Sábado. 18.05.2024
El tiempo
Manuel Varela
16:36
30/09/10

Veteranos, novas promesas e un fin de ano

Veteranos, novas promesas e un fin de ano
Xurdía o tema en diferentes conversas con apaixonados seguidores da Liga da Costa, e a conclusión á que se chegaba era sempre a mesma: non hai relevo para os xogadores referencia da liga, que ían chegando a unha idade respectable e acercándose á retirada, pero que en moitos casos tiñan que prolongar as súas carreiras porque das canteiras non saían xogadores de suficiente calidade para substituílos. Era unha visión pesimista, acorde cos tempos que corren, nos que a oferta deportiva e de ocio é tan ampla que poucos son os rapaces que toman o fútbol como bandeira e as cores do equipo do seu pobo como tradición. Substituír a Moriño en Camariñas resulta empresa imposible. Talento diferente, xogador dos de balón pegado ó pé, é unha reminiscencia do fútbol de antes, cando o físico aínda non era un factor desequilibrante. Algo parecido pasa en Corme con Alejandro, que a pesar de que os seus compañeiros de quinta e glorias, lease Lentejo, Felipe, Braulio ou Miguel Torrado xa parece que tomaron o camiño do retiro, el segue a dar leccións maxistrais nos campos costeiros, acompañado de outro vello rockeiro, o central Lelo Cordobés, coa súa eterna rodilleira, que aínda impón respecto na zaga cormelá. O dianteiro trotamundos Manoliño, cunha irregular carreira ás costas, parece que atopou unha segunda xuventude en Fisterra, rodeado do talentoso cadro verde. Juan o Vello sacrificou o amor a unhas cores por un proxecto de altura ó lado de Manolín en Camariñas. En Baio, os xa míticos Martín e Diego Díaz compatibilizan as últimas patadas ó balón coa tarefa de poñer as primeiras pedras dun proxecto a longo prazo dende a directiva. O xenial dianteiro Piti compite en Muros con compañeiros os que saca bastantes anos de idade. O racial central Puñal é o ultimo de Filipinas no San Lorenzo, nun equipo que viu como nos últimos anos se retiraban xogadores franquicia como o agora míster Óscar Suarez ou o clásico centrocampista Manín. Juanjo en Sofán soporta como pode a marcha do eterno capitán Suso Docampo ó Cabana, e segue a demostrar o por que é considerado un dos mellores defensas da liga, mostrando un nivel físico impropio dos seus 34 anos. O centro da defensa da Esteirana está formado por dous vellos rockeiros, Adelino e Dani Rama, que voltou á Costa tras o seu exitoso paso por categorías superiores no Noia. Pastoriza apura os seus últimos destellos de calidade e garra na Ponte do Porto, e o xenial e imprevisible Manu Pardo, mestre da chilena e do disparo lonxano criado na praia malpicana, comparte vestiario co eterno capitán azul Marco Posiño, exemplo de dedicación a un clube. O gran Repi, tras unha carreira brillantísima, imparte cátedra en Caion, e os ex do Zas, Norberto, Mario e David tentan gañar unha liga co Ponteceso antes de colgar os bártulos. Pero algo está cambiando. Ou iso queren ver os meus ollos. Sen falar dunha xeración intermedia, a de xogadores entre 23 e 30 anos, que son agora maioría e que dominan en boa lóxica os planteis costeiros, prodúceme certo optimismo ver como algún rapaz asoma a cabeza e nos asombra coa súa calidade, aínda que sexa a destellos pequenos. Os xogadores que dominarán a liga da Costa nos próximos anos, talentos emerxentes dos que se está a falar cada vez mais. En Corme están os meus preferidos, o dúo máxico, Lucas e Alejo. O centrocampista manexa o esférico coa facilidade coa que outros xoga ó FIFA na consola. O dianteiro, permanentemente casado co gol, ten esa xenialidade tan de Corme que decide partidos nun instante mínimo. No San Lorenzo incuba o Bergantiños varios talentos tremendos: o mediocentro Alex, xogador que busca a perfección de Mauro Silva, o lateral Iván Rey, de calidade exquisita, o creador Styven, tremenda pegada, carácter polémico e calidade a raudais, e o dianteiro Alexandre, físico portentoso, zancada insuperable. Os catro están chamados a categorías mais altas. No Club do Mar xoga o díscolo Abel, ex do Sofan, que tenta atopar sitio á súa desbordante potencia e a unha fame de gol impropia dun rapaz tan novo. A sempre prolífica canteira de Esteiro leva varios anos de bo traballo, e agora forman no primeiro equipo con moitos rapaces xóvenes con trato exquisito do balón, xa falemos de Uru, Cajulo, Alex ou o poderoso goleador Roberto Pladur. O rápido Guerra, aínda que traído de outros lares, ten tamén un gran futuro na costa. Os seus veciños de Muros son outro bo exemplo de calidade e garra tan propia da Costa, e ós xa consagrados Mayuyo, Seluco ou Ruben, únense agora varios dos que levan asombrando en categorías inferiores, entre os que destaca o centrocampista Dani e o talentoso Toni, unha das grandes esperanzas costeiras e un dos mellores proxectos de futbolista que por aquí temos. Huelvis en Castriz ten traballo por diante para abastecer ó Santa Comba de 3ª División, e conta no seu plantel cos habilidosos extremos Noli e Oscarín, habituais nas convocatorias de Gelucho. En Baio hai unha aposta clara pola canteira, dirixida dende o equipo xuvenil polo ex xogador Nacho, e cunha directiva que sabe o que se fai. O sobrio defensa Jose Antonio presentase como o sucesor de Diego Diaz, o hábil Canay é xa unha realidade mais que unha promesa, Andrés pon a súa polivalencia ó servizo do clube, e Martín MC ten o gol entre cella e cella. Esperemos que todos estes rapaces, e moitos mais que se me quedan no tinteiro, non se perdan polo camiño e nos dean anos de bo fútbol os afeccionados. Non quero rematar este escrito sen mencionar o que para min é o detalle da xornada: ¿Qué pasaría se a Federación puxera unha xornada de liga o 1 de xaneiro? ¿cantos xogadores acudirían en condicións mínimas de disputar os encontros? Pois resulta que en Corme, peculiares eles, poñen o fin de ano cando lles place, e ademais xogan ó día seguinte. E non crean vostedes que o fan de calquera maneira, non, senón que aínda por encima logran empatar ante todo un Malpica. O do Corme é para escribir un libro, ogalla alguén se decida algún día a facelo, porque historias para elo hai de sobra.

Comentarios