Luns. 14.10.2024
El tiempo

O futuro da Casa de Galicia de Montevideo

Casa Galicia de Montevideo
Casa Galicia de Montevideo
O futuro da Casa de Galicia de Montevideo

Quero adiantarme a unha moi posible enfermidade que anda na beira da Casa de Galicia de Montevideo. Por desgracia a asociación de emigrantes máis forte do mundo vai camiño do asulagamento. Aínda cumpre coas obrigas salariais dos seus máis de mil empregados pero hai retrasos nos pagamentos de algún que outro servizo médico específico. Estou a falar da mutualista galega máis importante do mundo xa que ten perto dos 50.000 asociados. Se falo de “adiantarme” é para que os directivos montevideanos non caigan no mesmo erro que levou ao histórico Centro Galego de Bos Aires ao descrédito. Na capital arxentina foron indo ata chegar o afundimento no desprestixio por mor de comungar coa mafia macrista que os baleirou de patrimonio e dignidade. Hoxe quedan uns 3.000 socios que van ser atendidos por unha empresa privada mediante un convenio. 

Poida que a Casa de Galicia comezase a perder forza cando o bergantiñán Luís Andrade Castro derrotou nunha asemblea ao sector histórico dos dignos seguidores dos fundadores. O éxito de Andrade en sucesivas eleccións non ten relación ningunha coa xestión eficaz da entidade senón coa “enchufada masiva” de empregados que nas eleccións de autoridades e pola conta que lles tiña, recadaban o apoio nas urnas de achegados e familiares. Durante a primeira presidencia de Andrade, o moi nobre don Xesús Canabal Fuentes (Medalla Castelao) falou con el para propoñerlle o estudo da posibilidade de separación xurídica entre cultura e sanidade. Don Xesús quería evitar que os problemas na asistencia médico-hospitalaria levasen a unha intervención do goberno que estragase tamén o apartado cultural. Aínda que Andrade lle tiña moita consideración non lle prestou atención a unha moi razoable suxestión do emigrante do Amenal.

Coido que os actuais directivos da Casa de Galicia non desexan convertirse en enterradores como os compatriotas da outra beira do Río da Prata. Supoño, prefiren, ser sementadores de futuro. Aínda están a tempo de non esfarelar a herdanza que recibiron. O primeiro é informar ao ministerio de Saúde Pública e tamén ao presidente Vázquez de que o tema vaise estudar con rigorosidade e ampla información aos asociados xa que será unha asemblea extraordinaria a que autorice a escisión ou división patrimonial. Trátase de que a mutualista responda a calquera reclamación co seu patrimonio  (hospital da avenida Millán, panteón no Cemiterio do Norte e policlínicas) e que as actividades culturais teñan lugar no edificio da avenida 18 de Xullo e na Quinta Social. Sei que o asunto ten as súas dificultades. Espero que os atrancos administrativos non sexan un freo a unha iniciativa que sae da razón e do corazón.  

Logo de feita a separación patrimonial poida que o hospital teña problemas e que as cotas mensuais dos asociados non cheguen para o cumprimento dos gastos orzamentarios. Entón, antes de caer en despedimentos e retrasos, o máis axeitado e doar o hospital para enriquecemento da rede pública do Sistema Nacional de Saúde. Hai máis dun século, cando o xornalista baionés Rodríguez Barreiro funda a Casa de Galicia, era unha necesidade ter un servizo propio de asistencia médica duns emigrantes que ancoraban en terra allea. Hoxe os descendentes son cidadáns uruguaios e por tanto viven no seu propio fogar. A doazón do hospital faise en agradecemento ao xeneroso acollemento dun país que agarimou aos valentes galegos que ergueron o seu niño na Banda Oriental. Arriba Casa de Galicia de Montevideo! 

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

Un ano en Bos Aires