Un ferreiro de Tines en Montevideo

Aos tres días de chegar xa tiña emprego. Cando se presenta o único que lle preguntan é se sabe traballar no ferro. Responde afirmativamente e pide lle fagan unha proba. A contestación é: “Venga usted mañana para comenzar. Está contratado. El sueldo es el que fija el laudo que es de ocho pesos por día. Se cobra por quincena”. Quen o entrevistou era o capataz xeral que se chamaba Dante e tiña unha longa experiencia na contratación de persoal. Un ano despois e sen ninguén diante díxolle: Mirá, gayego, la verdad te digo. Si pudiera los despedía a todos. Me quedaba namás con ustedes que son muy laburadores y no andan rompiendo las bolas con los vales. ¡Pero…vamos a ver… dejáte de joder… cobran cada 15 días y nunca tienen un mango en el bolsillo!
Na pensión comentou con Urbano (curmán de Ramón que viñera do norte uruguaio da fronteira con Brasil) que nunca escoitara iso de cobrar cada 15 días. Urbano infórmao de que o sistema quincenal é na industria porque os empregados públicos cobran de xeito mensual. O ferreiro quixo saber sobre os empregos públicos e a resposta sorprendeuno un pouco pois disque non se admite aos estranxeiros. Hai que facerse cidadán legal e cumprir uns anos mínimos de residencia e ademais hai que ter recomendación política (sexa un deputado ou un senador) do partido que estea no goberno. Entre os “brancos” [Partido Nacional] e os “colorados” [Partido Colorado] reparten o xogo aínda que os da cor vermella van gañando por goleada.
O primeiro domingo na capital uruguaia foi unha festa. Os seus compañeiros levárono ata unha gran feira que chamaban de Tristán Narvaja. As tres horas que estivo camiñando pasaron voando. Se antes a súa feira de referencia era a de Baio agora aquí estaba a gozar dun espectacular mosaico da idiosincracia uruguaia. Aquel era o país da abundancia. Había alí máis chafallada xunta que en todas as feiras da provincia da Coruña. Nunha rúa eran os ferros máis variados os que ateigaban o espazo e noutra as mesas cheas de discos, libros, revistas, selos ou froitas ou queixos. Quedou abraiado cando nunha esquina pasou por diante dun grupo de negros que tocaban nuns longos tamborís pintados con raias verticais multicores.
Na pensión de Paco había cociña. Ao mediodía xantaba sempre carne de vacún. Unha costela de cuadril na prancha con patacas fritidas eran para el o máis claro signo de que emigrara para unha terra de oportunidades. Alí os invernos eran mornos e pouco gastaba en roupa. Cando tivo uns pesos aforrados alugou un apartamento no barrio de Aires Puros que estaba moi preto de onde vivía o seu amigo Ramón. Mercou algúns mobles e tamén un quentador “Primus” para cociñar. Chegaba a familia. Comezaba a aventura emigrante dunha familia da Terra de Soneira na capital da República Oriental do Uruguai.