Mércores. 16.10.2024
El tiempo

Maracanaço

Óscar Omar Míguez Antón no MARACANACO
Óscar Omar Míguez Antón no Maracanaço

Jacinto fue canillita, Jacinto fue changador.
Y en las canchas de la vida, siempre enteró se jugó.
Jacinto de los bohemios, Jacinto del mirasol.
Jacinto Obdulio Varela, fútbol, estaño y tambor.
(Roberto Bianco)

 

Non tiñamos que gañar. O equipo de Brasil era moito mellor que o noso pero hai veces en que a actitude é o que máis conta. Eramos un grupo desanimado cuns dirixentes que non confiaban en nós e que foron a Río de Janeiro en mala relación cos xogadores. Eran tempos nos que ao poñerche a camiseta dun cadro de Primeira te convertías nunha persoa coñecida ou medio coñecida. Isto permitíache pedirlle aos políticos colorados da “15” que che fixesen un lugarcito no municipio para así poderte xubilar xa que a guita que se movía no fútbol non ía ao peto do xogador ao que arranxaban cun asado e un apretón de mans. Cando terminou o partido acordeime dos meus devanceiros africanos que segundo me contaron foron propiedade dunha familia galega de Montevideo. É evidente que os meus dous apelidos, Muiños e Varela, son orixinarios da verde terra atlántica de Rosalía de Castro. Na selección había un fillo de galegos, un gaita auténtico, era o bo de Óscar Omar Míguez Antón. As voltas da vida fixeron que o meu sangue africano movéseme as gambas cunha certa destreza para darlle acertadas patadas á pelota. Si o traslado forzoso dos meus antecesores fora para recoller algodón no sur de Estados Unidos, é case seguro que sería músico de blues ou de jazz. Doña Juana, que en paz descansa, diría que foi o destino o que me fixo campión do mundo en Maracaná. Supoño que a vella querida ten razón. É incrible, che, un diarero do barrio de La Teja que non puido terminar a escola fixo calar a 200.000 mil apaixonadas gargantas ao ver o pase que lle metía a Alcides. Bueno, a verdade é que foi antes, no primeiro tempo, cando enmudecí ao xigantesco estadio. Ocorréulleme meter a pelota debaixo do brazo e protestar o gol por orsai. Eses minutos permitíronnos respirar. Creo sinceramente que a miña actitude axudou a tranquilizar aos meus compañeiros que puideron sacarse o agarrotamiento e empezar a xogar con soltura como cando eramos botijas na canchita do barrio.

 

Aínda que pasaron 70 anos desde que tivo lugar a celebración do campionato mundial de fútbol en Río de Janeiro -que foi a capital de Brasil ata 1960- permanece nítida en millóns de persoas de todo o mundo a imaxe dun estadio de Maracaná con 200.000 gargantas, gritando forte: Brasil! Brasil! ¡Brasil! Aquela final do 16 de xullo de 1950 é unha gesta deportiva de carácter absolutamente extraordinario xa que contra todo pronóstico a copa foi entregada por Jules Rimet ao capitán da selección Uruguaia, Obdulio Jacinto Muiños Varela.

Obdulio Varela recibindo a Copa do Mundo do Maracanaco
Obdulio Varela recibindo a Copa do Mundo do Maracanaço

O adestrador, Juan López Fontana (en Uruguai chámaselle director técnico, D.T.) non pensaba en gañar o partido pero tivo a decencia de non apostar en contra de Uruguai como si fixeron os dirixentes a voz expresando a súa conformidade cun resultado a favor de Brasil de non máis de catro goles. Antes de saír á cancha, no vestuario, o adestrador comentou cos xogadores que era necesario evitar unha goleada e xogar á defensiva. Ao quedarse sos os xogadores foi cando o “Negro Xefe” se rebelou en contra do pesimismo e dixo: “Juancito é un bo home pero agora equivócase. Si xogamos a defendernos, sucederanos o mesmo que a Suecia ou España”. Uns minutos antes de que o árbitro inglés George Reader pite o comezo é cando o gran capitán expresa a súa famosa arenga sobre a posibilidade de gañarlle a Brasil. Son palabras que debemos de repetir cando sentimos abatimiento polos reveses da vida: Non pensen en toda esa xente. Non miren para arriba. O partido xógase abaixo e os de fóra son de pau. No campo seremos once contra once e o partido gáñase cos ovos na punta dos botíns.

Interésame destacar a diferenza de poboación que había entre o país anfitrión (53.974.727) e a República Oriental do Uruguai (2.238.501) para tratar de entender a traxedia que supuxo a inesperada, inexplicable e imprevista derrota. Estou pensando na expresión facial de medio millón de cidadáns que se desfixeron a fume de carozo do seu recentemente comprada branca camiseta (a equipación oficial brasileira era de cor branca con ribetes en azul) que fora estampada para a ocasión co texto de “Brasil Campeãou 1950”. Esta tristeza foi compartida por don Obdulio, soamente a súa nai chamáballe Jacinto, que foi realmente quen gañou o partido coa súa honrada forza emocional.

É certo que os goles foron de Schiaffino e de Ghiggia pero sen o nobre corazón do “Negro Xefe” non se gañou a final. Debo mencionar que o mal ambiente que reinaba entre dirixentes e xogadores era debido a unha longa folga de xogadores do fútbol profesional uruguaio que foi liderada por don Obdulio. A protesta era xusta. Reclamábanse lexítimos dereitos socio-laborais pero na dirixencia eran case todos uns experimentados coimeros que non querían perder ingresos.

ghiggia-uruguai-mazacanaco-1950
Gol de Ghiggia

A gran festa para o final do partido (a banda de música preparou o estreo dunha marcha triunfal titulada Brasil Campeãou pero como non se contaba co triunfo “celeste” non tiñan a partitura do himno uruguaio) converteuse no funeral máis multitudinario do mundo. O presidente da FIFA, o francés Jules Rimet, levaba escrito o seu discurso, en portugués, para a cerimonia de entrega do trofeo ao equipo que se supoñía sería o campión do mundo. Uns anos despois do partido (Rimet foi presidente da FIFA desde 1921 ata 1954) recordaba aquela inusual final do Maracaná: Todo estaba previsto, excepto o triunfo de Uruguai. Ao término do partido, eu debía entregar a copa ao capitán do equipo campión. Unha vistosa garda de honor formaríase desde o túnel ata o centro do campo de xogo, onde estaría esperándome o capitán do equipo vencedor (naturalmente Brasil). Preparei o meu discurso e funme aos vestuarios poucos minutos antes de terminar o partido (estaban empatando un a un e o empate ditaminaba campión ao equipo local) pero cando camiñaba polos corredores, de súpeto, interrompeuse o griterío infernal. Á saída do túnel, un silencio desolador dominaba o estadio. Nin garda de honor, nin himno nacional, nin discurso, nin entrega solemne. Atopeime só, coa copa nos meus brazos e sen saber que facer. No tumulto, terminei por descubrir ao capitán uruguaio, Obdulio Varela e case ás agachadas entregueille a estatuilla de ouro, estreitándolle a man e retireime sen poder dicirlle unha soa palabra de felicitación para o seu equipo.

Obdulio Varela porteiro de Uruguai no Maracanaco
Roque Máspoli, o porteiro do Uruguai, durante o gol de Brasil

Nunha das escasas entrevistas concedidas por don Obdulio en Montevideo (era moi reacio aos comentarios públicos xa que estaba moi queimado ao ter que soportar a uns dirixentes que eran coimeros, mentirosos e hipócritas) expresou o seguinte: A verdade é que si ese partido o xogamos outras 99 veces, perdiámolas todas, pero ese día tocounos o partido 100. Despois do partido, houbo celebración na embaixada Uruguaia. Aquí é onde o noso heroe fai uso do seu coherencia de persoa honrada e non asiches á recepción na sé diplomática. Achegouse a un boliche (taberna) próximo ao hotel para tomar unha cana (cachaça) na que o grupo de clientes habituais lamentábase pola derrota. Entrou e enseguida recoñecérono. Foi abrazado por todos ao ver que choraba ao tratar de explicarlles que o vencedor da final non debeu de ser Uruguai. Chamábanlle Obidulio. O noso gran heroe nunca os esqueceu. A súa humildade e nobreza solidaria facíano poñerse á beira do que sofre ou está en situación de desvantaxe, sexa física ou emocional. ¡GLORIA ETERNA PARA DON OBDULIO!

 

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

Comentarios