

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

Fonte

comentarios