Martes. 22.09.2020
El tiempo
Manuel Vilar
08:26
22/01/13

As Aberturas

As Aberturas é un topónimo dos montes de Moraime, montes que caen sobre o mar facendo este tramo da costa un dos máis abruptos e identificativo da Costa da Morte; montes que separan as terras interiores do mar que bate con furia nos ergueitos cantís.

As Aberturas é un alto por onde pasa o camiño que permite comunicar as terras de Moraime coas que están na outra banda, coas parroquias de Morquintián e Touriñán, e cas que caen cara a Fisterra. Por aquí pasa o Camiño cara a Muxía e por aquí, polo alto do monte, ían as mulleres co cesto na cabeza a vender produtos labregos a Muxía, ou viñan as pescas co peixe a vender nas aldeas.

Pero tamén, polas Aberturas, entran os aires do mar, polo que as aldeas do interior non están totalmente de costas ao mar:chéganlles os aires do mar, o bruar deste.

Hoxe, As Aberturas estase transformando dun monte pelado e onde pastaban cabalos e outros gandos, nun monte eucaliptizado e agardando polos muños de vento. Entón, volverá ser de novo imaxe referencial da Costa da Morte: unha costa inzada de virotas, como din algúns vellos.

A memoria pegada a este lugar consérvana os e as que por el pasaron, xente que sabe dos microtopónimos, que pode sinalar as mámoas (medias destruídas polas pistas ou comestas polos eucaliptos), que teñen historias de lobos e de medos, etc.

Pareceume este nome identificativo para esta miña colaboración en QPC. Quero falar de lugares e de xente, de lugares que cambian, pero que foron e tiveron importancia para outro sistema de vida, lugares que ao tempo que nos vinculan co mar nos separan del. Lugares que forman parte da vida das xentes normais, das xentes que fixeron posible o habitar esta Terra milenaria de Nemancos.


As Aberturas

Outros artigos de Manuel Vilar

Serie "De Carnota a Astoria: “Vin porque me trouxeron, non quería vir”", por Manuel Vilar

Fonte

  • Redacción e fotos de Manuel Vilar para QPC.

comentarios