Venres. 29.03.2024
El tiempo

O mes de marzo en Bos Aires

O mes de marzo en Bos Aires

Doña Macrigaita non se move de debaixo da parra. A calor está ben para os novos pero os maiores necesitan dunha boa sombra que os protexa. Atrás quedaron aqueles anos de mirarse no espello para ver si a pel agarraba cor. Agora ten verdadeiras preocupacións. Ao final dos seus días, vai tirando, cunha pequena xubilación. Menos mal que non paga aluguer ao quedarse coa casa que levantaron os vellos loitadores galegos. Votou con ilusión a Macri para acabar coa festa dos graxa peronista. Non entende que os paus llos dean a ela que sempre traballou. Non se queixa en público pero está abatida. O tema está claro: non lle queda un mango logo de pagar as tarifas. Estase salvando de caer nunha depresión grazas ao mate diario coa medicinal herba "Abuelita" que elaboran os nosos veciños uruguaios.

Fai máis de 60 anos que en viaxe de noivos visitou o casino "Parque Hotel" en Montevideo. Alí xogou por primeira e única vez. Xogou unha ficha e gañou. Nunca máis entrou nun casino e nunca fixo unha quiniela xa que a timba é un vicio que destrúe ás familias. Acaba de ter noticias da capital uruguaia por unha curmá que é incha do carnaval uruguaio. É unha admiradora especial do desfile das "Llamadas" cos tamboriles candomberos. Contoulle que está todo moi arranxadiño e con menos inseguridade nas rúas que na CABA. Ao cambio actual, co dólar a 40 pesos, está caro ir a Montevideo pero morfarse un incrible "chivito" en "18" non ten prezo. Respírase futuro do outro lado do charco. Fai anos que teñen controlada á inflación e cun consumo estable evítanse sobresaltos na actividade económica.

Hai algo que lle comentou a curmá que deixou a doña Macrigaita bastante desconcertada. Non sabe que pensar porque o asunto é complicado. Díxolle que a mutualista "Casa de Galicia", entidade semellante ao Centro Galego de Bos Aires, está en forte expansión. Que me estás contando? É igual que acá, pagas unha cota mensual e tes dereito a asistencia médica e actividades culturais para elixir. Mentres na beira montevideana pasan dos 50.000 socios na esquina de Belgrano e Pasco, si mal non recorda, non se chega aos 5.000 asociados. Na última asemblea aprobouse por unanimidade o proxecto de nova obra na sé central que significa unha remodelación total nun solar de 4.500 m² con fronte a dúas rúas do centro da capital uruguaia. O novo edificio terá 7 pisos pola rúa Colonia e 11 pisos pola avenida 18 de Xullo. No subsolo e baixo de cálea Colonia instalarase a Sección de Urxencias con quirófano.

A curmá deulle máis detalles sobre un investimento que poñerá a Casa de Galicia á fronte das mutualistas uruguaias pero o que verdadeiramente lle importa é saber a razón do éxito montevideano. Quizais haxa que mirar cara a onde se empuxa. É evidente que os galegos montevideanos empuxan para arriba e os porteños para abaixo. Di doña Macrigaita que "é triste ver ao Centro Galego afundido pero a esperanza é o último que se perde". Está esperando poder falar coa ministra Stanley (fai máis de dous anos que cun grupo de socias macristas asinaron unha carta pedindo ser recibidas) para facerlle ver que os fondos que transfire o INAES van destinados ao pago do equipo interventor que Moyanito dirixe con man firme. Necesítanse máis pesos para que o persoal deixe a dieta obrigada ao cobrar unhas chauchitas por semana.

Ao final vai resultar que teñen razón os que non votaron a Macri e vai ser certo que estamos peor. Non quero crer nada do que din os peronchos pero cada mes que pasa podo comprar menos comida. Algo está pasando. Non falo do costo da roupa e tampouco do calzado. Aos meus anos arránxome co que teño no roupeiro de anos atrás. Tamén lle dirá á ministra Stanley que os xubilados están na lona. Deberíanse de establecer uns descontos especiais no auga, gas e luz para aqueles que ingresan menos de 20 mil pesos mensuales. As fillas de galegos non choriquean. Considérase con forzas suficientes para non marchar ao spiedo ata dentro duns anos.

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

Comentarios